Café de Redacción con Félix Rubial, Belén Piñeiro y Verónica Civeira

Entrevista a Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras; Belén Piñeiro, responsable da área de atención ao paciente e humanización y Verónica Civeira, supervisora de Enfermería da área de crónicos

Publicado: 26 nov 2023 - 07:00 Actualizado: 26 nov 2023 - 07:23

Café de Redacción | Félix Rubial, Belén Piñeiro y Verónica Civeira

Nun contexto sanitario coma o actual, marcado pola falta de profesionais en Atención Primaria, o envellecemento da poboación e o papel cada vez máis importante da tecnoloxía, cómpre adaptarse ás circunstancias e introducir cambios. Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras; Belén Piñeiro, responsable da área de atención ao paciente e humanización, e Verónica Civeira, supervisora de Enfermería da área de crónicos, reflexionaron sobre o escenario ourensán no Café de Redacción “Da sanidade á saúde”.

Comecemos pola Primaria. Os pacientes demandan máis persoal, e os sanitarios piden cambios de organización.

Félix Rubial: A situación da Primaria en Galicia, en toda España e en Europa, é complexa por moitas circunstancias. Por iso precisamos ambas cousas. Necesitamos recursos: a cidadanía pensa exclusivamente en médicos, pero en Primaria traballan moitos outros colectivos profesionais enormemente relevantes, como a enfermería ou o persoal administrativo. Habitualmente a cidadanía pensa en clave sanitaria exclusivamente, en acudir ao sistema ao estar enfermo, pero se queremos facer as cousas doutra maneira hai que pensar na saúde. Témonos que facer nós responsables do noso propio autocoidado, loxicamente dirixidos por profesionais preparados para iso. Por iso se queremos darlle esa volta a todo o sistema e empezar a falar máis de saúde que de enfermidade, actuar así de maneira preventiva.

Se falamos de prevención, hai que nomear Escola de Saúde.

Verónica Civeira: O obxectivo é que a xente estea capacitada para tomar as mellores decisións en canto a súa saúde. Seguimos traballando nas comunidades, nas escolas e nas asociacións, pero queremos que a xente saiba que no centro de saúde vai ter uns obradoiros abertos a todo o mundo, de distintas temáticas, aos que eles poden acudir. Obradoiros que xorden segundo as necesidades que detectamos os propios profesionais, pero tamén segundo as demandas que nos fagan os propios pacientes.

Eses obradoiros serven dalgunha maneira para empoderar aos futuros pacientes.

V. C.: Temos tres liñas. Por unha banda, a promoción e prevención na infancia e adolescencia. Como todos sabemos, é máis fácil que os nenos aprendan e os adolescentes están nunha idade na que van adquirir unhas aptitudes que van condicionar o seu futuro como pacientes. Por outro lado, traballar máis na fraxilidade, na atención ao paciente maior, no envellecemento activo e nesa escola de coidadores que as persoas envellezcamos coa mellor calidade posible. E finalmente, estas escolas que están abertas a toda a poboación e cuxa intención é empoderar, facer prevención, que saiban que os centros de saúde non son só para ir cando esteamos enfermos, senón todo o contrario, axudar a que non enfermen. E se están enfermos que o leven o mellor posible e manteñamos esa enfermidade o máis á raia posible para evitar ingresos ou descompensacións.

Tamén hai un camiño para implicar ás persoas a través da humanización.

Belén Piñeiro: A alguén lle pode resultar paradóxico falar de humanización cando falamos de saúde, de persoas que coidan e que atenden a outras que acuden a nós en situación de vulnerabilidade. Iso prodúcese porque, creo que estamos todos de acordo, hai un lamento universal pola falta de humanización en todos os ámbitos. Iso é bó porque nos leva a traballar para poñer ás persoas no centro, traballar en prol de detectar que algo non é como nos gustaría e a favor de que ese ambiente sexa menos hostil.

Os pacientes chegan moi vulnerables e entre os sanitarios quizais tamén hai moita sobrecarga…

B. P.: Hai un interese por esa humanización e por poñer á persoa no centro. Neste momento estamos na terceira convocatoria das mellores ideas á humanización da área sanitaria, e xa recibimos case un cento de proxectos presentados, tanto de asociacións coma de profesionais. Contamos cos sanitarios, que teñen esa sensibilidade, cos pacientes e cos familiares. É unha liña estratéxica que compartimos, escoitar e darlle voz a súa experiencia como pacientes, incorporalas ao noso traballo e dar aí un pequeno volco non só para o paciente.

Xa na parte técnica, parte desa modernización vai chegando co novos equipos e máquinas de alta tecnoloxía.

F. R.: Estamos nun momento doce, tecnoloxicamente temos feito un investimento moi grande en renovar toda a nosa alta tecnoloxía. Coma os dous aceleradores liñeais que veñen a substituír aos que xa existían e que nos permitirán ser máis precisos no tratamento oncoterapéutico, na abordaxe do cancro. Todos os TAC da área sanitaria foron renovados, e mellorar o diagnóstico é o primeiro paso para un tratamento efectivo. Tamén está o caso de Medicina Nuclear, onde renovamos completamente as dúas cámaras e incorporamos a PET (tecnoloxía de tomografía por emisión de electróns).

A tecnoloxía vén da man doutros cambios.

