Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade: “Temos que adaptarnos a dúas sanidades distintas, a da cidade e a rural”

CAFÉ DE REDACCIÓN

O conselleiro Antonio Gómez Caamaño é o protagonista deste domingo no Café de Redacción de La Región. O titular de Sanidade profundiza en temas como os orzamentos, o conflicto con Muface, a falta de médicos no rural ou os traslados en Valdeorras

L. Vázquez/ D. Canal
Publicado: 15 dic 2024 - 06:45 Actualizado: 15 dic 2024 - 13:11
Café de Redacción. Antonio Gómez Caamaño 15.12.24

Antonio Gómez Caamaño senta no Café de Redacción para repasar os seus primeiros meses á fronte da Consellería de Sanidade. Os tempos nas listas de espera, o conflito de Muface e a falta de persoal médico sitúanse como os principais retos da sanidade galega.

Foi designado como conselleiro no mes de abril, que balance fai destes primeiros meses no cargo?

Considero que está sendo unha experiencia moi positiva e emocionante. Ponte no meu lugar, eu saín un venres pola tarde da consulta do Hospital Clínico de Santiago, sen saber que ía ser conselleiro de Sanidade, pero xa non volvín pasada a fin de semana. O luns estaba no Pazo de Raxoi prometendo o meu cargo diante da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia. Pasei de pensar a ver que problema me pode xurdir hoxe na consulta, a ser o máximo responsable da sanidade pública galega, a ter que manexar un orzamento de 5.458 millóns de euros e a ter que dirixir un equipo de 43.700 persoas.

Á súa chegada á consellería, producíronse varios cambios na estrutura da mesma con entrada e saída de varios cargos importantes. Que se busca con esta reestruturación?

Tomamos a decisión de reformar a estrutura da consellería, pensando en gañar en axilidade para que o fluxo de traballo fose máis rápido. Antes, digamos que por una lado corría o Sergas e por outro a Consellería de Sanidade. O que fixemos foi situar o Sergas baixo o paraugas da Consellería para que todas as decisións sigan a mesma dirección.

O primeiro gran reto o que se tivo que enfrontar foi a conformación deses orzamentos para 2025. Uns orzamentos que son os máis altos da historia da Consellería de Sanidade.

Son uns orzamentos fundamentalmente sociais. Supoñen un 40% do total dos orzamentos da Xunta, o que unha clara declaración de intencións do Goberno galego. Buscamos reforzar a atención primaria, hospitalaria e farmacéutica, así como o apartado de recursos humanos. Somos conscientes de que reforzar a Atención Primaria é prioritario, por iso incrementamos o presuposto nun 5,4% ata chegar aos 1.668 millóns de euros. Ao igual que a atención hospitalaria, que crece un 5,1% e chega ata 3.478 millóns de euros co obxectivo de reforzar o funcionamento dos nosos hospitais e por en marcha novos programas de atención domiciliaria e de reprodución asistida. A terceira pata sería ese reforzo en recursos humanos que nos vai permitir crear 1.412 novas prazas para profesionais e desta maneira cumprir cos acordos sindicais.

Máis aló dos números, que pegada persoal quere deixar con estes orzamentos?

A intención dos orzamentos dixémola dende o principio, queremos coidar os pacientes e queremos coidar os sanitarios. Eu penso que a sanidade pública galega é boa, e máis en comparación con outras, pero temos marxe de mellora e hai que corrixir moitas cousas. Por un lado, temos que optimizar os nosos recursos, a min gústame dicir que hai que quitar a graxa que ten o sistema. Por outro lado, ademais de ir incrementado todas as prestacións sanitarias, temos que adaptar o noso sistema á realidade social. Galicia non ten un sistema sanitario único, ten dous: o da xente que vive nas cidades e o da xente que vive no rural. Non ten nada que ver un sistema con outro e temos que adaptarnos a esta situación. Probablemente, no rural teremos que trasladar a medicina ao domicilio dos pacientes para poder dar resposta as súas necesidades.

O Consello vén de dar luz verde ao plan sanitario galego para este inverno que inclúe varias novidades, cal é obxectivo que se persegue con estes cambios?

