Estados cristiáns antes que Roma

Escavación da catedral de Adulis e moeda do s. IV.
Escavación da catedral de Adulis e moeda do s. IV.

Un equipo de arqueólogos dirixidos por Gabriele Castiglia, está investigando con técnicas actualizadas un grupo de primitivas igrexas do antigo reino de Aksum, situado no territorio da actual Etiopía. Foran escavadas hai máis dun século, e os estudos recentes parecen confirmar o inicio da construción dunha catedral entre os anos 400 e o 535. Como pode existir unha seo tan antiga no afastado Corno de África? Habitualmente tense a idea de que a normalización e posterior oficialización do cristianismo no planeta veu da man de Roma. Sen embargo, a expansión da nova relixión nacida do xudaísmo, adoptou máis camiños que o noso mundo occidental, para proxectarse cara ao leste e ás terras africanas, realidade histórica moito menos coñecida.

É indiscutible a importancia histórica do cristianismo nas sociedades europeas actuais, nas que a súa expansión está indisolublemente unida á da conquista, primeiro militar e despois cultual, romana. Poderiamos dicir que a cristianización de occidente é unha faceta máis da romanización No ano 313 d. C., os emperadores Constantino de Occidente e Licinio de Oriente naquel momento, reuníanse na cidade de Mediolanum -Milán- para acordar unha serie de cuestións que afectaban ao imperio. Entre varios asuntos de diversa índole, promulgaron o Edicto de Milán, que puxo fin ás persecucións dos cristiáns nos territorios de Roma. Comezaba un novo período para os seguidores de Xesús que os levaría a progresivo e fulgurante un ascenso ata as máis altas esferas da sociedade e do estado romanos. A culminación será o 27 de febreiro de 380, cando o Edicto de Tesalónica, obra do emperador Teodosio, converte ao cristianismo na relixión oficial do imperio. Estes datos sobre a oficialidade da relixión cristiá nas posesións romanas, son sabidos por todos vostedes, sobre todo porque tanto a citada relixión como o territorio no que agora vivimos, integrado no imperio romano, son unha parte importante e inseparable da nosa historia. Existiron sen embargo, dous antigos reinos nos que a oficialidade do cristianismo foi anterior. Por orden de antigüidade, Armenia e Aksum. Armenia, país transcaucásico hoxe localizado entre Rusia, Acerbaixán, Irán e Turquía, foi evanxelizada en época temperá. A clave para a oficialización foi a conversión do rei Tiridates III. Como acontecera en Roma, esa conversión sucedeu a varias persecucións. O citado rei converteuse ao cristianismo entre os anos 300 e 301, promulgando inmediatamente a súa nova relixión como a oficial do reino armenio. Iso fai deste país o primeiro reino en estatalizalo e en propiciar a conversión masiva da poboación, nada menos que nos inicios do século IV. Outro reino con oficialización prematura do cristianismo foi, como vimos, o de Aksum. Alí foi declarado relixión oficial de ao redor do ano 340 d. C., a segunda nación do mundo en facelo, despois de Armenia e antes que Roma. Ocorreu no tempo do rei Ezana, que tamén utilizaba o título de rei de Saba. As crónicas contemporáneas consideraban o reino de Aksum entre os catro máis poderosos do mundo, xunto con chino, o sasánida e, por suposto, o romano.

A historia e a súa irmá a arqueoloxía, mostran de forma insistente que o pasado é máis diverso e esquivo do que puideramos pensar á primeira vista. Proporcionan olladas diferentes, verificando realidades que transcenden os nosos horizontes xeográfico e cultural.

Contenido patrocinado

stats