O Congreso mundial da auga de Ourense centrarase na xestión turística
DO 25 AO 27 DE SETEMBRO
Celebrarase do 25 ao 27 de setembro, coincidindo coa feira internacional termal Termatalia
Ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados coa auga, dedicando especial atención á xestión empresarial e turística de recursos hídricos como os termais. Con este obxectivo a Universidade de Vigo celebrará do 25 ao 27 de setembro o V Congreso Internacional da Auga, que nesta ocasión leva por título A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar.
A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta. Cada edición, a organización do congreso rota entre as diferentes facultades e escolas do campus. Así, nesta ocasión está organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ademais da Vicerreitoría do Campus, e conta coa colaboración de Expourense e o apoio da Xunta e a Deputación. A programación desenvolverase os días 26 e 27 na citada facultade. Previamente, o día 25 pola tarde, as e os seus participantes incorporaranse á celebración da feira Termatalia en Expourense.
O evento foi presentado onte no Edificio de Ferro universitario. No acto, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor, lembrou que a acreditación do Campus Auga trouxo consigo financiamento para actividades coma este congreso. Deste evento destacou que permite “dar visibilidade ao Campus Auga” e afondar en temáticas estratéxicas para el e para a provincia como a xestión termal. Pola súa banda, Rogelio Martínez, director-xerente de Expourense, subliñou que este congreso exemplifica a cooperación existente entre Expourense e a Universidade de Vigo, explicando que “hai varios anos xa que o Campus Auga é un socio estratéxico de Termatalia, intentando colaborar en cada edición independentemente de onde se celebre a feira”, afirmou.
Multidisciplinar
O congreso ten un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga, tales como a súa xestión en empresas e turismo, o patrimonio hídrico, o turismo deportivo e o termalismo. Dentro da temática xeral sobre a auga, esta quinta edición “propón analizar diferentes liñas de investigación, nas que se contará coa participación de especialistas de referencia que, ademais de contextualizar a materia, exporán diferentes resultados ou modelos de investigación de acordo cos seguintes bloques temáticos: actividade turística e auga, termalismo, economía circular e empresa e economía e auga”. Ao longo da celebración desta cita exploraranse ademais aspectos como a responsabilidade social e os obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto dos recursos hídricos.
Concretamente, no V Congreso Internacional da Auga presentaranse máis de 40 traballos en diferente formato, desde comunicacións a paneis, centrados arredor do 40% deles na xestión termal e o resto en temáticas de economía empresarial, economía circular e actividade turística. Ademais, o programa inclúe mesas redondas, conferencias, talleres e a entrega dun premio á mellor comunicación na área de xestión da auga, concedido pola Asociación Científica de Economía y Dirección de la Empresa.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PADRE E HIJA EN LA MISMA MISIÓN
Felipe VI y la princesa Leonor protagonizan su primer vuelo juntos en Murcia a bordo de dos Pilatus PC-21