F. R.: A asistencia sanitaria é moi complexa, ten tres eixos básicos: os profesionais, a tecnoloxía e as persoas e os pacientes. Tradicionalmente temos sido bastante déspotas á hora de tomar as decisións, as decisións eran tomadas polos profesionais sen ter en conta demasiado a opinión dos pacientes. Queremos facer as cousas distintas, incorporando aos pacientes ás tomas de decisións que afectan á súa saúde, o que implica unha nova forma de organizarse, de facer, de gobernanza. Dende o 2018 temos funcionando un Consello Asesor de Pacientes que nos orienta en determinadas cousas, que cousas debemos cambiar.

A pandemia marcou un punto de inflexión nas nosas vidas, pero a xente xa se olvidou?

V. C.: Témola presente, pero quizais non todo o que deberiamos tela presente. As vacinas salvan vidas, erradican enfermidades, foi o que nos permitiu chegar ao punto no que estamos, sacar as máscaras, poder volver a abrazarnos. Non podemos esquecelo, temos que seguir vacinándonos se queremos seguir neste punto, debemos facer un chamamento.

Notades ese cambio de relación dos usuarios ou futuros pacientes con nós.

V. C.: Si hai un cambio, non só pola pandemia. Antes a Atención Primaria era moi paternalista, ías ao médico ou á enfermeira e dicíanche o que tiñas que facer, e punto. Agora non, os pacientes queren saber máis, implícanse máis na súa saúde, preguntan que alternativas teñen… Hai que seguir nese camiño, que eles se involucren na súa saúde. Nós non estamos para rifar, senón para axudarlles e acompañalos e que estean o máis sans posible.

Nese acompañamento enmárcase a incorporación dos nutricionistas, era algo demandado.

V. C.: Está funcionando moi ben. Están facendo un traballo moi bo, tanto dentro como fóra das consultas, implícanse en todo o se que lles propón... Teñen moitísima ilusión, era algo moi necesario que complementa o traballo do resto do equipo de Atención Primaria, sobre todo no momento no que estamos. Hai tantas cousas que dependen da alimentación e do exercicio que nos vén moi ben contar co seu apoio.

A atención domiciliaria tamén contribúe a humanizar. Van por aí os tiros?

B.P.: Efectivamente, é un servizo moi valorado, tanto prestado dende Primaria como dende o Hospital. O poder estar no entorno dun, porque por moi cálido que se queira facer un hospital non deixa de ser algo alleo a nós, que o paciente estea na casa é unha boa opción sempre e cando teña un bo soporte familiar.

Pero é preciso que sexa algo transversal a toda a atención sanitaria.

B.P.: Si, é moi transversal, é a esencia do que é a atención sanitaria cálida, afable. Inclúen servizos que poden ser moi especiais como a Unidad de Coidados Intensivos (UCI), Pediatría, ou un servizo de Cirurxía. Hai unha parte que son os profesionais, que acompañen esa capacitación científico-técnico con escoita, con calidez, ata o coidado das infraestruturas.

En canto a infraestruturas, temos unha asignatura pendente co Santa María Nai.

F. R.: Estamos na fase previa, no novo edificio de hospitalización que nos vai permitir que as fantásticas condicións no edificio que está en funcionamento dende o 2017 se equiparen ao resto da hospitalización. Temos unidades que datan dos 60, que xa deron todo o que tiñan que dar de si, que están cumprindo unha labor, pero temos que melloralas. Estamos na execución dese edificio, reformaremos integralmente o materno infantil e teremos un novo hospital completamente renovado. O seguinte paso si sería facer un edificio ambulatorio xa planificado, e que daría unha mesma cohesión a todo o edificio do que no seu momento foi o xerme do Cristal.

Cara onde camiña esa axenda da sanidade ourensá? Cara onde imos?

F. R.: Temos que ser moi realistas coa nosa demografía, temos unha sociedade moi lonxeva, xunto con Zamora nestes momentos temos a poboación máis lonxeva de toda España, non falo de envellecemento, falo de lonxevidade. A nosa xente é moi lonxeva, o número de centenarios na provincia é digno de estudo, iso quere dicir que hai moitas cousas en Ourense que temos feito ben durante moitísimo tempo, que temos que facer aflorar. Afortunadamente a sociedade é consciente disto, están xurdindo grupos que empezan a traballlar nesa liña. E loxicamente temos que seguir avanzando nesa mellora de infraestrutura, non quedarnos atrás tecnoloxicamente como afortunadamente non nos estamos quedando.

E que implica unha poboación tan maior?

F. R.: Temos que ver que elementos había antes para replicalos e exportalos. As persoas maiores e o seu coidado son esenciais, iso implica garantir unha Atención Primaria de proximidade e enormemente accesible, coas dificultades que estamos tendo. Temos que seguir blindando ese servizo, non só dende unha perspectiva unicamente médica, hai outros moitos profesionais que deben facer moita actividade. O fundamental é que a persoa, sexa paciente ou non, estea sempre no centro das nosas preocupacións e en torno a el construír esa sanidade que todos desexamos.

As persoas no centro e a empatía arredor.

V.C.: É algo importantísimo. Temos unha gran calidade humana dentro da empresa, tanto no equipo de vacinación, os equipos de Primaria, os compañeiros de hospitalización… a humanización é clave en todos os puntos da nosa vida. Por iso temos que seguir traballando nesa mesma liña. E aos pacientes tamén lles temos que agradecer a súa participación e animámolos a que nos demanden máis formación, máis educación sanitaria, que participen activamente porque aquí estamos para estar ao seu lado.

Contenido patrocinado

stats