Jorge González: "O concerto amosará a oferta musical da vila con Curros Enríquez como fío condutor"

Entrevista a Jorge González músico da Banda de Celanova

Jorge González.
Jorge González.

Os poemas de Curros Enríquez volverán a soar este domingo, ás 19,00 horas, no Claustro Barroco do Mosteiro de Celanova, con motivo do concerto “Aires d’a miña terra”. Jorge González fala do patrimonio musical celanovés e do que supón este segunda actuación no marco do proxecto “Emocións”.

Cal é o obxectivo?

Un pouco poñer en colaboración o patrimonio musical que ten Celanova, buscar unha sinerxia, unión entre diversos colectivos musicais da vila co Curros Enríquez como fío condutor. O domingo subirán ao escenario unha ducia de artistas e agrupacións, unhas 150 persoas.

Que se poderá atopar o público?

Para quen veu fai dous anos, un despregamento moito maior de música, de sensacións, de estar dentro, nun ambiente mais relaxado e sen restricións. Os que non, coñecer de primeira man a poesía de Curros, a cultura e oferta musical que ten Celanova.

Foi difícil xuntalos a todos?

Un pouco si, porque coordinar os diferentes grupos, as axendas cos ensaios e concertos de cada un, non foi doado. Tras a primeira edición, tiñamos o camiño andado con algún colectivo que xa estiveron actuando como o coro colaborativo, o de Solpor… tamén no tema das partituras… xa estaba todo atado e só tivemos que difundir as partituras entre os grupos. O reto tamén foi coordinar co Coro da Escola Municipal de Música de Vigo, no marco do seu 25 aniversario.

Este será o segundo concerto, veu para quedarse?

Non o sei, haberá que pensalo moito. Tiñamos moitas ganas de volver a facelo sen restricións sanitarias. O que non debe decaer é esta data, quizais non co repertorio completo, pero si concertos con algunhas destas pezas ou con outras. A partir desta composición feita polo compositor Manuel Alejandro López Pérez, ten que quedar este fluxo de sensacións, de facer cousas en común, manterse. Coa coral temos outra colaboración en agosto. Tamén con Lembranza Solpor. O ánimo está en facer cousas xuntos.

Haberá que engadir a música ao eslogan ‘pedra e poesía’?

Levamos loitando moito por iso, agora xa o puxeron no obelisco -instalado recentemente no acceso á vila-. Pero é que temos unha banda con 170 anos de historia, unha escola de música que vén facendo un gran traballo, a Coral Solpor, Lembranza Solpor e outros moitos grupos mais. Dá gusto ter esta oferta musical nunha vila como Celanova, facer todo tipo de colaboracións e que salgan tan fluídas.

Contenido patrocinado

stats