O obxectivo é homoxeneizar toda a asistencia sanitaria que se fai nas diferentes áreas sanitarias. A primeira pata do plan é a vacinación e a prevención, aquí hai que facer un chamamento á responsabilidade, se a xente se vacina hai menos risco de infeccións e de enfermidades e por tanto tensiónase menos o sistema sanitario. Despois temos o apartado de vixilancia epidemiolóxica a través de setenta farmacias centinela en todo o territorio galego. Aquí a través dos tests de antíxenos e dos antigripais que se realizan podemos recadar os datos que nos anticipan a través da intelixencia artificial os posibles picos de gripe. Por último, en canto á atención sanitaria en centros de saúde e hospitais temos previsto unha serie de actuacións en función do grao de incidencia.

Momento da entrevista a Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, no plató de Telemiño.
Momento da entrevista a Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, no plató de Telemiño.

Falaba antes desa marxe de mellora, entendo que gran parte de ese marxe está nos tempos das listas de espera. Ourense é a área sanitaria que máis demora acumula. Como se pode paliar esta situación?

Entendo que as listas de espera son como a imaxe da sanidade, pero eu non o vexo así. As listas de espera son importantes fóra da preocupación de non querer esperar por unha proba diagnóstica ou un tratamento. Eu entendo esa inquedanza, pero o importante non é iso, senón o impacto que ese tempo de espera ten na saúde do paciente. Por iso, a min, máis que o propio tempo, preocúpame cal é a consecuencia dese tempo. O importante é o resultado clínico desa espera. As listas de espera, tal e como se conciben hoxe en día, serven para compararse cos que te rodean, porque os criterios son os mesmos.

Nese sentido, as cifras en Galicia non son tan malas. Somos cuartos na lista de espera cirúrxica, con 50 días menos que a media nacional e en consultas temos 22 días menos que a media nacional. Polo tanto, en comparación, non estamos mal. Efectivamente, Ourense é a área sanitaria que peores cifras ten, pero van mellorar sen ningunha dúbida. Pero Ourense, por exemplo, ten os mellores tempos de espera en lista cirúrxica prioritaria, que son as cirurxías que teñen impacto real na vida dos pacientes. Os hospitais de Barco e Verín son os que teñen menos tempo de espera en consultas e cirurxías.

No caso de Galicia os tempos na lista de espera aumentan, porque aumentou a demanda. Isto é debido ás características da nosa poboación, composta en gran parte por persoas maiores, polimedicadas, que precisan máis asistencia sanitaria. A listas de espera teñen dúas caras, son por un lado un fracaso do sistema e por outro un éxito. Pero hai que ver as dúas perspectivas.

Por que ten tan claro que van mellorar os tempos de espera?

Porque sei que van mellorar, pero sempre orientando o resultado cara a saúde dos pacientes. Temos que preocuparnos de que non atrasen as cirurxías realmente importantes, porque son as que repercuten despois na calidade de vida dos pacientes. Esas son as nosas expectativas. A lista de espera para cancro de pulmón e cirurxía é máis importante que para un juanete. Pero o caso é que nos tempos que se publican da lista de espera está todo incluído.

En que punto se atopa a aplicación da intelixencia artificial na sanidade galega?

Contamos coa historia clínica electrónica, que é a mellor do mundo, porque ten integrada toda a asistencia sociosanitaria do paciente. É unha ferramenta única no mundo.

"A escaseza de persoal é o gran problema da Sanidade"

Un dos temas que máis titulares está a acaparar nos últimos días é o desmantelamento de Muface, como vai afectar isto a Sanidade galega?

O conflito de Muface realmente é un debate ideolóxico de dous ministerios do goberno de España e dos medios de comunicación, porque as comunidades autónomas non temos a máis mínima información sobre este tema. A nosa obriga é adiantarnos ao posible problema que se poida producir. Por un lado, fixemos unha análise desta situación, en Galicia son 58.300 os usuarios de Muface que habería que integrar dentro do Servizo Galego de Saúde, cunha idade media de 54 anos, pero hai unha porcentaxe alta de xente maior que vai necesitar máis recursos do sistema sanitario. A maior parte concéntrase en Vigo e A Coruña, pero a nivel de impacto e aumento de actividade médica, Ourense sería a provincia que mais o notaría. Este incremento cifrase nun 2–3%. Esta situación provocaría un impacto nos usuarios de Muface que poden quedar desprotexidos. Esta xente ten un historial médico que non coñecemos e que temos que integrar no historial médico do Sergas. Este é un proceso complexo que vai levar tempo e tense que facer de maneira graduada.

