Afonso Vázquez-Monxardín
A guía de Otero, etc.
Para pescar hai que lanzar un anzol lonxe e logo ir recollendo pouco a pouco. Da mesma maneira, cando un fala en público, unha das técnicas para cativar a atención do oínte é lanzar unha idea que sorprenda e logo ila explicando pouco a pouco. Así, o outro día en Compostela falei xunto con dous sabios, Victorio Prieto e Serxio Rodríguez Álvarez, sobre Otero, grazas ao convite do Centro Ramón Piñeiro para Humanidades dentro dunhas xornadas na memoria do veciño da rúa da Paz. E como falei de último tratei de sorprender ao auditorio. A idea que lles propuxen era que a actividade política en Otero non era nin de lonxe algo principal na súa vida e que en calquera caso, a Guerra Civil acabara por favorecer ao galeguismo. O público, preparado e interesado, rosmou algo. Lóxico.
Pero pasei a argumentar dicindo que trataba eu de ver as cousas desde varios puntos de vista, digamos cun pensamento expansivo, amplo e lateral máis ca liñal e vertical. E conteilles feitos nos que pouco se repara.
Os galeguistas eran poucos e dedicábanse a todo e con moita máis preparación e éxito nas cuestións culturais ca políticas. Dicíalle, por exemplo que “grazas” á ditadura de Primo de Rivera, se centraran na cultura a través do Seminario de Estudos Galegos e déranse un grande pulo. E que o Partido Galeguista nunca tivera de seu un deputado, pois nas eleccións de 1931 non existía; que nas de 1933, ás que concorreu en solitario, sacara cero -e Otero quedara de 20 entre os que se presentaban en Ourense-, e en 1936 sacara dous, coaligado co Frente Popular. Polo tanto, de seu, nunca ningún. E dicíalle como desde 1933 o partido está case esgazado entre católicos (Otero, Risco, Filgueira, etc.) e partidarios dos acordos cos partidos da esquerda española (Bóveda, Castelao, etc.).
E eran señores con boas relacións coa boa sociedade tradicional á que pertencían e practicamente “intocables”.
E dicíalles que cando chegara a guerra, os galeguistas de Ourense sufriran, comparativamente, pouco, pois así como a esquerda fora exterminada sen contemplacións, aqueles señores, fundamentalmente lonxe dos marxistas, pasaron cunhas multas -que moitos non pagaron- e a baixa de Otero do ensino. E dicíalles que como Otero, Risco e Cuevillas seguiron colaborando desde 1936 na prensa (faleilles de Misión, “revista de la parroquia y de la escuela”, impulsada polo seu amigo Ricardo Outeiriño) e seguiron con presenza cidadá e actividade pública como escritores ou ensaístas, publicando en La Región e nas revistas de cultura, e seguiron aparecendo como “os intelectuais” da cidade e xa sen rivais polo exterminio da esquerda e a incapacidade dos novos poderosos, falanxistas, requetés, etc. de construíren intelectualidade alternativa.
E eran señores con boas relacións coa boa sociedade tradicional á que pertencían e practicamente “intocables”. Por exemplo, Otero falou en galego en 1949 na inauguración do monumento de Lamas Carvajal no Posío, e deu o pregón das Festas de Santiago en 1951. Imaxina alguén a un socialista, anarquista ou comunista chamado a colaborar publicamente en tales celebracións? E así, que o que era de partida un grupo pequeneiro no político (sobre 49 deputados de Galicia, nunca pasara de tres) tiña máis peso cultural, horizontal, a través do Seminario de Estudos Galegos, e logo, na súa reconversión posible no Padre Sarmiento e na RAG.
E en 1945 cando se fai a primeira reedición da guía, en La Región hai un par de artigos moi gabanciosos, un de Risco e outro do xornalista Adolfo Prego de Oliver (o pai de Victoria Prego), e o propio periódico fai un editorial a favor de que a Deputación e as outras de Galicia fagan unha edición barata e popular para distribución masiva; isto tres anos antes de lle levantaren o castigo. En fin, que coa actividade constante de persoas como Otero, Risco, Cunqueiro, Filgueira, del Riego, Piñeiro, Sabell, Sixto, etc. fixeron tan hexemónico o discurso identitario no medio social culto, que cando foi a chegada da democracia, non só todos os partidos se expresaron en galego, senón que as institucións -Parlamento, Xunta, TVG, etc.- tamén así o fixeron. Moito máis foi por esta causa que polos que berraban “Estatuto nunca máis” ou “Parlamento de cartón”, despois de teren xogado á guerra na fin do franquismo. Aínda que non teña eu a razón toda, seguro que algunha hei de ter.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último