“Señor das moscas”, de William Golding

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 20 jun 2026 - 07:40
La Región

Non sei se vostedes lles pasa, pero para min existen libros e películas sobre os que volvo con frecuencia. Son na maioría libros versionados no cinema, como “La colmena”, “El bosque animado” ou, quizais menos coñecido ,“Los androides sueñan con ovejas eléctricas” no que se baseou, moi reinterpretado, “Blade Runner”. Estou seguro que todos coñecen aos escritores e directores que pariron tales obras, que non citarei, como si farei co libro de antropoloxía ficción e película “Señor das moscas”, do que teño escrito máis veces. Publicado en 1954, é autoría de William Golding e a película, de 1990, foi dirixida por Harry Hook. É un relato que formaba parte das lecturas paralelas na materia de Antropoloxía da especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía, antes impartida na Universidade de Santiago.

O argumento, no que por coñecido non insistirei, xira ao redor dun grupo de xoves de familias inglesas acomodadas que son evacuados en barco debido ao inicio dunha guerra atómica. O navío naufraga nunha illa do pacífico e os rapaces quedan sos, sen a supervisión de adultos. Inevitablemente precisan organizarse para sobrevivir e na illa teñen todo a favor: non habitan depredadores, o clima é inmellorable, hai auga e froitas dabondo. Nada existe nese paraíso que lles lembre a guerra, a excepción do cadáver dun paracaidista que foi dar alí. Prevese unha vida fácil e pracenteira ata que alguén os rescate. Son, ademais, rapaces ben educados e instruídos.

Superado o impacto do naufraxio, organízanse. Establecen regras consensuadas, democráticas, para regular a convivencia ante a nova e azarosa forma de vida. Acordan non falar todos ao tempo, elixen un responsable do grupo e un encargado de manter o lume sempre aceso para facerse visibles por se o avista un barco. É o primeiro trazo de civilización neste espazo selvático, salvaxe. Mais pronto comezan os problemas: divídense en dous clans, o que intenta manter a orde acordada, liderado por Ralph, e o dos cazadores, con Jack como guía. Este converte o seu grupo nun a modo de tribo guerreira baixo o seu mandato. Os conflitos suben de ton e acontece a primeira morte. Incluso os cazadores crean un culto ao redor das cabezas das presas capturadas cravadas nunha estaca, restos que atraen nubes de moscas. E o “Señor das moscas” habita, segundo eles, no fondo dunha cova. Non se preocupen, nos lles vou contar máis porque gañarán lendo o libro, o que non impide unha ollada antropolóxica desta espléndida obra.

Quizais Golding quere expoñer o perigo que asexa ás sociedades civilizadas se se debilitan ou desaparecen os controis de comportamento convencional

Os xoves, sen control dos adultos, adoptan de forma progresiva -gradual como a propia humanidade- un comportamento próximo do estado salvaxe, o máis remoto das sociedades prehistóricas tal como moitos occidentais, tamén investigadores, as vían, idea que acaso comparte o propio escritor, e todos impregnados dun etnocentrismo non alleo aos comezos da antropoloxía académica. Tal actitude a definiu C. Lévi-Strauss en 1952 no estudo “Raza e Historia”. O etnocentrismo sería así a ollada coa que xulgamos outras culturas baixo as nosas propias normas e valores, considerando toda diferenza como unha anomalía, cando non unha aberración.

Quizais Golding quere expoñer o perigo que asexa ás sociedades civilizadas se se debilitan ou desaparecen os controis de comportamento convencional, incluso resaltar a fraxilidade da civilización, o doado que é desandar o camiño do progreso, dificilmente irretornable para a mentalidade occidental contemporánea. Pero todo é posible, como no “Señor das moscas”. Quen ía pensar hai pouco que iamos ter unha guerra -que xa dura tres anos- na ”vella Europa”, en Ucraína? O escrito usa de forma maxistral e subliminal símbolos propios da antropoloxía: a figura de rapaces como imaxe de ausencia de maldade, a ambientación nun paraíso orixinal que se botará a perder xunto coa inocencia e, como non, o sacrificio, o asasinato, do fundador da “tribo”. Golding conecta de cheo con mestres antropólogos como L.H. Morgan ou J.G. Frazer que, investigando aos “primitivos actuais”, alertaban sobre a fraxilidade dos valores da cultura occidental xa nos albores da antropoloxía.

Reparen como a arqueoloxía ten moito en común dos estudios antropolóxicos, dos que é irmá. Ás veces vémonos a nós mesmos como antropólogos do pasado. Saiban que existe unha disciplina chamada Etnoarqueoloxía, da que falaremos noutra ocasión. De momento recoméndolles a lectura desta obra clásica de W. Golding que hoxe rememoramos.

Contenido patrocinado

stats