Detrás das cámaras de “Tralovento”, cine galego na comarca de Monterrei

RODAXE EN OURENSE

Unha trintena de “homes e mulleres de negro” leva máis de dúas semanas rodando en ubicacións do territorio un filme en galego dirixido por Eloy Domínguez Serén e producido por Zeitun Films

O equipo de rodaxe nunha escena no castro de San Millao, en Cualedro, cos actores Melania Cruz e Xosé Barato (foto: C.L.M.)
O equipo de rodaxe nunha escena no castro de San Millao, en Cualedro, cos actores Melania Cruz e Xosé Barato (foto: C.L.M.)

E… acción! Ana, a protagonista da longametraxe “Tralovento”, interpretada por Melania Cruz, percorre o sendeiro que vai dar ao cume do castro de San Millao, na parroquia homónima de Cualedro. Tras ela avanza a súa parella, Luis, uns pasos máis atrás, encarnado por Xosé Barato. Ao chegaren arriba, a única cámara que está a gravar fai un travelling e, de súpeto, os dous actores ocupan toda a pantalla. Un técnico de son ergue unha pértega sobre eles para non perder detalle da súa conversa. Ao tempo, sen que apenas se note, arredor deles desprégase un equipo composto por unha ducia de persoas, entre técnicos e asistentes, vestidos de rigoroso negro. O seu labor é precisamente ese, o de traballar sen ser vistos, detrás das cámaras.

</nav> </header> Domínguez Serén, o director, segue a toma xunto coa directora de fotografía, Sara Gallego. “E… corten! Esta foi boa, imos facer un pick-up dende aquí mesmo”, anuncia o director, que se achega aos actores para darlles instrucións. No argot cinematográfico, agora van gravar un plano máis pequeno dentro da escena para aumentar as imaxes da mesma. Moito máis adiante na produción será o turno do montador, Raúl Barrera, de “xogar” con todo o material e compoñer a montaxe final.

O produtor da película, Felipe Lage, puido comprobar como lucía a escena en formato cine dende un monitor situado nunha minúscula carpa dentro do castro. Mentres se grava, o silencio é total e, malia estar nunha zona despoboada un luns ás 10,00 horas, a sensación de paz e calma choca coa despregadura humana que precisa a rodaxe dunha longametraxe.

Unha arte colectiva

O cine, tal e como o coñecemos, semella rematar cando acenden as luces da sala e a pantalla escurece para amosar unha lista interminable de persoas, empresas e cargos. Pero de feito é aí onde comeza o verdadeiro traballo desta arte colectiva que involucra a unha gran cantidade de equipos humanos e técnicos.

Ao longo de cinco semanas, decenas de persoas de tódalas partes da Península e mesmo do estranxeiro conviven en Monterrei para facer realidade a visión de Eloy Domínguez, natural de Meaño, no Salnés, pero afincado en Medeiros dende hai uns anos. “Tralovento” é a súa primeira longametraxe de ficción, pero tamén unha mostra do seu amor e fascinación pola paisaxe natural e humana desta comarca.

O director, Eloy Domínguez Serén, conversa cos actos Melania Cruz e Xosé Barato (foto: C.L.M.)
O director, Eloy Domínguez Serén, conversa cos actos Melania Cruz e Xosé Barato (foto: C.L.M.)

O filme xira en torno a Ana, ourensá afincada en Vigo xunto co seu home. Trala morte do seu pai, regresa á súa vila natal pero, tras varios días, ten dúbidas sobre cando volver a casa. Isto desata un debate interno co que non contaba, así como unha crise de parella entre ela e Luis, entre a vida no rural e na cidade.

De fondo, a herdanza do esmorecido taller familiar e duns terreos inmersos nun conflito que ten á veciñanza dividida, debido á posible construción de eólicos na zona.

Malia as posibles semellanzas, “Tralovento” ten pouco ou nada que ver con “As Bestas” de Rodrigo Sorogoyen. “O filme é unha historia íntima e ten moito máis que ver co cine do mestre Antonioni que cun thriller rural”, confesa Domínguez Serén, coescritor do guion desta coprodución entre a galega Zeitun Films e a grega Asterisk, e que conta co financiamento da Comisión Europea, da Axencia das Industrias Culturais (Agadic), do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e da Televisión de Galicia.

Escena no taller familiar

Rodaxe nun taller en Vilar de Barrio, con Melania Cruz e Víctor Mosqueira (foto: C.L.M.)
Rodaxe nun taller en Vilar de Barrio, con Melania Cruz e Víctor Mosqueira (foto: C.L.M.)

Malia estarse a rodar integramente en localizacións de Cualedro, Laza, Monterrei, Verín e Vilardevós, a produción atopou un taller auténtico e idóneo para “Tralovento” no concello limiao de Vilar de Barrio, a única escena que transcurre noutra comarca. Un interior ademais moi importante para o argumento da película, e que foi convertido no antigo taller do pai de Ana.

Na escena, Melania Cruz comparte pantalla co veterano actor galego Víctor Mosqueira, que interpreta a un vello coñecido. Unha das tarefas fundamentais dos “homes e mulleres de negro” da produción é a de controlar a luz da estancia. Unha peza máis dunha cadea na que, xunto cos actores, o equipo enteiro traducirá esas imaxes na linguaxe máxica que coñecemos como cine. Cinema cun selo 100% Ourense, 100% Monterrei.

Contenido patrocinado

stats