Acisclo estrea “capela” a súa nova instalación artística en Santiago

O artista ourensán inaugurou onte unha instalación artística no Bosque de Galicia, en Santiago, que concibiu coma un lugar para conectar co espírito e coa natureza. Trátase dun novo mérito que engade á súa prolongada traxectoria

Publicado: 31 may 2023 - 06:21 Actualizado: 31 may 2023 - 11:18

Acisclo falando diante da súa obra.
Acisclo falando diante da súa obra.

O escultor Acisclo Manzano (Ourense, 1940), xa forma parte do Bosque de Galicia da Cidade da Cultura de Santiago. O complexo conta dende onte coa instalación “O prisma dos sentidos”, obra do artista ourensán. Un “prisma” concibido como un lugar de recollemento e meditación espiritual, que evoca as formas dunha capela contemporánea erixida na contorna do monte Gaiás.

Acisclo inaugurou onte a súa creación, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

O escultor aclarou que a “capela” non se identifica “con ningunha deidade ou culto particular”. Así e todo, recoñeceu que entre as figuras da instalación si existen referencias á mitoloxía arredor da que xira o Camiño de Santiago. Por exemplo, unha lousa que recrea a tumba dun peregrino que, segundo se conta, faleceu nese mesmo lugar ó divisar as torres da Catedral.

“O prisma dos sentidos” apenas se entendería sen esa relación coa ruta xacobea -sitúase en paralelo e a peregrinaxe-. A obra inspírase nos santuarios e refuxios nos que os camiñantes buscaban acubillo tralas longas xornadas a pé. Ademais, está localizada en paralelo á Vía da Prata, xusto na ladeira do monte que dá cara este roteiro de entrada á cidade.

O emprazamento da nova obra de Acisclo Manzano acentúa o seu misticismo. Dende alí pódese contemplar a paisaxe compostelán, a ansiada meta buscada polos peregrinos. Facianas, ondas e estrelas perforan as paredes da instalación artística, permitindo que a luz, o vento e a auga da choiva se filtren formando xogos evocadores e multisensoriais. Acisclo escolleu o formigón como material para elaborar “O prisma dos sentidos”, da que tamén é resaltable o seu gran tamaño.

Acisclo (no centro), Román Rodríguez e Ana Isabel Vázquez, no “Prisma dos sentidos”.
Acisclo (no centro), Román Rodríguez e Ana Isabel Vázquez, no “Prisma dos sentidos”.

Deste xeito, o ourensán entra a formar parte do grupo de artistas que contan con instalacións na Cidade da Cultura. Tal e como trasladaron dende a Xunta, estase buscando ampliar os atractivos do Bosque de Galicia como espazo de lecer e cultura. Xa se teñen instalado outras intervencións artísticas de temática xacobea nos espazos verdes do complexo cultural do Gaiás. Nel atópanse as firmas de Manolo Paz (“Espellos”), Francisco Leiro (“Zapatos no Camiño”), Clara Montoya (“Constelacións II”, coñecida tamén coma “o banco do peregrino”) ou Alicia Framis (“Deixa aquí os teus medos”).

E, por outra banda, Acisclo suma un novo mérito ó seu extenso currículo artístico. Formou parte do grupo inicial de “O Volter” e tamén de “Sete artistas galegos”. Durante seis décadas expuxo a súa obra en Galicia e en grandes cidades de Europa e América, converténdose nun dos grandes representantes da escultura ourensá.

Amplo recoñecemento

A súa escultura, principalmente figurativa e expresionista con aproximacións á abstracción, valeulle numerosos premios e a membresía na Real Academia Galega de Belas Artes. A súa traxectoria inclúe recoñecementos coma o Premio Nacional de Escultura en 1962 e 1968, o Premio Otero Pedrayo en 2016 e a Medalla de Ouro de Ourense o ano pasado. Unha carreira longa que segue a alongarse.

Contenido patrocinado

stats