O escritor David Rubín regresou a Ourense: “Vexo a miña relación coas librerías coma unha irmandade”

DEBUXANTE, ESCRITOR E ANIMADOR

Voltou o debuxante David Rubín ó encontro dos seus lectores ourensáns tras case un ano sen visitar a cidade. Facíao no Sindicato do Cómic, lugar habitual onde o autor pecha o ano, e cunha nova obra baixo do brazo: “Operación Amencer”, onde proba coa temática vampírica.

El escritor David Rubín regresó a Ourense

Regresabas ó Sindicato do Cómic nunha nova cita cos aficionados ourensáns. Cómo se sinte esa volta á casa?

Para min é sempre unha cita case obrigada a final de ano, pechalo no Sindicato do Cómic en Ourense, a miña cidade. É algo que, pese ó ir por moitas librerías, non hai nada comparable ó firmar en Ourense, sobre todo pola xente que ven. Agora que xa non vivo en Ourense, se agradece moito a oportunidade de reencontrarme con xente á que non vexo o resto do ano.

Ademáis chegas con obra nova. Qué nos podes contar da túa derradeira entrega?

Veño con varias. Este ano, por un montón de temas persoais e profesionais non puiden achegarme a Galicia a facer presentacións, e fóiseme acumulando o choio. Teño varias obras que saíron ó longo deste 2024, e aproveitei para falar un pouco delas e asinar as que me trouxeron.

A derradeira chámase “Operación Amencer”. É unha historia de vampiros, pero moi diferente ó habitual, que fixen para a editorial norteamericana Dark Horse, e que aquí saca Astiberri en dos volumes. O primeiro volume é o que agora está nas librerías, e o segundo sairá en torno a febreiro de 2025. Paseino moi guay facendo esta obra. É moi divertida e moi rápida de ler e pasar un bo rato con ela. Veume moi ben meterme nun proxecto así, porque eu viña da miña obra anterior, que foi “O Lume”, que foi unha obra moi complexa e dura, que deixoume esgotado a nivel anímico. Precisaba algo que fora un pouco como ir ó parque de atraccións e isto foi o que mo deu. Paseino moi ben debuxándoa e agardo que a xente o pase moi ben léndoa.

Traballar para unha gran editorial americana qué supón para tí?

Non é algo no que me pare a pensar moito, porque foi algo moi gradual. Gradualmente, ano a ano, obra a obra, fun gañando maior recepción e dese modo se foron abrindo diferentes portas. Vas avanzando dun xeito tranquilo e gradualmente positivo. Non teño sensación que de golpe cambiase a miña vida, senón que a miña propia vida foi seguindo esa liña ascendente a base de moito traballo e sacrificio.

Como ves ás tendas de cómic? En que punto cres que se atopan?

Nos tempos que vivimos, calquera negocio, e máxime un relacionado coa cultura, é máis arriscado que antes, pero penso que vai ben. Nestas datas de Nadal funcionan moi ben, e sempre vin a miña relación coas librerías coma unha relación de irmandade na cal nos apoiamos mutuamente. Gústame achegarme a elas a facer presentación, e elas conseguen unha boa tarde de ventas. Hai xente que se achega ás presentacións e así descobre a librería, así gañan algún cliente, e a min axúdame moito porque así posiciónante mellor e o stock dos teus libros está dispoñible. Faste coñecido ó chegar a unha librería, que é algo que é moi complicado a día de hoxe, no que estamos nas 4.500 novidades de cómic ó ano só en España. Iso fai unha media de centos de títulos ó mes que entran en barren cos que estaban a semana anterior, así que é moi importante manterse alí e que os libreiros te teñan en conta, que vexan que o que fas funcionan e te teñan dispoñible. Por iso vexo esa relación de irmandade e axuda mutua entre os libreiros e mais eu.

Pásate que tes en cada cidade os teus afeccionados habituais e eles arrastran xente?

Agora que xa levo mais de vinte anos publicando, noto ese crecemento exponencial. Con cada libro que sacas chega xente nova que te descubre por primeira vez. Esa xente logo vai para atrás e vai mercando e lendo os teus traballos anteriores. E cando voltas á cidade, ese afeccionado trae esas obras para que llas firmes e trae tamén xente.

