O saber popular vive tres días de festa e divulgación na Raia
INICIATIVA DO PADRE FONTES
O 39º Congresso de Medicina Popular de Vilar de Perdizes (Montalegre) conxugou actos culturais galego-portugueses con ponencias de expertos en distintas materias alternativas
Vilar de Perdizes acolleu un ano máis o seu Congresso de Medicina Popular, un evento que converte esta freguesía lusa da Raia galego-portuguesa no centro neurálxico dos coñecementos e saberes tradicionais, eses que foran e continúan a ser transmitidos polos nosos pobos irmáns ao longo dos séculos.
Ao longo de tres días, a vila arraiana encheuse de visitantes, atraídos por un completo programa no que António Lourenço Fontes, o Padre Fontes, volveu ser unha das grandes atraccións.
O impulsor do Congresso, iniciado en 1983, foi unha presenza constante malia os seus 85 anos, unha figura que esperta admiración polo seu incansable interese polo coñecemento. De feito, no arranque amosouse “ansioso” por escoitar as ponencias e palestras, convencido de que de moitas delas sairán “artigos para revistas”.
Alén de charlas sobre a nosa relación coa natureza, o poder da mente, a xestión das emocións ou prácticas medicinais, tampouco faltou o son das gaitas e a xa tradicional queimada colectiva.
Futuro novo centro
Na xornada inaugural desvelouse unha placa na honra do Padre Fontes e a presidenta da Câmara de Montalegre, Fátima Fernandes, confirmou que en breve arrancarán as obras de Centro de Estudos de Medicina Popular e Misticismo en Vilar de Perdizes.
A celebración o ano que vén dos 40 anos do Congresso promete xirar arredor desta infraestrutura, un legado “para o futuro” da vila.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último