María Victoria Carballo-Calero: "É evidente que a mocidade perdeu o interese pola cultura galega"

Historiadora da arte, premio da Cultura Galega 2022 na categoría de Artes Visuais

Publicado: 09 oct 2022 - 01:59 Actualizado: 09 oct 2022 - 09:16
Entrevista a María Victoria Carballo Calero

María Victoria Carballo-Calero (Ferrol, 1942) foi premiada esta semana co Premio da Cultura Galega 2022 na categoría de Artes Visuais. Este é un recoñecemento a toda a súa obra, na que abordou temas varios como a evolución de Ourense, a importancia da ilustración en revistas como a Nós ou dentro da cultura galega e incluso ten varios libros adicados á pintora lucense Julia Minguillón.

Que foi o primeiro que sentiu cando lle comunicaron que era a gañadora do Premio da Cultura Galega 2022 na categoría de Artes Visuais?

Non tiña nin idea de que existía unha proposta para que eu gañara. Eran as dúas ou así e estaba sentada no parque de San Lázaro e chamoume o conselleiro para dicirme: “Estamos moi contentos de darche este premio…” E eu non tiña nin idea. Estou moi agradecida, sentínme moi apoiada por todos.

Foi unha absoluta sorpresa pois.

Total. O ano pasado recibín o premio Trasalba e recordo que se falou de facer unha proposta, pero pensei que quedara aí porque este ano non souben nada sobre iso.

É unha apaixonada do seu traballo?

Por suposto. De feito, agora que me teño que xubilar estouno pasando bastante mal. Estou acostumada a un horario e demais. Teño moito traballo pola academia tamén. O traballo e a miña familia son a miña vida (Di mentres sinala máis de dúas ducias de teses doutorais nas que participou como titora).

Na súa obra ten varios libros adicados á ilustración. Cre que se lle dá o lugar que lle corresponde dentro da cultura?

Cando eu empecei a traballar sobre iso, recordo un compañeiro que quedou moi sorprendido. Dicía, “pero isto… para que perdes o tempo con isto…”. Tiven un mestre que me dixo que me metera neste mundo e cada vez foime gustando máis. Ademais, o traballo das revistas é moi actual e ves o que está a pasar en tempo real. Despois xa houbo historiadores da arte que fixeron a súa tese de doutoramento en debuxo, gravado ou cómic. Agora, aínda que custou, está moito máis normalizado.

Un exemplo podería ser Castelao.

É que era un grande ilustrador. Na arte, diría que é a súa mellor faceta.

Tamén lle dedicou parte da súa obra a Ourense. Que representa para vostede?

O proxecto da miña cátedra foi sobre a cidade de Ourense, por iso saquei despois varios libros. Cheguei aquí de pura casualidade porque meu home foi nomeado director dun dos antigos institutos de previsión. Estaba en Santiago, logo estiven en Lugo e xa hai máis de 40 anos que pedín a praza en Ourense. Cando cheguei meu pai díxome que tiña que familiarizarme coa cidade. Meu fillo máis novo naceu aquí… estou totalmente ligada a Ourense, era case unha débeda persoal estudar sobre ela.

De onde ven a fascinación por Julia Minguillón?

Cando rematei a carreira podía ou quedar na universidade ou ir cunha bolsa ao museo de Lugo. Alí estaba todo sen catalogar e había unha sala adicada a Julia Minguillón e algunha obra de Maruja Mallo. Así, comenteille ao meu director sobre o proxecto e aconselloume que estudase a Julia Minguillón. O seu caso é moi curioso, porque todo o mundo sabe que pintou “Escuela de Doloriñas”, pero ninguén coñece máis da súa obra. En cambio, Maruja Mallo subiu coma a escuma. A arte daquel tempo era moi dura e mentres que Mallo marchou a Arxentina e á volta a Movida Madrileña a acolleu como figura, Minguillón xa morrera no ano 65.

Como valora a situación que está a vivir a historia da arte, tanto a nivel docente como investigador?

É unha materia que sempre gusta. Agora tamén está moi promocionada e ten moitas saídas: guía dunha cidade, dun museo, dunha exposición. Cando eu empecei, parecía que ir a historia da arte era unha tolemia, pero a min sempre me gustou moito.

Como definiría a seu pai?

É certamente complicado, pero creo que era un intelectual puro. Hai unha definición que reza: “Era un home do Renacemento”, e creo que é verdade, sabía de todo. Dende a súa xuventude adicouse á cultura. Pero tamén creo evidente que era un traballador por Galicia, non concibía o seu traballo sen estar ligado á terra. Logo houbo un coñecidísimo problema lingüístico e el defendeu as súas ideas. Recordo que sempre me dicía: “Ti es historiadora da arte e eu son filólogo”, porque tiña moito medo de que iso me repercutise.

Para min é o pai do reintegracionismo.

Claro. Ademais despois déuselle moito pulo a iso. Pero esta vía non era un capricho, el foi demostrando a ligazón entre o galego e o portugués analizando diferentes escritos; e agora parece que todos van por aí.

Como ve a saúde deste movemento?

Paréceme que vai gañando peso. Creo que houbo unha etapa de moito conflito pero agora hai un maior entendemento político. O ano que lle deron o día das Letras Galegas estabamos inquedos por se había problemas e todo discorreu con normalidade. En calquera outro país sería un luxo. El defendía que a unión con Portugal traería para o galego un ámbito máis amplo que se quedamos neste recuncho.

Por que estado pasa o conxunto da cultura galega?

Aínda que sempre estiven un pouco á marxe, vexo que se procuran facer moitas cousas, aínda que ás veces non sexan as máis idóneas. Pero creo que todo vai demasiado rápido e non se reflexiona e nada queda. Así, nada se recorda. Todo é unha foto e nada máis, non se profunda en nada. Con todo, as administracións déronse de conta de que a cultura é moi importante para o país. Agora subvenciónase teatro, cine… e iso antes era impensable. Creo que tería que haber uns puntos básicos sobre os que afondar en materia cultural.

Pasa o futuro porque a mocidade volva interesarse pola nosa cultura?

É evidente que a rapazada perdeu o interese pola nosa cultura. Non é coma antes. Antes un premio deste tipo ou o congreso que houbo sobre Castelao foi unha cousa fóra do común. Salvo algúns grupos, a perda de interese do resto é flagrante. Debemos facer que recuperen o interese.

Contenido patrocinado

stats