Silencio!… ródase na vila

Película biográfica

As cámaras, os micrófonos e os equipos de rodaxe comezan a formar parte da paisaxe. A monumental vila de San Rosendo conserva o seu carácter pétreo e atemporal que, tan pronto acolle un filme actual, do medievo ou de principios do século XX en Italia, caso desta semana.

Un momento da rodaxe do filme este pasado luns na Praza Maior de Celanova, e  Rubén Méndez na Praza Maior
Un momento da rodaxe do filme este pasado luns na Praza Maior de Celanova, e Rubén Méndez na Praza Maior | L.F.

O cineasta de Vilanova dos Infantes, Rubén Méndez, escolleu a vila de San Rosendo para a rodaxe da película biográfica de Friedrich Jürgenson, artista nacionalizado sueco, a súa primeira longametraxe. Unha historia que trasladará ao espectador á Italia de mediados do século XX, nuns escenarios rodados en distintos lugares de Celanova.

A pesar do ‘apagón’ do luns, o equipo de rodaxe logrou completar ao longo da semana a súa rodaxe na Praza Maior, pero tamén na adega de san Vivián, emulando estar nas catacumbas do Vaticano, e no castro de Castromao, as ruínas de Pompeia.

Nos últimos tempos, a vila de San Rosendo estase a consolidar como escenario de gravación, tanto de artistas noveis como consolidados. No que vai de ano foron varias as rodaxes, amateur e profesionais, rodados no municipio. Pero a presenza de Celanova no audiovisual se remonta á década dos anos 60 cando Pedro Olea escolleu Celanova e A Bola para a rodaxe de “El bosque del lobo”. Tempo despois foi Laura Gardós -neta do cineasta de Cartelle Carlos Velo- quen estivo rodando na vila “Años después”. Más recentes e mediáticos foron ás rodaxes de “Elisa y Marcela” de Isabel Coixet no 2019 e “El desorden que dejas” do celanovés Carlos Montero. A lista de proxectos, onde tamén está a serie “El final del camino”, amplíase cos diferentes traballos audiovisuais feitos polos cineastas locais Xudit Casas, Aser Álvarez ou Bruno Nieto.

No haber da vila non pasan desapercibidas máis de dúas décadas organizando e acollendo aos universitarios participantes no curso de medios audiovisuais (CeMAC), ao que posteriormente se lle engadiu o campo de voluntariado internacional sobre o audiovisual galego. Unha pegada académica que ten os seus froitos no sector, a vista da penúltima rodaxe, “8 Portas”, no mes de abril, con antigos alumnos do CeMAC.

Rubén Méndez, escritor e cineasta: “Rodamos en Celanova pasaxes de Italia, ao final o cine é maxia”

O apagamento do pasado luns obrigou a reestruturar as xornadas de rodaxe do novo proxecto audiovisual de Rubén Méndez. O cineasta e escritor nado en Vilanova dos Infantes, escolleu a súa terra para representar a Italia de principios do século XX.

Pregunta. Que che trouxo ata Celanova?

Respuesta. Estamos gravando unha película biográfica (biopic) dun artista nacionalizado sueco -aínda que naceu no que hoxe é Ucraína- que adicábase á pintura, opera, audiovisual… era moi polifacético. Pero o que destaca de el, o máis importante é que foi un pioneiro do que hoxe entendemos como psicofonías. Pero, nas antípodas da parte esotérica. El investigaba sempre dende o punto de vista máis científico, dende a física cuántica. Aínda non podemos dicir o nome, pero será un pouco a súa biografía.

P. Por que escollestes Celanova como escenario de gravación?

R. Porque suponse que agora mesmo estamos en Italia, anos 30. Haberá que tapar o cartel do café-bar, pero basicamente a Praza Maior podería ser unha praza italiana. A adega de San Vivián, en Vilanova dos Infantes, corresponderase na trama coas catacumbas do Vaticano e, no castro de Castromao, as ruínas de Pompeia. Que non ten nada que ver… pero ao final o cine é maxia.

P. Quen esta detrás?

R. É unha produtora que acaba de nacer, que se chama Vivir y Ser Multimedia, con sede en Barbadás e do que son produtor, director e guionista. Este será o primeiro proxecto, e ten ademáis unha particularidade que é a defensa dos animais. Unha parte dos incentivos que se consigan con isto se van adicar a protección dos animais, en concreto de colonias felinas, que están un pouco abandonadas. Estanse empezando a facer cousas, pero aínda queda moito traballo por facer.

P. No que vai de ano foron varios os equipos que escolleron Celanova como escenario de gravación, que ten a vila para atraer ao sector?

R. Celanova préstase moito e, non só como escenario. Celanova é terra de cineastas. Hai moita xente traballando no audiovisual: Carlos Montero, Bruno Nieto... Esta é terra de poetas e moito máis!

P. Cando poderemos vela?

R. Este proxecto aínda nos queda traballo por diante, algunha xornada máis de rodaxe en estudio. Eu conto telo preparado para outono e eu quería facer unha premiere no Auditorio Ilduara, porque será tamén a miña primeira longametraxe. A idea é presentalo aos festivais, é o que fago sempre cos meus proxectos para darlle un pouco de prestixio. Os premios non aportan máis ca aplausos.

Contenido patrocinado

stats