Xosé Lois González, autor de “O Carrabouxo” y colaborador de La Región, recibe o XLII Premio Celanova, Casa dos Poetas
PIONEIRO EN GALICIA
O XLII Premio Celanova, Casa dos Poetas recoñece a traxectoria de Xosé Lois González, autor de “O Carrabouxo” e colaborador deste xornal, un dos grandes pioneiros do humorismo gráfico galego da etapa democrática.
A Fundación Curros Enríquez anunciou a concesión do XLII Premio “Celanova, Casa dos Poetas” a Xosé Lois González, creador de “O Carrabouxo” e ilustrador en La Región, en recoñecemento á súa longa e destacada carreira como humorista gráfico e pola súa contribución pioneira ao humorismo en Galicia.
O autor, natural da provincia de Ourense, leva publicando viñetas dende 1982 nas páxinas deste xornal, converténdose nun dos referentes do xénero na etapa democrática. Ao longo de máis de catro décadas, o seu estilo consolidouse como un digno continuador da tradición iniciada por Castelao, mantendo viva unha forma de humor profundamente ligada á realidade social e cultural do país.
Segundo destacou a entidade organizadora, a obra de “O Carrabouxo” bebe tamén dos rexistros sociolóxicos da sorna, a rexouba, o trasacordo, a retrórica e a retranca, elementos característicos do humor galego que xa aparecían en publicacións históricas como Tío Marcos da Portela ou no popular Catecismo do labrego. A través deles, o autor soubo interpretar con agudeza e ironía as pequenas e grandes cuestións da vida cotiá.
A Fundación Curros Enríquez quixo salientar con este galardón non só a capacidade intelectual do autor e do seu coñecido “alter ego”, senón tamén a súa habilidade para extraer cada día da actualidade unha lectura alternativa e persoal. As súas viñetas, publicadas a diario, procuran provocar no lectorado un sorriso responsable e reflexivo, empregando o humor como unha auténtica ferramenta comunicativa capaz de axitar conciencias e fomentar a reflexión social.
O recoñecemento pon tamén en valor o compromiso cultural e patrimonial que Xosé Lois González mantivo dende os anos oitenta co proceso de recuperación da casa familiar de Curros Enríquez para o patrimonio público. Ese esforzo colectivo fixo posible que hoxe a Casa dos Poetas de Celanova sexa un referente cultural en Galicia e un motivo de orgullo para a sociedade galega.
Con este premio, Celanova rende homenaxe a un creador que, a través do humor e da retranca, leva décadas retratando a realidade do país e contribuíndo a manter viva unha das tradicións máis características da cultura galega.
“Celanova, Casa dos Poetas”
Coa data moi escollida por ser o 7 de marzo, día que morreu o poeta Manuel Curros Enríquez fai 118 anos, o Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse coa presenza de representantes do Concello de Celanova, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, da Universidade de Vigo e outros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2025 e outros asuntos internos da entidade, ademais da concesión do premio.
Como valoración do ano 2025, destacouse ás máis de 12.000 persoas atendidas pola Fundación Curros Enríquez, resultado motivado nas actividades e servizos que a entidade desenvolveu en diversos lugares como son a Casa dos Poetas e a Torre de Vilanova dos Infantes entres outros. Destacando en especial a recepción de máis de 6.000 visitantes atendidos en concreto na Casa dos Poetas e sempre atentos ós grupos de escolares que alcanzou a cifra de 2.600 escolares na participación do programa escolar “Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CREACIÓN DE VIVIENDA
2.000 casas vacías en Celanova y solo tres en alquiler
SEGUNDO DE BACHILLERATO
Galería | Emoción en la graduación y despedida de los alumnos del IES Celanova
Lo último
Nueva tecnología
Los seguros, otra ventana de oportunidad en el negocio de la IA
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, sábado 20 de junio?
Patricia López
BRÚJULA DIGITAL
No falta trabajo, falta quien quiera sostenerlo (en las condiciones de siempre)