Acisclo Manzano: "“Xa levo máis de 60 anos na procura da peza que condense a miña traxectoria"

A Deputación recoñece décadas de entrega o seu labor escultórico concedéndolle a medalla de ouro da provincia

Publicado: 30 may 2020 - 06:34 Actualizado: 31 may 2020 - 16:41

2020053023333835887
2020053023333835887

Dende pequeno, o mundo da arte chamou por Acisclo Manzano. Un dos "artistiñas" que adicou a súa vida a escultura, a trasladar o seu espírito por todo o mundo. Polo momento, a Deputación recoñece décadas de entrega o seu labor escultórico concedéndolle a medalla de ouro da provincia este ano, aprobada no pleno do pasado venres. Este recoñecemento non o afasta da súa misión, procurar a mellor peza da súa vida, a que resuma toda unha traxectoria artística.

Como recibiu a noticia desta concesión?

Con moitísima felicidade e agradecido pola mención. Son moitos anos metido no mundo da escultura e non é un recoñecemento a min como persoa senón ao meu traballo e á miña labor ao longo de tanto tempo. Agradezo moito que pensasen en min para concederme esta medalla que representa a toda a nosa provincia. Só podo dicir que estou moi feliz.

Un regalo de fin de confinamento...

A min o confinamento non me afectou. Seguín traballando nas miñas esculturas na casa, rodeado de campo. Entras nela, saes e vas ao campo ou pasas polo taller. Levei a miña misión de sempre, existira o coronavirus ese ou non, ao traballar en cousas novas. O que non podía era viaxar, pero fágoo a través da miña mente e do meu espírito. Móvome ao meu redor, na miña intimidade e neste confinamento moitos non estaban acostumados a esto. Mantívenme no meu mundo para recibir todo de fóra e logo envialo de volta co meu traballo.

Pillouno preprarando a súa última exposición aos 80 anos.

Esa exposición segue en marcha, pero como non se poden facer, polo de agora, non me preocupa. Se non a fago con 80, será con 81 ou con 82. Se chega con 90, pois que así sexa e, se non poder pasar, non pasa nada. Non hai que matarse, seguirei traballando, preparando pezas e sacando todo o que teño dentro do meu espírito e para que lle chegue a toda a xente.

Esta época serviulle de inspiración?

Cando tes o teu camiño e o teu traballo, cousas como esta, non afectan. Eu non creo na inspiración. Isto inflúelle ás persoas que desexan máis poder ou que queren ter máis cartos. O problema é para todos eles. Eu andei por todo o mundo e agora voo na miña zona co meu traballo.

Un artista non descansa?

Non. O artista nunca se xubila. Son feliz e traballo tranquilamente, fago as cousas habituais e sigo voando pola miña mente. Viaxo coas obras e coa escultura. Para min iso é suficiente, porque é a que máis agradece de todo. Grazas á escultura, teño este premio. A miña obra está nos mellores lugares e casas, dende os que estou ollando a todos.

Acompáñano nas súas viaxes pola mente?

A xente trasládase, quero que viaxen conmigo a través da arte e da escultura, no meu caso. O exemplo é o Pórtico da Gloria en Santiago. Por el viaxan moitas persoas. Cando logre algo igual, eu xa podo marcharme para outro estado e seguir aquí a través desa peza, na que lles transmitirei a miña felicidade.

Iso é o máis importante?

Por suposto, e non supón estar só. Se estás feliz e te encontras acompañado doutra persoa, ela tamén se sentirá así. É o bo de compartir a felicidade e de transmitila ao teu entorno. Se traballas artisticamente, no meu caso a escultura, as pezas son ese sentimento que sae para fóra. As miñas obras andan por moitos lugares. Estou neles como Deus! Con elas fago saír aos meus sentimentos e trasládolle a felicidade ás persoas. Moitos quérena encontrar con cartos e non fai falla eso para ser feliz.

Despois de tantos anos quédalle algo por aprender?

Aínda me queda moito por aprender. Teño sen facer a mellor peza. Toda a obra destes anos son ensaios e bocetos para, cando chegue o momento, saia unha peza que o condense todo igual co tamaño dunha noz. Esa escultura será,dende que comecei como escultor fará 70 ou 60 anos, a que logre representala enteira. Como decía Goya: "Ahora que estoy empezando a pintar, me muero". Eu non é por morrer, quero facer a obra e logo xa me irei. Porque un non morre, vaise deste estado a outro sitio. Esa obra que tanto busco será o que quede de min gardando tantos anos de entrega á escultura.

Un recoñecemento á súa ourensanía artística

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, propuxo no ano 2019 ao escultor ourensán Acisclo Manzano como medalla de ouro da provincia, durante a Festa da Palabra na Insua dos Poetas. Tras meses de trámites para concederlle esta distinción, avalada polos seus anos de traxectoria e numerosos premios, o pasado venres aprobaron no pleno de maio esta concesión.

Contenido patrocinado

stats