Outro impacto chegaría nos usuarios do Sergas,xa que aumentarían as listas de espera que tanto preocupan á poboación. O cálculo que facemos é que aumentarán entre catro e cinco días en consultas, e en cirurxías máis ou menos 12 días. Unha cifra que na área sanitaria de Ourense sobe ata os 16 días, sendo a máis afectada. O incremento desta actividade sanitaria suporía un custo de 170 millóns de euros e non sabemos de onde vai saír ese diñeiro. O que ten que facer o Goberno de España é pórse de acordo para ver se definitivamente esta medida se vai levar a cabo, e logo aclarar de onde van saír os cartos. Nós xa temos feitos os nosos deberes.

Outro dos grandes problemas que ten que afrontar a consellería é a falta de persoal médico, que ten previsto para paliar esta situación?

A escaseza de persoal sanitario é o gran problema que temos en Galicia, en España e tamén en Europa. Un problema que ademais pode acelerarse, xa que gran parte do persoal sanitario é de avanzada idade, sobre todo en Atención Primaria. É un problema que non ten solución a curto prazo, porque os procesos de formación dos médicos son longos. Por un lado, temos o problema de que hai prazas que non se cubren. Para paliar isto, creamos o concepto de prazas de difícil cobertura. Tamén contamos con programas de retención de residentes, onde se incentiva ao persoal a través de melloras salariais e programas de conciliación. En canto as prazas MIR que quedan sen cubrir, nós levamos anos pedindo ao Goberno central que elimine a nota de corte. Por outra banda, nas especialidades que máis adoecen de persoal como Primaria e Pediatría, a xente que queira, de maneira libre, pode ampliar a idade de xubilación ata os 72 anos. E, ademais, unha última medida que creo que é a única que pode paliar un pouco este problema a curto prazo, que é a homologación dos títulos de persoas estranxeiras, tanto de medicina como de especialidade.

Este problema afecta máis se cabe ao rural, e non ten fácil solución porque os médicos máis novos apostan cada vez máis por aos grandes hospitais. Como se pode cambiar esta tendencia?

Temos que conseguir facer que as condicións nos centros de saúde do rural sexan atractivas, que sexa un traballo que che permita flexibilidade e conciliación Temos que facer que ese posto de traballo no rural sexa como o primeiro paso para o teu futuro. Logo, tamén, dende a propia Administración, tamén temos capacidade para garantir que se cubran estes postos. Se se ofrece un contrato dende o principio, coa obriga de traballar tanto no rural como nun hospital, podes, dende o hospital, ir algún día a cubrir un distrito, ou un centro de saúde, ou onde sexa. É algo que temos que pensar en facer.

Na comarca de Valdeorras existe certa alarma por esa fuga de dezaseis especialistas do Hospital que están á espera de traslado, como se vai afrontar esta situación?

Estes cargos renovaranse con outros, xa temos dous procesos en curso que están cerca de resolverse. Sempre vai estar garantida a asistencia. Estes traballadores que pedirán o seu traslado están no seu dereito.

Unha das grandes prioridades da cidade é a reforma de centro integral de saúde Nóvoa Santos, en que punto se atopa o proxecto?

É unha obra declarada de interese público prioritario. Contará cun orzamento de 14 millóns de euros e suporá un antes e un despois para a asistencia sanitaria na área de Ourense. O proxecto está en fase de supervisión para a súa aprobación definitiva e poder sacalo a licitación no primeiro trimestre do ano que vén. Imos estar moi encima desa obra, igual que estamos moi pendentes da reforma do CHUO. Seremos especialmente cariñosos coa área sanitaria de Ourense, palabra de conselleiro.

A área sanitaria de Ourense é un referente en saúde comunitaria, vaise exportar este modelo a outros territorios?

É un programa exemplar, sen dúbida, e que temos que seguir implementando porque a educación sanitaria na poboación é fundamental. Son actividades que abordan a saúde dende una perspectiva real, e fan a experiencia para os pacientes un pouco máis amena. O plan que temos na consellería de estratexia comunitaria ten a máis de 1.400 profesionais implicados e por él pasaron mais de 10.000 persoas. Todo o relacionado coa loita contra a obesidade e a promoción de hábitos saudables é moi positivo.

Contenido patrocinado

stats