Protesta de alumnos de Verín reclamando calidade na clase de galego no instituto

REIVINDICACIÓN ESCOLAR

Os alumnos convocaron unha protesta o luns fronte o seu centro, o IES García Barbón de Verín

Familiares dos alumnos acompañaron aos estudantes portando carteis fronte o IES García Barbón, o pasado luns.
Familiares dos alumnos acompañaron aos estudantes portando carteis fronte o IES García Barbón, o pasado luns.

Un grupo de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato do IES García Barbón verinés participou este luns nunha manifestación, acompañados polos seus familiares, co fin de amosar o seu descontento coas aulas de Lingua Galega e Literatura que están a recibir este curso.

Mentres moitos rapaces, pais e nais portaron carteis con mensaxes como “Respecto para todos, incluídos estudantes”, “Queremos ser escoitados” ou “Por un trato digno e profesional”, unha das alumnas deu lectura a un discurso no que afirmou que só queren “solucións”, tras moitos “partes sen sentido” e unha reunión na que “se nos tratou de mentiráns”.

Segundo o alumnado, a situación que denuncian vense producindo dende o comezo do curso, xa que a súa mestra de Lingua Galega dedica as aulas “basicamente a ler o libro de texto e non resolver as nosas dúbidas”.

Tras entregar a meirande parte dos rapaces un exame en branco en sinal de protesta, realizaron unha queixa formal no instituto. En paralelo, un grupo de proxenitores visitou a Xefatura Territorial en Ourense.

A raíz destas protestas, a Inspección Educativa visitou o centro, pero para sorpresa do alumnado, “o día anterior a mestra subiu a internet a programación e os recursos que non colgara da 1º avaliación”, algo do que aseguran ter “probas”.

Trala inspección, o mes pasado tivo lugar unha reunión, sen presenza de pais e nais, que lonxe de solventar esta problemática propiciu a convocatoria da manifestación, previa autorización da subdelegación do Goberno e o Concello.

Os estudantes e os pais e nais consultados coinciden en insistir na “gravidade” da situación que se vén desenvolvendo, a escasos meses de enfrontar os exames da ABAU, unha proba “decisiva” que determinará os seus futuros itinerarios universitarios, e na que Lingua Galega é unha das materias comúns. Unha das nais afirma que se lles mantería informadas sobre as súas queixas, “pero ata o de agora ninguén nos comunicou nada”.

Resposta da Consellería

Dende a Consellería de Educación asegúrase que“a Inspección Educativa está estudando a cuestión e as queixas dos alumnos, e de feito xa interveu para tratar de mellorar a situación”, a mesma mensaxe que transmite a Xefatura Territorial. Dende o IES García Barbón non se fixo ningunha declaración.

Contenido patrocinado

stats