Adolfo Fernández: “Tivemos que facer unha acta de matrimonio e casamos o cura e a noiva”

ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

Adolfo Fernández Dafonte, recentemente xubilado como axente xudicial no Social 2 de Ourense, repasa a súa traxectoria

Publicado: 19 ene 2025 - 04:15 Actualizado: 19 ene 2025 - 08:35

Adolfo Fernández.
Adolfo Fernández.

Adolfo Fernández Dafonte xubilouse o pasado decembro tras 32 anos no mundo da Administración de Xustiza, os últimos 20 como axente xudicial no Social 2 de Ourense. Ademais, é membro da Irmandade Xurídica Galega.

Canto tempo levaba traballando na Xustiza?

Levo 32 anos en Xustiza. Estiven oito anos na Estrada, cinco en Monforte e case 20 en Ourense.

Sempre estiveches en social?

Non, estiven en primeira instancia e instrución nos primeiros destinos e en Ourense si que sempre estiven en social.

Como empezou a súa vocación por este ámbito?

Sempre me gustou o mundo do dereito, incluso empecei a estudar a carreira, aínda que non cheguei a rematala. Despois miña irmá aprobou a oposición e eu animeime tamén.

Que era o que mais lle gustaba do seu traballo?

Non sei se fun bo funcionario ou non, iso teríano que dicir os meus superiores, pero a vocación de servidor pública sempre a tiven.

Como está sendo esta xubilación?

Foi voluntaria porque tiña ganas. A min gústame na vida levar cada etapa como hai que levala. Chegou a hora na que podo irme e agora con ilusión e con ganas do que veña.

Xa tiñas plans pensados?

Si porque eu aparte son escultor e dedícome a escribir, entón teño moitas cousas que facer.

Como foi o primeiro mes de xubilación?

Si que o boto de menos, ese trato diario e o momentiño do café da mañá. Eu son unha persoa que nunca me gustou madrugar, entón é unha marabilla poder escoller a hora de levantarse.

Estouno levando moi ben, mellor do que pensaba e iso que xubileime con ilusión.

Se volveras atrás, dedicariaste a mesma profesión?

Penso que si. Foi unha profesión onde eu lévome moitas máis boas que malas, malas case ningunha.

Apréndese moito de Dereito?

Si. Aparte do teu traballo, se te interesas polo procedemento e se te vas fixando, podes aprender.

¿Houbo algún acontecemento que che marcase?

Si. Na Estrada houbo o asasinato dunha muller que apareceu no monte cunhas velas enriba. Estaba de garda e tiven que ir ao levantamento do cadáver e impresionárame moito. Despois intereseime pola forma da resolución e a forma na que conseguiron deter aos autores foi moi interesante.

Tocoulle ir a máis asasinato?

Non, aínda que suicidios bastantes.

Cal era a súa función no xulgado?

Eu son o que está na sala acompañando aos xuíces, mando pasar á xente, coloco ás testemuñas e encárgome das gravacións.

Cambia algo na cidade?

As citacións a domicilios en Ourense xa non se fai, pero nos pobos había que ir domicilio por domicilio. Eu en Monforte pillei a crise inmobiliaria e houbo moitos embargos e tiñamos que ir casa por casa, era unha parte desagradable. Sentíaste un pouco mal, detrás de esa negativa a pagar había un problema familiar e humano e pensas niso.

Hai algunha anécdota que recordes?

Unha das que recordarei toda a vida foi no primeiro destino que tiven. Tomamos posesión no Nadal e estaban todos os compañeiros veteranos de permiso. Entramos novos eu e outro compañeiro e un dos primeiros asuntos que nos chegou foi unha acta de matrimonio para inscribila no rexistro civil. Quixémolo facer tan ben, polo que un ditou e o outro escribiu. Confundímonos e casamos o cura coa noiva. Veu a noiva a buscar o libro de familia, démosllo, e aos dous minutos chegou moi nerviosa e chorando. Explicounos que pasou e quedamos loucos porque na oposición dixéronnos que neses libros non se podía cometer ningún erro. Ao final fíxose un expediente e arranxouse. Debín ser a primeira persoa de España en casar un cura.

Contenido patrocinado

stats