LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Antón Pulido: "En Ourense fai falta un museo que sexa un catalizador da cultura local"

Entrevista

O pintor, gravador e xestor cultural é o recente gañador do Premio da Cultura Galega 2021 de Belas Artes

Antón Pulido nas instalacións de Atlántico Diario.
Antón Pulido nas instalacións de Atlántico Diario.

Antón Pulido comeza a súa bagaxe como pintor dende que ía á escola con catro anos, e dende entón non deixou de crear. Tras licenciarse na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi, en Barcelona, o artista regresa a Ourense para comezar coa súa traxectoria profesional como pintor expresionista coa vontade de crear “un estilo único”. Afincado en Vigo, o gravador pinta ao home popular, aos labregos e aos mariñeiros enmarcados por grandes perfís negros que serán unha constante na súa carreira. Deixando de lado por un momento a pintura, o ourensán cultiva moitos outros ámbitos artísticos, xa que o importante é “expresar o que un quere e non copiar ós demais”. Como recente gañador do Premio da Cultura Galega 2021 na modalidade de Belas Artes, Pulido recibe este recoñecemento como un “empuxón”.

Que supón para vostede recibir o Premio da Cultura Galega 2021 na modalidade de artes plásticas?

Os premios sempre axudan a difundir as obras dos artistas. Son unha boa ferramenta para dar a coñecer a arte ó resto do mundo, xa que se promove máis facilmente a través dos medios de comunicación e das redes sociais. Axuda a que un artista poida propagar o seu traballo. É un toque de atención para seguir creando e non parar.

Sempre quixo adicarse ó mundo das artes plásticas?

Dende que tiña catro anos. Meu pai era mestre de escola e el sempre me dicía que pintase. Mentres os demais se centraban nas matemáticas eu seguía pintando. De pequeno vía ós labregos e esas mulleres arando e sempre me chamaron a atención. A min de cativo chamábame moito o mundo da aldea e todo o que iso conleva. Para min todo o meu arredor no rural tiña, e segue a ter, un gran significado.

A día de hoxe, en que se inspira á hora de crear?

Sobre todo no estilo kermés. Esa palabra é moi importante para min porque engloba todo, é a máis absoluta abstracción. Todas as accións vitais e emocións do home están reflictidos nos cadros dos kermesses. Nesas obras pode estar a alegría e a tristeza máis grande do mundo recollido nunha única obra. Desde as cores brancas ata as máis escuras. Son cadros moi luminosos porque levan moito negro, que é a cor que da luz ás obras. Xa o sabía moi ben Sorolla cando facía esas obras tan luminosas con sombras moi escuras. Eses kermesses son os que me definen e co que levo traballando moitos anos. Levei estas obras a Shangai, Pekín, Taiwán e Seúl, entre outros lugares, e a xente adoita quedar fascinada.

Que cores marcan a súa obra artística?

Non teño unha norma exacta, pero si recoñezo que emprego determinadas cores que me definen como pintor, aínda que as que utilizo están moi ben relacionadas unhas cas outras. Uso moito o azul, os vermellos, o verde e o lila. Pero o azul é a cor que máis emprego. Normalmente acompaño este pigmento con outras cores que engrandecen a súa vitalidade. Conxungando os complementarios consigues as cores que queres. As formas de combinar unhas cores coas outras son as que che dan unha identidade como artista. Demasiadas cores nas miñas obras non me axudan a expresar o que eu quero. Neste sentido gústame moito a utilización da cor que fai Picasso. Pero sobre todo fíxome moito na harmonía das cores porque para min un cadro é unha composición musical.

Como definiría a súa arte?

É unha forma de cultivar a miña creatividade e personalidade no momento actual. Intento que todo o que fago leve o meu selo personal e gozar do meu traballo. Ademais, para min é moi importante que a pintura estea contextualizada no momento vixente. Non é o mesmo pintar en pleno século XXI que no XX. O agora é o que me define e o que me chama. Non me gusta quedar anclado en tempos pasados.

Cal é o proceso de creación dos seus traballos?

Todo o que fai un pintor é un proceso de creación. Dende elixir os pigmentos ata seleccionar os óleos e os soportes das paletas que vai empregar. Eu sempre pinto en liño, pero tamén uso táboas e cartóns. Non hai nada mecánico nin exacto. A min gústame facer os óleos eu mesmo porque a relación directa co material permíteme coñecelo e traballalo mellor. Todo cadro se compón de forma e cor, polo que é primordial atender a estas dúas variables. Se a forma funciona xa hai cadro.

Que historias hai detrás das súas obras?

Hai historias de todo tipo. Eu cando quero contar historias, que non sempre, fago bocetos e penso nos meus abismos e nos dos homes de a pé. Cavilo moito nos camiñantes e nos labregos e mariñeiros, que para min sempre tiveron moita importancia. Eses camiñantes dos que fala o escritor Otero Pedrayo nas súas obras. Gústame observar á xente que vexo e reflictir as sensacións que me producen. As historias cambian en función do lugar e do espazo. Busco inspiración do meu arredor.

Como é un día no súa vida cotiá?

O primeiro é un bo almorzo. Despois dou un paseo para despexar a mente e poder ver e sentir todo o que me rodea. Despois, vou ó meu estudo e paso moitísimas horas de traballo cada día porque fago deseño de libros, portadas, carteis e esculturas que me piden, ademais doutros traballos. Pero tamén me gusta moito escribir e ler. O tempo pasa voando e non dá tempo a nada. É necesario traballar duro día a día en todo aquilo que che fai ben. Agora diseñei a Praza das Apertas en Vigo, que era unha zona apagada e triste e intentei darlle alegría ó lugar. Os bancos que están alí situados son letras en forma circular, que incitan á cordialidade polo xeito no que se ubican. As parellas poden sentarse e mirarse ós ollos.

Que papel xoga a cultura en Ourense?

Para min en Ourense fai falta un catalizador de cultura local que podería ser un museo de grandes dimensións, onde se cultivasen as diferentes artes e disciplinas relacionadas. O problema sempre son os cartos, porque un museo costa diñeiro e as subvencións non son suficientes. Sempre foi así. Pero hai que saber vendelo, porque tamén é un gran atractivo para os visitantes e turistas. Á cultura non se lle dá o valor que ten e é importante ter en conta que a cultura é o único que queda para a historia dos seres humanos. A cultura existe porque hai artistas, ó igual que existen os libros porque hai escritores. Mentres haxa persoas que que fagan cousas, haberá cultura. Hoxe en día, por sorte, temos as redes sociais e os medios de comunicación para darnos a coñecer, xa que é moi difícil manterse vivo neste mundo.

Contenido patrocinado

stats