FUTURA VARIEDAD
La D.O. Monterrei trabaja para unirse a los espumosos ourensanos
OBITUARIO
Meu caro amigo, que saibas que non vou chorar máis por ti. Xa houbo demasiadas bágoas, dor e sufrimento nese corpiño de contrabando que non sei quen carallo che emprestou. Que xa o sei, Pla, que estamos eiquí de paso, que non queres tristura, nin flores, nin cregos, nin laios, nin hostias. Xenio e figura até a fin. Un home bo que se nos vai, pero que deixa agasallos inmorredoiros para que sigamos desfrutando do seu espírito arraiano. Celebramos e agradecemos terte atopado nos camiños da vida. Ímoste botar moito de menos, cada día máis e máis...
Véñenme agora as lembranzas máis divertidas da nosa relación de amizade. Aínda penso que vas aparecer camiñando entre as mámoas do planalto, co teu macuto de coiro, que te traía derrengado xa cando te coñecín, que debías ter menos anos ca min hoxe. Recibo agora mensaxes de moitos alumnos e alumnas para ti, dicindo que fuches o seu mellor profesor e Mestre. Podes estar orgulloso, Pla. Tamén lembro o noso derradeiro traballo xuntos, o documental “Pretérito Imperfecto”, que acaído, que estreamos en Verín cos teus amigos da infancia. Ou mellor dito, a nosa máis recente argallada, porque o derradeiro traballo xuntos será cando nos volvamos reunir desoutra beira da raia que acabas de cruzar silandeiro para mandarnos un xacheguei aos que te amamos.
Beizóns por “100% CEF”, co que gañamos o Mestre Mateo, grazas a ti e ao teu rigor, e grazas por “Cesteando”, “O tempo na Luparia” e tantos presentes que nos deixas. Pero sobre todo, grazas polo teu maxisterio e por aprendernos o valor do esencial. Vexo que para moita xente fuches o seu mellor profesor, pero para min fuches moito máis. Obrigado por ter deixado que me despedira de ti en persoa, na túa casa, para dicirme sen palabras que vivira cada momento coma se fora o derradeiro, con intensidade e ilusión, confesándome sen amargura que así xa non che pagaba a pena seguir loitando, co sufrimento dunha dor so aplacada polo máxico analxésico do afecto familiar, o bálsamo que te motivou e emocionou até o final, con Daniel e Mariana, e o amor do teu clan.
Beizóns polo teu amor e xenerosidade ao longo destes anos. Levareite sempre comigo, en todo o que viva e faga, porque grazas a ti son mellor persoa do que era antes de coñecerte. Fixéchesme moito ben. Fuches e serás sempre o meu Mestre, amigo, camarada, socio, cómplice, confidente e compañeiro de viaxes inesquecíveis e de aventuras. Que ben o pasamos, carallo!!!. Asi que xa vou limpar as bágoas de vez para localizar esa nova estrela que brila coa túa enerxía no ceo da Raia Seca, nesta tórrida noite da canícula de agosto en que vas xa camiño do Leboreiro.
Beizóns por todo o que me aprendiches, Pla. Non teño máis palabras para expresar o que sinto agora. Un anaco de min vai contigo e un sopro da túa alma pura e nobre irá sempre comigo. Cando a Mercedes me chamou onte para dicirme o que xa sabía, xusto estaba eu ollando para as estrelas, á beira do Limia e de Aquis Querquernnis. Cando limpei as bágoas no ceo debuxouse un triángulo máxico entre Verín, Celanova e Lobeira, onde apareceron os nosos mortiños todos danzando, os Manolos, a Pili e o Toño, o Carliños e todos os mortos desde a noite dos tempos, até o mesmo Mot. Vaia festa estarás montando agora coa túa guitarra cósmica, tocando os acordes segredos dese amor eterno e sen fronteiras que so ti saber tocar e cantar coma ninguén. Até sempre, Pla. A vida segue. Porque o lume que alampea, xamais o veremos morto... n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FUTURA VARIEDAD
La D.O. Monterrei trabaja para unirse a los espumosos ourensanos
CIENTOS DE VECINOS
Los mayores son protagonistas en Albarellos con su XIV Xuntanza
Lo último
NARRATIVA BREVE EN GALLEGO
El XI Premio de Novela Corta Antón Risco 2026 ya tiene ganador: “Azul”, de Mon G. Buhigas