EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963) é un dos galegos con máis prestixiosos do mundo do cinema -os seus tres premios Goya e as dúas preseleccións para os Oscar así o confirman-. O seu último filme, gravado integramente en Ourense, titúlase “O home e o can” e estrearase no Festival de Cine de Ourense (OUFF), sendo ademais a película inaugural.
Que se sinte ao estrear no OUFF, e máis sendo a película inaugural?
Hai nervios, pero non pola película, que xa está feita, pero si porque todo saia ben. Espero non esquecerme de ninguén dos que colaboraron para que este proxecto saíra adiante. Ademais, é un honor que nos escolleran como filme inaugural. Haberá moita xente véndonos porque moitos axudaron máis alá do equipo.
Cal foi a inspiración da película?
Hai que remontarse a 2014. Era un proxecto que se chamaba “O alcalde” no que había un home que quedaba só nunha aldea galega. A idea inicial foi de Rafael de los Arcos e pensaba dirixilo el. Comezou a colaborar cunhas guionistas e fíxose un primeiro guión, que me mandaron a min por se quería colaborar e aí entrei. Empezamos a escribir outra versión, xa co nome “O home e o can”. Ao final, Rafa díxome que se a quería facer eu el quedaría encantado; e os últimos 4 anos xa foi un proceso solitario.
No filme faise unha reflexión sobre a soidade. Era Ourense o lugar idóneo para falar dela?
O punto de partida é a soidade dun home e un can nunha aldea ourensá. Ademais, ten unha discapacidade intelectual e nunca saíu da aldea. Un día, o can sofre un accidente e el marcha co can ata Ourense en busca de axuda. A cidade para el é un mundo descoñecido. Pero a mensaxe é que na aldea non se sinte só e na cidade si, aínda que está rodeado de xente. Na cidade tamén atopa a Paula -oposta a el- unha rapaza nova de familia desestruturada, que será a única que lle axude, nacendo unha amizade.
Como foi rodar na provincia?
Por unha banda, viñemos rodar a Ourense porque a Deputación concedeunos unha axuda. Hai que agradecerlles que convertan a Ourense nun estudio de rodaxe, porque poderían non facelo. Pero, con independencia diso, sempre se molesta coa rodaxe e o certo é que aquí todo o mundo foi moi xeneroso e se implicou moito coa película. Logo tamén está a figuración, que é unha das cousas que fai máis crible unha película. Moitas veces saen decepcionados porque ou saen uns segundos ou mesmo nin saen cando botaron un día rodando.
Por que en branco e negro?
Por unha homenaxe ao neorrealismo dos anos 40. A directores como Rossellini ou Vittorio de Sica, que é o cine que eu mamaba na miña xuventude na televisión. Era das primeiras veces que as cámaras saían á rúa e intervíñase moi pouco no decorado ou no vestiario. E eu quería iso e foi un exercicio de estilo. Está claro que a acción é actual, pero recorda moito ás películas clásicas.
Ten tres premios Goya e dúas preseleccións para os Oscar. Cal é o teito que lle pon a “O home e o can”?
Son de desfrutar do traballo e non esperar nada. Cando nos nomearon por primeira vez sorprendémonos moito. A única vez que tiven presión foi con “Soño dunha noite de San Xoán” porque partíamos de favoritos e non tiña nada claro que nolo foran dar. Con esta estou moi tranquilo porque só quería desfrutar a película e goceina máis que ningunha das anteriores. En 30 anos esta é a película máis miña, na que menos renuncias fixen. E enriba, é a película que máis se parece á idea orixinal.
Leva tres décadas facendo cinema e sempre o fixo dende Galicia. É un dos piares do seu cinema?
Si. Un debe facer o cine de cousas que coñeza. Non me vexo facendo unha película de marines americanos. Necesito crer nun proxecto, porque teño que transmitir emocións ao espectador. A película non pode ser indiferente. Gústame facer pensar ao espectador. Así, creo que as miñas historias teñen moita galeguidade e case todas están localizadas en Galicia. Aínda que isto non é máis que unha conxuntura, porque as historias son universais. Un fala de amor, de amizade… Un detalle curioso é que nos pases que estiven por todo o mundo, a xente sempre ría ou se emocionaba nos mesmos momentos.
Tras 30 anos de profesión no mundo audiovisual, como ve o panorama cinematográfico galego e en galego?
Cada vez é mellor. Cando empecei estaba comezando todo, as primeiras longametraxes que se estrearon teñen 33 anos (Sempre Xonxa ou Continental). Era como estar na idade de bronce, por non dicir na de pedra. Había moi poucas películas. Supoño que por intentar exportar o noso cinema facíase en castelán para conseguir financiamento. Agora, coas plataformas, todo iso mudou radicalmente. Estamos a vivir unha idade de ouro porque hai moitísimo traballo e cada vez importa menos a lingua, porque a Netflix ou a Amazon dálles igual. Polo que respecta a “O home e o can”, creo que esta historia non tería sentido en castelán. Un señor da aldea tiña que falar na súa lingua, o galego. Tamén creo que cada vez vai haber máis filmes en galego.
E mirando cara o futuro, ten algún proxecto en marcha?
O futuro vai ben. Hai un proxecto que será outro exercicio de estilo, pero completamente distinto e que vai requirir máis medios. Non sei se podo contar isto, pero temos un acordo cunha das máis importantes produtoras a nivel nacional para facer un thriller psicolóxico baseado nunha novela da que Ézaro ten os dereitos e xa hai un guión entregado. Vai haber moitos actores de aquí e pretendo rodala aquí, probablemente en Ourense, aínda que non está pechada a localización. Hai moitos actores galegos e tamén un internacional. A idea é rodala o próximo ano e vai por moi bo camiño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Los ingenieros agrícolas de Ourense renuevan su cúpula
Pepe Paz, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas: “Temos que facer un novo rural con mais industrias agroalimentarias”
UNO MENOS QUE EN 2022
Ourense se acerca a su récord de colisiones provocadas por animales
CULTURA EN EL RURAL
La Red Provincial de Auditorios de Ourense alcanza los 7.500 espectadores
Lo último
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, domingo, 21 de diciembre