VUELCO EN EL SECTOR PÚBLICO
Más de 3.600 trabajadores públicos de Ourense, en vilo por su puesto
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Hai unha ducia de anos recibín unha chamada de Maribel Outeiriño cargada cunha enigmática pregunta: "Sabes algo sobre un tipo de Bande que foi axudante do tío do zar?". Lóxicamente, a miña sorpresa foi proporcional á que ela mesmo recibiu ó ler na hemeroteca do xornal unha información do 2 de febreiro de 1934, titulada: "Muere en Bande un exservidor del gran duque Nicolás de Rusia".
Maribel escribiu daquela unha crónica que agora eu trato de ampliar, no marco do conflicto bélico ruso que está a piques de facer estourar o novo zar.
Logo da conversa con Maribel, de pedir no xulgado de Bande copia da súa partida de defunción e de saber, con elo, que ademais da humildade que sobre el transmitía a crónica de La Región de 1934, tamén comecei a saber que nacera en 1851, que era fillo de solteira ("Francisco Pérez Sin 2º", constaba no documento oficial), que estivera casado cunha muller chamada Modesta Martínez e que do matrimonio afloraran dous fillos -Marcelino e Pedro- e unha filla -Adelaida-, ós que informacións posteriores sitúan na Arxentina.
Pero como o azar é caprichoso, tempo despois chegou ás miñas mans un documento de Faustino Santalices que me foi fornecido polos seus biógrafos, os irmáns Félix e Cástor Castro Vicente, no que o zanfonista facía unha breve reseña de "un vecino mío de Bande, que fue ayuda de cámara del gran duque Nicolás de Rusia y, de acuerdo con éste, llevó a cabo ciertas pesquisas cerca de los jefes de la primera revolución boxer, allá en China, por el año 1900".
O mesmo Faustino Santalices que en xaneiro de 1929, con motivo do falecemento do gran duque na cidade francesa de Antibes (Costa Azul), facilitoulle información ó redactor de La Zarpa, quen "por considerarla interesante y especialmente curiosa para nuestros lectores", dá a coñecer que "en el pueblo de Corbelle (Bande), existe un labriego, natural y vecino de dicho pueblo, accidentalmente en la Argentina, que prestó con lealtad inquebrantable y en puesto de confianza, durante largos años, servicios al ilustre extinto". Folga dicir que o "ilustre extinto" non era outro có gran duque Nicolás, irman do zar Alejandro III e tío do derradeiro Romanov. É dicir, un personaxe esencial na vida do zar Nicolás II, nos tamén derradeios anos do sagrado imperio ruso.
Como, un "labriego" de Bande chega a traballar ó servizo dun personaxe que, por moitos motivos, forma parte da historia universal, como é o gran duque Nicolás?
A razón é ben sinxela. Francisco, cando chega ós 20 anos desexa ampliar os horizontes de Corbelle e animado por algún familiar que xa fixera denantes o seu camiño de ida, decide marchar para Lisboa, onde comeza a traballar como pinche de cociña no -naquel momento- máis importante hotel da metrópole, o Hotel Bragança, situado na rúa do Alecrín, presidindo a zona máis comercial daquela Lisboa que comezaba a devalar cara o remate do século XIX.
Pola súa banda, o gran duque Nicolás é enviado polo seu sobriño para que se faga cargo da legación rusa na capital portuguesa e despois de pernoctar unha tempada no hotel, solicitoulle ó personal da embaixada que lle procurasen unha persoa que fose "humilde, leal e traballadora" para que o servise como "axuda de cámara". Para aquela, o mozo de Corbelle xa se asentara na cidade, xa falaba diversos idiomas e xa exercía como "maitre" no devandito hotel.
Así que o director, pensando que non sería máis ca unha cesión temporal dun dos seus mellores traballadores, accedeu á petición do diplomático ruso e Francisco Pérez comezou a traballar na embaixada rusa de Lisboa.
Sen embargo, cando o diplomático tivo que regresar, ofreceulle a a posibilidade de coñecer mundo e aquel labrego de Corbelle non lle fixo áscos á aventura e optou por ir ver como vivía a xente máis alá de Lisboa. En total foron case 15 anos os que Francisco Pérez acompañou a Nicolás Nicolayevich polo oriente, comezando por Alejandría onde o duque estivo convalecente, seguindo por San Petersburgo, onde logrou convivir no pazo de inverno e mesmo escoitar "algunas intimidades de la familia imperial" e de aí a Pekín, cubrindo sempre as atencións do seu mentor.
Faustino Santalices, lembrábao no ano 1929 "con un porte distinguido y servicial que llama la atención desde el primer momento, sobre todo al saber que habla correctamente francés, inglés, alemán, italiano y algo de ruso y chino", ademais loxicamente do galego, o castelán e o portugués.
Hotel Bragança de Lisboa no século XIX, lugar onde traballou Francisco Përez
Un dos principais servizos que Francisco Pérez lle fixo ó seu "señor", máis alá dos considerados servicios de cámara, tivo lugar en Pekín con motivo da denominada "rebelión dos boxers" que aconteceu no mes de maio de 1900.
Na China tiña xermolado un profundo malestar das elites chinesas contra as inxerencias políticas das potencias europeas con sede diplomática no país.
Coincidindo coa estadía de Nicolás á fronte da embaixada rusa da capital da China, os compoñentes dunha sociedade secreta que respondían ó nome de "Puños de justicia e concordia" -de aí a intitulación de "rebelión boxer"- atacaron dun xeito cruel as legacións extranxeiras, que se arremuiñaban arredor do pazo imperial chinés e que se viron obrigadas a defendérense coas armas.
O coordinación da información entre as legacións disque era fundamental para organizar a resistencia e dado que o decano diplomático era o duque Nicolás, "en el curso de dichas gestiones desempeñó Francisco Pérez, con gran éxito, importantes y ariesgadas misiones", relata a crónica de La Región do 2 de febreiro de 1934 sobre o obituario do ourensán.
Finalizada a rebelión chinesa, que no ano 1963 sería levada ó cine por Charlton Heston, Ava Gardner e David Niven co título de "55 días en Pekín", o gran duque volveu para o pazo de inverno de San Petersburgo e Francisco con el, onde tivo oportunidade de coincidir e coñecer persoalmente ó afamado e enigmático monxe, Rasputín.
Do seu relato procede a anécdota de ter presenciado "un encuentro personal del gran duque Nicolás con Rasputín, en el que este último llevó la peor parte, por ser el primero hombre fortísimo, de cerca de dos metros de altura".
Tres lustros despois, Francisco volveu a Lisboa e aínda tivo oportunidade de servir "a otros aristócratas extranjeros, en especial al duque de Palmela, encumbrado personaje escocés que le profesa todavía muy sincero afecto".
Finalmente -é de supoñer- regresaría a Corbelle, onde "conserva objetos de arte curiosísimos, recogidos en imperiales estancias de Pekín y de Rusia y obsequios de gran valor de algún personaje de la desaparecida realeza moscovita".
Viúvo e só, cos fillos na Arxentina, ás tres da tarde do 27 de xaneiro de 1934, Francisco Pérez Sin Segundo, deixaría de existir.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
VUELCO EN EL SECTOR PÚBLICO
Más de 3.600 trabajadores públicos de Ourense, en vilo por su puesto
BUM DE JUBILACIONES
La mitad de vacantes por jubilación en Ourense no tendrán repuesto juvenil
Lo último
más de 44.000 M de dólares
Zara supera a Nike y se convierte en la marca de moda más valiosa del mundo