Celanova rescata 200 vidas de mulleres vítimas do fascismo

MOSTRA DAS HISTORIAS

Unha mostra en Celanova recolle as historias de presas no cárcere de mulleres e mestras depuradas ao inicio da guerra civil.

Familiares de Delfina e Ermitas, dúas das sete de Quins (Melón), na inauguración da exposición.
Familiares de Delfina e Ermitas, dúas das sete de Quins (Melón), na inauguración da exposición. | Humberto Vergara

Rosa Franco Vázquez ingresou na prisión de mulleres de Celanova o 30 de decembro de 1937. Era veciña de Barbadás. Vivía no lugar das Lamas, nunha gran casa familiar coñecida como O Cuartel, era unha labrega regateira con pedra na praza de abastos. Aos 13 anos casou con Antonio González, que andivera por Cuba, e tiveron seis fillos. A dous deles, o Isauro e o Jesús, a guerra colleunos en idade militar. Do Jesús, a memoria familiar conta que se incorporou a filas e morreu en combate.

O Isauro non se presentou, detivérono o 20 de decembro de 36, e do cárcere de Ourense foi para Teruel. Sendo lexionario pasouse á zona republicana na fronte de Madrid. Como represalia, á Rosa e ao Antonio metéronos presos en Celanova. A ela, no cárcere de mulleres. O Isauro foi fusilado e soterrado nunha fosa común en Boadilla del Monte (Madrid), que acabaría sendo trasladada a Cuelgamuros.

A historia de Rosa, recuperada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova a través dunha neta, María Antonia, fai parte da exposición “Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova”, comisariada pola historiadora Rosa Cid Galante, e que se pode visitar até mañá (en horario de 10,30 a 13,30) no AMIC. A mostra estará despois en Ramirás (a partir do luns 27) e Verea (desde o 17 de agosto) antes de volver a Celanova co comezo do curso escolar.

Rosa, cos fillos e o seu marido, Antonio, que tamén foi preso en Celanova.
Rosa, cos fillos e o seu marido, Antonio, que tamén foi preso en Celanova. | FAMILIA FRANCO GONZÁLEZ

María Antonia participou nunha mesa redonda con outras familiares, as de Ubaladina, María, Delfina, Dolores, Ermitas e Áurea, esta última, unha mestra de Santa María de Cexo (Verea), irmá dun mestre paseado en agosto do 36, depurada ela nun daqueles procedementos que con data moi temperá e a quen o cura da parroquia, don Jerónimo Crespo, acusou de ter feito “propaganda disolvente por donde pudo”.

“Afondamos quizais na ferida máis profunda: as que foron represaliadas, encarceradas e humilladas tras o golpe de Estado de 1936”, explicou na xornada previa á inauguración da exposición Rosa Cid. “Cos relatos e testemuñas das familias das vítimas, saímos da ortodoxia histórica para mergullarnos na historia das emocións”, dixo.

Na mostra, financiada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática, expóñense documentos que acreditan a rápida reconversión da prisión de partido en cadea de mulleres (un oficio do 20 de agosto de 1936), declaracións das penadas, imaxes inéditas dalgunha das sete de Quins, encarceradas por protexer a fillos e maridos, facsímiles de Escuela de Trabajo (a revista dos mestres e mestras ourensás) e expedientes carcerarios como o de María Gayo, de Ramirás, presa nos anos corenta por agochar fuxidos.

Contenido patrocinado

stats