Ana Villarino: "O rural ten presente e futuro, somos resilientes"

ENTREVISTA

Villarino é alcaldesa de Oímbra dende o 2015 e secretaria xeral do Partido Popular de Ourense dende o pasado setembro

Ana Villarino: "Nos meus plans de futuro está continuar en Oímbra"

Primeiro, de Oímbra. Despois de Ourense. Orgullosa da súa terra. Ana Villarino (Oímbra, 1973) leva o seu municipio alá onde vai e ten claro cal é o seu sitio: preto dos veciños. Primeira alcaldesa de Oímbra (2015) e secretaria xeral do Partido Popular de Ourense dende o pasado setembro. Unha muller que leva a palabra “resiliencia” da man, amosa os puntos fortes do seu concello, as vantaxes de vivir no rural e como compaxina dous cargos políticos.

OÍMBRA (CASA DO CONCELLO). 27/11/2021. OURENSE. Retrato e entrevista á alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo. FOTO: ÓSCAR PINAL
OÍMBRA (CASA DO CONCELLO). 27/11/2021. OURENSE. Retrato e entrevista á alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo. FOTO: ÓSCAR PINAL

Que é para vostede Oímbra?

É todo. Aquí nacín, crecín, e teño a miña familia. Tiven a fortuna de ser de Oímbra e agora de traballar representando aos meus veciños. Toda a miña vida se desenvolve aquí.

Entón, imaxino que os seus plans futuros están aquí…

Nunca se pode dicir o que vai pasar mañá porque a vida dá moitos cambios, pero do que non teño dúbida é que quero seguir aquí. En Oímbra son feliz, aquí está toda a miña vida... Nos meus plans futuros está continuar aquí.

Cales son os seus obxectivos?

O fundamental é ter a mellor calidade de vida para os nosos veciños. Iso pasa polo emprego, os mellores servizos e tamén unha forma de encontrar casa ou construír. Por exemplo, no emprego traballamos con axudas ao autoemprego. No tema da agricultura somos un concello hortofrutícola e estamos traballando con Medio Rural nun polígono agrario.

No que atinxe á vivenda imos construír unhas vivendas públicas, a idea é facer oito. Ademais, temos o programa “Vive Oímbra” na nosa páxina web, no que amosamos as casas dispoñibles no municipio.

Queremos continuar avanzando no tema turismo. Xa temos a ruta dos lagares rupestres, pero temos que seguir traballando en conxunto coa comarca para ofrecer un “pack” completo. Pensamos lanzar un proxecto dunha aplicación informática que serva como guía dos nosos destinos.

OÍMBRA (CASA DO CONCELLO). 27/11/2021. OURENSE. Retrato e entrevista á alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo. FOTO: ÓSCAR PINAL
OÍMBRA (CASA DO CONCELLO). 27/11/2021. OURENSE. Retrato e entrevista á alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo. FOTO: ÓSCAR PINAL

E os puntos fortes?

As boas comunicacións e os servizos. Temos un abanico importantísimo de servizos: escola infantil, colexio, plans de conciliación, centro de día… Tamén contamos cunha terra privilexiada. Vivir en Oímbra é unha opción estupenda.

Da a entender que vivir no rural é moi boa elección…

Estou totalmente convencida de que o rural ten presente e futuro, somos resilientes. Pero para iso son imprescindibles as boas comunicacións, como dixen, terrestres e informáticas. Neste eido nós estamos desenvolvendo a fibra óptica en todos os municipios e traballamos nun proxecto para poñer un punto wifi en todos os nosos núcleos rurais.

Agora compaxina Oímbra coa secretaría xeral do PP de Ourense. Como se organiza?

O meu día a día é como o de todos, andamos a mil (ri). A miña rutina é en Oímbra, pero ás veces teño que ir a diferentes lugares da provincia. Por iso fai falta vontade, ganas e dedicación, ademais de contar con bos equipos. Eu podo presumir de que conto con xente ao meu carón moi implicada, nos que podo delegar e facelo con total confianza.

OÍMBRA (CASA DO CONCELLO). 27/11/2021. OURENSE. Retrato e entrevista á alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo. FOTO: ÓSCAR PINAL
OÍMBRA (CASA DO CONCELLO). 27/11/2021. OURENSE. Retrato e entrevista á alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo. FOTO: ÓSCAR PINAL

Os cargos retroaliméntanse?

Si. Cando estás en Oímbra tes unha visión moi local, e ao ter un posto a nivel provincial tes unha visión máis ampla do territorio. Ás veces pensas que só tes un problema e o ver outros casos quedas tranquila, outras veces anticípaste porque ves outras experiencias… Para min é moi importante compaxinar estes cargos.

Algo curioso é que neste municipio a figura da muller ten gran protagonismo.

É certo, pero é froito da casualidade. É un paso que nun concello pequeno e rural a muller estea implementada en moitos aspectos da vida social e económica. Aínda así, non debería ser algo raro, con independencia do sexo, todos somos persoas e todos somos iguais dentro das nosas diferenzas. Eu nunca atopei inconveniente en nada do que fixen, penso que iso xa está algo superado, o importante é educar en igualdade.

Aos problemas que coñeciamos, sumouse a pandemia e o que conleva…

Por desgraza si, foi unha situación que nos puxo do revés a todos, pero hai que sacar o lado positivo. Eu aprendín que non nos podemos programar, debemos ser imaxinativos e que somos resilientes. Sen sabelo xa o eramos, e máis no rural. Aquí estamos afeitos a afrontar as adversidades e continuar, hai esperanza sempre.

Contenido patrocinado

stats