A bonificación do bus de Barbadás seguirá ata 2028

TRANSPORTE URBANO

Xunta e Concello prorrogan o convenio e o alcalde urxe activar o transporte metropolitano

Valcárcel e Calvo, trala sinatura da prórroga do convenio.
Valcárcel e Calvo, trala sinatura da prórroga do convenio.

A Xunta e Barbadás prorrogan o convenio para bonificar o transporte público dentro do concello metropolitano e o veciño concello de Ourense. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou a extensión do acordo onte pola tarde co alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel. A renovación prolonga o convenio por un importe total de case 491.200 euros ata 2028.

En virtude do convenio, o Concello de Barbadás e a Xunta subvencionarán as viaxes de uso xeral e fixará bonificacións sociais para estudantes de ata 28 anos, pensionistas e persoas en situación de risco ou emerxencia social. Os descontos efectuaranse a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), a Tarxeta Xente Nova ou outras tarxetas integradas.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou trala reunión que “somos o único concello da provincia que ten implementados estes bonos para fomentar o uso do transporte público”. En todo caso, non foi o único tema do que se falou na xuntanza, segundo revelou o rexedor socialista. Valcárcel insistiulle ao conselleiro nunha reclamación histórica do Concello de Barbadás, a posta en marcha do transporte metropolitano.

Segundo afirmou Valcárcel, “están á espera de que se formalice o Plan de Transporte Público de Galicia”. Iso si, a adhesión será voluntaria: “Non sei se o Concello de Ourense quererá entrar ou non”, observou o alcalde. Aínda que tamén hai veciñanza de Barbadás que emprega o transporte público para ir traballar aos polígonos, Valcárcel salientou a “interacción básica” entre Barbadás e a cidade. O rexedor pediu unha “acción definitiva” para poñer en funcionamento ese transporte metropolitano. “Falta que todos nos poñamos de acordo. Levamos tempo de máis neste tema”, engadiu.

Bonificacións

Como norma xeral, os usuarios das tarxetas obterán unha axuda de 50 céntimos por billete, pasando a pagar 90 céntimos, segundo explicaron fontes da Consellería. Quen se beneficie das bonificacións sociais pagará só 65 céntimos despois dunha rebaixa extra de 25 céntimos. No caso dos pensionistas, este desconto engadido é de 15 (terán que desembolsar 75 céntimos), mentres que a bonificación cubre todo o billete para as persoas en situación de risco ou emerxencia social. Na actualidade e durante o que resta de ano, os importes teñen un desconto adicional do 50% bonificado pola Xunta coa colaboración do Goberno.

Contenido patrocinado

stats