Lembro que nunha das miñas primeiras presentacións, cando non me coñecía nin o tato, viñeran doce persoas, e agora dependendo do sitio, ven moitísima máis xente e son boas presentacións. Como comentaba antes, foi un proceso completamente natural por sacar un libro ou dous ó ano durante vinte anos, e sobre todo tendo contacto continuo cos lectores é os libreiros.

A miña profesión é de corredor de fondo, e pasar moitos meses metido no estudo facendo as obras, e cando por fin sae e convértese nunha realidade, é cando eu desfruto moito de saír un pouco “da cova” e darme a coñecer ós lectores. Grazas a eles, esta afección que eu tiven desde neno pode ser unha profesión a tempo completo.

David Rubín no Sindicato do Cómic. (Foto: Miguel Ángel)
David Rubín no Sindicato do Cómic. (Foto: Miguel Ángel)

Unha profesión que parece que está movéndose no fío da navalla pola interrupción da IA. Qué supón para un autor coma ti?

A IA está xa facendo mal tanto no mundo do cómic coma nun montón de sectores diferentes. Non somos un caso illado, perxudica á literatura, á música, á dobraxe e nun montón de cousas máis. Agora hai mesmo novas que se escriben con IA directamente. Se segue a cousa así, cargarase nos próximos vinte anos o 60% da vida laboral que agora mesmo hai no mundo.

Persoalmente, non me vai afectar dun modo directo. Teño unha carreira nacional e internacional consolidada e longa, un nome xa establecido, e un montón de lectores por todo o mundo. Vou poder seguir facendo o meu traballo pese á IA. O que me fastidia é que ós novos autores, ós que están estudando nas escolas de arte e soñan con poder adicarse ó mundo do cómic e a ilustración, non o van a ter tan doado coma o tiven eu. I eu xa non o tiven doado sen a IA. Xa é de entrada un mundo complicado para prosperar e facerte un oco, con moitísima precariedade. E se lle engades isto que é como lanzar a bomba de Hiroshima enriba de ti... penso que moitos rapaces non van ter estas oportunidades.

A solución pasa por educar á sociedade, non a quenes queremos adicarnos a isto. Hai que educar no valor da cultura feita por humanos. O que nos distingue de outros animais é a nosa capacidade de emocionarnos e emocionar a terceiros facendo obras de arte. O que fai a IA é cargarse a esencia do que nos fai humanos. Quedará un mundo cheo de imaxes descafeinadas, de textos que ninguén estivo detrás pensando ou sacando de dentro, e cancións que non veñen nin van a ningún lado. En definitiva, cultura regurgitada, que non aporta e non vai a ningún lado, e non emociona. E deixará unha sociedade onde seremos menos críticos, menos cultos e máis permisivos con todo.

De ahí a importancia de estar en constante contacto cos lectores.

Por suposto, hai que deixar sempre claro o traballo que hai, e que detrás sempre hai persoas. Tras unha novela, un cómic e unha canción que che gusta escoitar hai persoas, centos e miles de postos de traballo que corren un perigo enorme de ser destruídos. Hai que preguntarse se queremos apoiar ás persoas ou ás máquinas e o diñeiro rápido para catro mangantes que se queren enriquecer con isto.

Nestes momentos de regalos e agasallos, algunha recomendación de David Rubín?

Así das derradeiras cousas que teño lido, gustoume moito unha novela gráfica que se chama “Nocturnos”, de Laura Pérez, que publica Astiberri. Laura é unha autora valenciana que me ten fascinado porque debuxa realmente ben e conta unhas historias verdadeiramente orixinais e marabillosas. Logo tamén recomendo “Territorio”, do guionista madrileño David Muñoz e o debuxante ourensán Miguel Robledo, que para min é o pope dos cómics a nivel Ourense. Aprendín del un montón durante moitos anos, e é un dos mellores debuxantes a nivel Galicia e España. Prodígase pouco, e agora acaba de sacar esta novela gráfica marabillosa que fala de bullying misturado con ciencia ficción e xénero bélico. É unha marabilla que non canso de recomendar alá por onde vou.

Contenido patrocinado

stats