“Non se lles dá ás herbas medicinais o valor que verdadeiramente teñen"

ENTREVISTA

Dentro do programa Benestar e coidado da saúde para familias e nenos da comarca de Monterrei, María Fra, autora de "Remedios da nosa horta tradicional", impartirá hoxe luns na localidade de Sandín un taller de natureza e herbas medicinais. A actividade, que xa se celebrou en Laza e en Medeiros, comezará ás 19,00 horas.

María Fra Bagaría impartirá hoxe un taller na localidade de Sandín.
María Fra Bagaría impartirá hoxe un taller na localidade de Sandín.

¿Cal é o obxectivo dos cursos?

Son cursos curtiños e o obxectivo é que haxa un intercambio de saberes entre as participantes para revalorizar os coñecementos. Normalmente as mulleres que participan saben moito sobre as herbas, coñécenas e utilízanas. As plantas teñen unha serie de usos tradicionais que xa son recoñecidos pola fitoterapia, que é a rama da medicina que traballa con herbas medicinais. Sen embargo, están caendo no esquecemento porque non se lles da o valor que verdadeiramente teñen.

Cales son as propiedades máis básicas que poden ter as herbas medicinais?

Unha das herbas que máis vimos, pola altura do ano á que estamos, foi a herba de San Xoán. Ten un montón de propiedades antiinflamatorias, cicatrizantes... ademais, a día de hoxe, en países do norte de Europa onde a medicina natural ten máis arraigo, estase empregando para tratar as depresións. Hai outras como o sabugueiro, a herba dos carpinteiros, a verbena ou a malva. Unha mesma herba pode ter diferentes aplicacións. Hai unha coñecida en Verín coma 'sete costelas', do xénero plántago, que se pode empregar contra os catarros, como diurética, para os cálculos de ril ou infeccións de orina. Dominando tres herbiñas temos botiquín para un montón de cousas.

Non son coma os medicamentos.

Non. Os medicamentos son para usos máis específicos. Ata que a medicina tradicional non chegou a moitos sitios, esta era a que se empregaba para os problemas máis comúns.

Tamén hai riscos derivados dun mal uso das herbas.

Si, claro. Hai herbas que son difíciles de utilizar. Nós nos cursos vemos tipos de doenzas máis comúns, do día a día, un catarro ou unha infección de orina. Queremos, eso si, dignificar este tipo de medicina e coñecementos que foron transmitidos por mulleres de xeneración en xeneración. É empoderarnos tamén, porque este saber foi usurpado e perdemos colectivamente eses coñecementos para tamén xestionar a nosa saúde.

A xente do rural coñece ben as herbas medicinais.

Si, a maior parte das que empregamos as coñecen, sábenlles os nomes. Quizáis non todas as propiedades medicinais, pero verdadeiramente son todas moi comúns e coñecidas, sobre todo, para a xente que ten horta. Vemos unhas 20 herbas, algunhas cultivadas.

Onde é importante formarse para coñecer ben as propiedades e as herbas medicinais?

Pola vía dos cursos formativos. Pero son moi partidaria de recuperar os usos. As persoas que saben utilizalas porque o fixeron moitas veces, sobre todo, a xente maior, é a que máis nos pode ensinar sobre as elaboracións que se poden facer aquí. Falo de plantas que se teñen testado durante centos de anos, polo que a receta das avoas é perfectamente válida. Tamén hai moita bibliografía que pode ser interesante. Non recomendo moito internet, porque pode haber confusión. Eu escribín o libro "Remedios da nosa horta tradicional". Nel recopilo saberes.

Cre que a tendencia é a recuperar os usos medicinais das herbas?

Penso que si. Houbo uns anos nos que se desprezou e se decía que era 'cousa de meigas' e que as herbas non facían nada. Agora hai moita xente nova interesada, o vemos nos cursos. Hai un interese crecente.

Contenido patrocinado

stats