Araújo: "Jácome é o único da corporación ao que non lle deixaría as chaves da miña casa"

O exportavoz de Cs na cidade e integrante da lista do PP o 28-M Pepe Araújo

Publicado: 19 mar 2023 - 06:33 Actualizado: 19 mar 2023 - 07:10

La Entrevista de Hoy. Pepe Araújo

Pepe Araújo vén de anunciar hai uns días que abandonaba a acta de concelleiro de Ciudadanos, xa que decidiu aceptar a oferta de Manuel Cabezas para participar na candidatura do PP. Foi entrevistado en Telemiño.

Pepe regresa ao PP ou regresa ao proxecto de Cabezas?

Estiven todos estes meses en contacto permanente con Manuel Cabezas. Foi o meu alcalde de 2003 a 2007 e mantivemos unha amizade. E neste tempo insistiume na idea de sumarme ao seu proxecto, e isto é a consecuencia. Para min é un cambio complexo e unha decisión difícil de tomar.

Hai unha liña vermella, que non se apoie a Jácome como alcalde.

Que Jácome sexa alcalde agora é terrible. Nunca deberon facelo alcalde. Foi un erro que vai ter consecuencias terribles para o futuro da cidade, desde o punto de vista social e económico. É unha ferida difícil de pechar, por todo o dano que fai. Non me vexo nunha corporación para facelo alcalde de novo. E confío en que non o será. Confío moito en Manuel Cabezas e tamén en Francisco Rodríguez, que serán as listas que decidirán se Jácome é alcalde. Tampouco vexo a Rodríguez levantando a man para facelo alcalde.

Non é arriscado lanzarse sen saber quen máis o vai acompañar na lista?

Sería arriscado se non coñecese como coñezo a quen encabeza a lista, e sei como pensa e como traballa. É unha persoa moi rigorosa e seria. Gústanlle as cousas ben feitas, ten moi bo gusto, gústalle a cordialidade e negociar. A xente ten que cumprir ese perfil.

Ten medo de non estar á altura ou que lle vaia restar credibilidade a Cabezas que vostede volva?

Vou intentar estar á altura das circunstancias e sen roubarlle o protagonismo que merece, vou intentar traballar no proxecto. O único que pido sempre é respecto. O único que non soporto son as tiranías ou as faltas de respecto. Cando algo non me gusta, fágoo saber en privado, e despois se non o que fago é apartarme. Xa me apartei nunha ocasión porque non me gustaba o que vía, e de feito o PP quitou os peores resultados da historia. Pero se o PP me chama igual que está chamando a outra serie de veciños é porque precisa que se sumen moitas vontades para quitar adiante un proxecto. Cabezas está facendo o correcto, estalle facendo un favor á organización, está sumando a persoas que estaban fóra.

Que salvaría deste mandato?

Fíxome crecer como persoa. Desde Ciudadanos permitíronme liderar un proxecto para Ourense sen intervencións, e non teño máis que agradecementos a un partido que non está pasando polo mellor momento, pero considero que é moi interesante. Salvo aos compañeiros de corporación no 90 e pico por cento dos casos. O demais é moi difícil de salvar. Penso que determinados concelleiros do goberno estiveron á altura en momentos complicados na pandemia, como Eugenia Díaz Abella en servizos sociais. Os concelleiros do PP en xeral intentaron facelo o mellor posible. Dentro dos concelleiros de DO había xente con ilusión, pero non estaban liderados pola persoa axeitada e andaban como polos sen cabeza. A oposición foi moi solidaria co goberno municipal cando solicitaron cousas importantes como axudar aos autónomos da cidade, aínda que o alcalde agora intente poñerse a medalla.

Os plenos parece que se converteron nun ring. Custa saúde?

Na primeira parte do mandato, calquera venres de pleno, á tarde e ata moi entrada á noite non era capaz de falar con ninguén, tiña un malestar xeral terrible. Logo vaste habituando. Tamén pido desculpas porque nalgún momento perdín os papeis e quitou o peor de min. Hai xente na corporación que parece que lle ten medo ao alcalde, pero a min non me inspira ningún medo. Ten as particularidades de alguén ao que non lle deixaría as chaves da miña casa, a calquera outro si. Nos últimos plenos, decidín que non me afectara, chisguete a colocar un pinganillo no oído e poñer música para non escoitalo. Isto non é o que merecen os veciños e Ourense, que merecen que se preocupan do urbanismo, dos servizos sociais, da cultura, de poñer en marcha a Universidade Popular… O outro é espectáculo, e o único que sae beneficiado é o actor principal, e el sábeo. Temos quer reconciliarnos co sector social e cultural da cidade.

Contenido patrocinado

stats