Arte maior de Xosé Benito Reza
ARTE ET ALIA
No frescor da costa dei en ler ‘Terradentro’ de Xosé Benito Reza, e foi como estar diante dos cadros dunha exposición
As pinturas falan, e os artistas contan historias con elas. Cando son quen de insuflarlle sentimento, transmiten emocións, coas liñas, a composición e as cores. Delo tratamos nesta columna a meirande parte do ano, agás no tempo no que o Lorenzo aperta. No frescor da costa dei en ler ‘Terradentro’ de Xosé Benito Reza, e foi como estar diante dos cadros dunha exposición. Mussorgsky fixera xa algo parecido coa música. O descubrimento do mundo a mediados do século pasado, que nos presenta o autor celanovés nas tres historias teñen equivalencia de arte, polos matices nas cores das leiras e campos que se transforman en paisaxe. A gradación de alturas, do val ata as penechairas, da súa orografía e vexetación, a súa estrutura agropecuaria, disposta nunha orde por séculos, son esencia, e non recheo. Elo non pode estrañar, pois o autor é enxeñeiro de montes, mais tamén un estudoso da ornitoloxía, da historia ou da astronomía, facianas que se deixan ver, e iluminan páxinas con atmosferas estimulantes. Esta maxia débese ao "seu galego literario é abundancial e selecto a un tempo", en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín. ‘Berros no vento’ e ‘Casa grande de Ademourán’ son historias de ficción e misterio en espazos rurais. ‘O can do alcalde’ é a terceira, e discorre nunha vila.
Son aquelas unhas acaídas tramas de misterio, con un pivote que as une, o avogado Rial que con tino e sentidiño vainas desleando e resolvendo, coa axuda dun capitán da Garda Civil. As casas e os espazos, a vida cotiá das xentes do tempo do Franquismo, queda plasmado nas precisas descricións, nas que hai datos históricos e tamén arqueolóxicos. Na intriga das novelas devalan os sentimentos dos personaxes, o mundo dinámico duns protagonistas e o do pobo, máis estático. Dramas rurais, e tensións, trufadas de ironía. Para especialistas, como Ramón Nicolás, son novelas ‘abeiradas a un xénero que case denominaría como thriller rural’.
Velaquí o peso do tempo da nenez e adolescencia, xermolo da vida. A mirada de Reza detense na recreación daquel tempo dos nosos maiores, dende a nostalxia que sentiu, ‘cando as portas xa non estaban abertas’, pois como dixo, ‘a súa tía Gumersinda xa morrera’. E así, deulle vida un momentiño a avoa Amadora de Vilanova dos Infantes e os sete fillos, naqueles tempos de escuridade e medos da dura ditadura coa casa de comidas, xentes fortes e rexas que encheron as terras do rural de Ourense, ou Galicia, nas súas aldeas e lugares, e que se está a esfarelar dende hai lustros diante dos nosos ollos. Esta terra ten aquí o centro nunha vila, Celanova, innomeada conscientemente, como o velo mosteiro bieito, na que o avogado Rial ten despacho diante dunha fonte nunha praza, e un café central, dende a que se vai cara Ademourán, por Acevedo, e ‘os fondais agarimosos do río Deva, onde pousa o lugar de Remuiños’ (Redemuíños tamén)... O cabo é un cuarto capítulo, excursus persoal no que rememora a súa vida, e familia, Terradentro, realmente, pechando as paredes deste gran fresco ao xeito renacentista, cadrando o círculo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
BENEFICIO AL GRUPO GLORIA
La UDEF atribuye a Zapatero un cobro de 200.000 euros por presunta intermediación con Bolivia
PLAY OFF PERFECTO
El Estrela Futsal cerró un curso de diez
DESCENSO POR UNA CUERDA
La playa escondida de agua turquesa en Galicia que triunfa en redes: "Parece Bali o Hawái"