Arturo Lezcano: “Para ben ou para mal, queda un pouso dos primeiros oitenta e, en especial, do 1983”

O periodista e escritor presenta hoxe o seu libro "Madrid, 1983. Cuando todo se acelera”

Publicado: 02 feb 2022 - 01:30 Actualizado: 01 feb 2022 - 21:52

Arturo Lezcano (Foto: Samu Sánchez)
Arturo Lezcano (Foto: Samu Sánchez)

Arturo Lezcano (Ferrol, 1976) presenta hoxe ás 19,30 horas o seu libro “Madrid, 1983. Cuando todo se acelera” (Libros del K.O), na librería Eixo da cidade (rúa Cardenal Quevedo, 36). O recoñecido xornalista escribe sobre a época “máis decisiva” para a construción da sociedade actual. A heroína, o terrorismo, a movida madrileña e a delincuencia converxen nuns meses e nunha cidade que miraba a un cambio de época. Dous accidentes de avión e o incendio dunha discoteca marcan as traxedias da crónica do 83 elaborada por este ferrolano con raíces ourensás. De seu pai, o falecido xornalista Arturo Lezcano, que se iniciou profesionalmente en La Región, herdou a paixón por contar historias.

Fixo un seguemento sobre o accidente de Avianca do 83. Cando decide ir máis aló e converter iste ano nun libro?

Sempre me chamou a atención que se falase do 82 como o ano paradigmático da historia española, para min o 83 é no que pasa de todo. O PSOE gaña as eleccións a finais do 82. É realmente a principios do 83 cando pasan un montón de cousas, é un dos anos máis importantes que chanta as bases do que vivimos hoxe.

E pode ter algo de nostalxia se era un neno no 83?

A miña vocación é que calquera poida substituír Madrid por calquera cidade, incluso Ourense, e o 83 por calquera ano dos 80. Penso que os 80 acabaron no 92. Entón, algo de nostalxia hai. Todos temos nostalxia da nenez. No libro falo dun ano e dun lugar, pero, á vez, tamén dese universo tan fecundo en imaxes e polémica que foron os oitenta en xeral.

Foi un ano para olvidar?

Si que se corría o risco de pensar que se tinguía un pouco de negro con tanta traxedia, pero creo que se pode dicir que é un ano para aprender. O que agromou foi a sociedade que temos hoxe, estou moi convencido, non só do 83, senon que o trienio do 83 ao 86 foi o periodo máis decisivo da sociedade que temos hoxe. Porque acaba esa primeira transición e comeza unha nova época.

Por que?

Porque xa non é aquela época politizada despois de morto Franco, senón que sube ao poder unha xeración que non vivira a Guerra Civil. Xa non hai que estar nas rúas protestando, senón que hai que gobernar dende o poder e iso conleva uns traumas que á súa vez conlevan cousas como o terrorismo de Estado e cousas moi negativas, pero que realmente van marcar o que ocorre despois.

Que pouso nos queda dos 80?

O pouso que debe quedar é o dunha xeración que aínda non morreu, están a vivir outros tempos diferentes, pero estiveron aí arriba decidindo cousas. Para ben ou para mal, queda un pouso dos primeiros oitenta e, en especial, do 83.

Como influíu seu pai na súa traxectoria?

Pos é curioso porque somos cinco fillos e son o único xornalista. Vivir nunha casa dun xornalista onde estaba o xornal da cidade na que viviamos e, ademais, sempre estaba La Región, tivo que influír. Estar pegado aos periódicos achégate a isto.

Contenido patrocinado

stats