Diarios do pasado: Arqueólogos en Ourense (I)

OURENSE

José María Eguileta Franco analiza neste artigo as investigacións arqueolóxicas na cidade de Ourense

Escavación das Burgas, dirixida por Alfredo Seara.
Escavación das Burgas, dirixida por Alfredo Seara.

As investigacións arqueolóxicas na cidade non son recentes. Cuevillas xa escribira en 1934 sobre as orixes na etapa romana en “Como nasceu a cidade de Ourense”. Tamén Ferro Couselo expuso as súas teorías no escrito de 1955 “Visión urbanística del Orense Antiguo. La ciudad en sus orígenes y su desenvolvimiento hasta el siglo XIX”. Pero outra cousa distinta eran as escavacións arqueolóxicas na cidade. Cuevillas e Ferro non escavaron en Ourense, se non que de forma maioritaria apoiáronse en achados fortuítos que ían aparecendo, ás veces ao ritmo das obras. A arqueoloxía preventiva é un asunto bastante recente. Sen embargo, iniciada a década de 1940 -case unha excepción- escávase o tramo inferior da rúa de García Mosquera, coa participación de Vicente Risco e publicada en 1943 por C. Vázquez que deu conta do descubrimento sunha necrópole galaicorromana con seis sepulturas, cinco construídas con tella -”tégula”- de tégula de sección triangular, e unha de mamposteiría co fondo e a cuberta ladrillos.

Máis como lles dicía, a escavación na rúa de García Mosquera podémola considerar naquel entón unha actividade excepcional. Para asistir á normalización da arqueoloxía no entorno urbano debemos agardar aos finais da década de 1970 e inicios de 1980. Ao redor do Museo Arqueolóxico de Ourense, con Francisco Fariña á fronte, e do entón Colexio Universitario de Ourense, co Departamento de Prehistoria a cargo de Xosé Carlos Sierra, nace unha nova xeración de arqueólogos que, amparada polo maxisterio de ambos, participa con eles de forma regular en varias escavacións por toda Galicia. Daquela os máis novos -grupo do que eu mesmo formaba parte- integrabámonos en equipos con outros estudantes e recen licenciados, xa veteranos. A estes últimos, que desfrutan na actualidade dunha merecida xubilación, estou seguro que todos os coñecen. Para os primeirizos eran “os de Valladolid”, porque foron a rematar a carreira a aquela cidade.

Escavación das Burgas, dirixida por Alfredo Seara.
Escavación das Burgas, dirixida por Alfredo Seara.

O formaban Bieito Pérez Outeiriño, que dirixiu varias campañas na provincia e pronto se incorporou á labor museística como conservador no Museo de Mérida e director do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Con el, Xulio Rodríguez González, anterior director do Museo Arqueolóxico e, entre outras escavacións, director de varias campañas consecutivas no castro e vila de Santomé. Ao grupo de Valladolid tamén pertencía Francisco Espino, que codirixiu as escavacións da praza da Madalena para despois facerse cargo do Arquivo Municipal. Aos que estudaron fóra engadimos a Alfredo Seara Carballo, titulado na Universidad Autónoma de Madrid. Ademais de dirixir e codirixir xacementos como Coto do Mosteiro, Francelos ou Castromao, dirixiu a primeira escavación sistemática nas Burgas. Alfredo, como saben, foi arqueólogo territorial de Xunta de Galicia en Ourense e xefe do Servizo de Patrimonio Cultural da mesma institución ata xubilarse. Ao mesmo tempo Luis Orero Grandal, director de numerosas escavacións pola provincia, realiza achegas fundamentais á arqueoloxía ourensá con escavacións como a da Ponte Loña, praza da Madalena, colexio das “Xosefinas”, ou no Posío, así como cuantiosos solares urbanos. Tamén Afonso Monxardín, dedicado ao mundo do Paleolítico e ás investigacións sobre a historia urbana de Ourense antes de optar polo ensino. Mentres, Francisco Fariña dirixía varias intervencións arqueolóxicas no solar e edificio do propio Museo (continúa).

Contenido patrocinado

stats