"A día de hoxe non vemos posible facer predicións do covid a máis de catro días"

Entrevista

O matemático ourensán Iván Area traballa dende o inicio da pandemia en modelos matemáticos de predición do covid

O matemático ourensán Iván Area.
O matemático ourensán Iván Area.

"Non é posible abordar o coronavirus con solucións locais". Baixo esta premisa, o matemático Iván Area (Ourense, 1971), do Departamento de Matemática Aplicada da UVigo, traballa dende o inicio da pandemia en modelos matemáticos de predición do covid, tanto da evolución de afectados como das necesidades de camas nas UCI. Xunto a Juan José Nieto, do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, traballan nestes análises. A última conclusión á que chegaron é a necesidade dun confinamento europeo de 15 días.

Por que non teñen sentido as medidas locais fronte ao virus?

Trátase dun problema global que levamos tempo tentando resolver con solucións locais e cada día que pasa está máis claro que non é posible abordalo deste xeito. Podemos analizar un grande lume. Afectando a un territorio do noso rural onde hai moitas casas separadas. Unha opción é que cada habitante tente que o lume non entre na súa casa cunha mangueiriña. Pode que cada un consiga que temporalmente o lume non entre, pero o grande lume segue no monte. Pode que un día teñamos a impresión de que xa está apagado, pero novamente regresa, pode que incluso con máis forza pola acción do vento, que no noso caso son os desprazamentos de persoas. O problema seguirá mentres non consigamos abordalo de xeito global. Está claro que o que se fixo non funcionou.

Por que sería bo un confinamento en toda Europa e porque ese período de 15 días?

Resulta importante frear a expansión, e posteriormente acompañar con corentenas para as persoas que queiran entrar en territorio da Unión Europea, sexan ou non sexan cidadáns da UE.

Cando debería facerse?

Obviamente á maior brevidade posible.

Cando fala de corentenas estritas para os que poidan entrar durante este suposto confinamento, a que se refire?

Hai que ser estritos, porque calquera fallo produce un novo gromo, que logo se descontrola. Hoxe en día xa se dispón de datos sobre o período de incubación e de transmisión da enfermidade provocada polo virus.

Hai persoas que se reinfectaron. Isto afecta ao funcionamento dos seus modelos predictivos matemáticos?

É unha cuestión moi interesante. Cando elaboramos os primeiros modelos tiñamos moitas dúbidas sobre esta enfermidade. Tempo despois comezamos a conxecturar que sería posible a reinfección, de xeito que unha vez que unha persoa pasa de susceptible a exposta, a infectada e a recuperada, novamente debe regresar á posición de susceptible, polo menos nunha porcentaxe de casos. A pregunta agora é cantas reinfeccións hai realmente, porque da primeira onda quedaron moitos casos sen analizar porque daquela había outros problemas que afrontar.

O 4 de marzo informaron aos partidos políticos da necesidade aprazar as eleccións galegas en base as súas predicións. Visto o que ocorreu, isto demostra que se debería contar máis cos matemáticos na toma de decisións ante a evolución do covid?

Son ferramentas que poden axudar na toma de decisións, pero como outras moitas. O importante é que estas ferramentas estean dispoñibles para quen ten que tomar as decisións. Esperemos exista unha vacina en breve. Esta cuestión das vacinas xa a conxecturamos fai moitos anos para analizar como debera ser a vacinación no caso dun novo gromo de ébola. Daquela os datos que chegaron de África eran fiables e robustos. Iso é que cómpre para as persoas que traballamos na ciencia. Dispor de datos que permitan explicar como se propaga a enfermidade é fundamental para poder modelar como debe ser o proceso de vacinación. Nesta segunda onda levamos máis de 400 persoas falecidas en Galicia, da orde dunha media 10 diarias nos últimos días. Non podemos afacernos a ver números de persoas mortas e non inmutarnos.

Que din as súas predicións?

A día de hoxe non vemos posible facer predicións a máis de tres ou catro días. É moi complexo porque os datos non son homoxéneos. Houbo distintos cambios que afectan aos datos: por exemplo, cantas PCR se fan, a quen se lle fan estas probas... Isto fai que os datos que temos nun determinado período en Portugal non sexan comparables aos que temos nese mesmo período en Italia ou en Galicia. En calquera caso, deixar de facer PCRs só significa mirar para outro lado, pero o problema está aí.

Que lectura fai da ocupación das UCI?

Estamos xa en ocupacións de 96 camas, cando hai 10 días estabamos en cifras da orde de 60 e hai 20 días en ocupacións de 45 camas. Se continúa aumentando o número de novas persoas infectadas aí pode haber un problema, que todos esperamos que non aconteza pero hai que telo sempre presente. Nun momento dado tivemos que improvisar. Agora podemos planificar. Polo tanto, planifiquemos.

Poden predicir cando é o pico desta segunda onda?

Non vemos posible facer predicións a máis de tres ou catro días.

Contenido patrocinado

stats