Jacinto Seara
Ola de calor, no cambio climático
Aínda que o asunto de Zapatero tape o resultado de Andalucía, voulles dar a miña opinión sobre esas eleccións. E será miña porque mirei resultados, non tertulias. Heilles dar moita cifras -desculpen-, sen moita fe nelas, porque, na fin, os transvases de votos son a esencia da democracia e cada un vota, sen máis, ao que lle peta. Imos alá.
O 17 de maio, votaron 389.877 persoas máis e chegaron aos 4,2 millóns. E a ese novos votos podémoslles sumar os case 130 mil de partidos que non se presentaron en 2026 e si antes, como Ciudadanos. Comezaremos sinalando os inútiles 105 mil votos “titiriteiros ” de Se Acabó la Fiesta, semellantes aos de Ruiz Mateos ou Ciciolina en Italia, outrora. O caso é que, a pesar dos incrementos dos tres grandes partidos (PP subiu 145.547; o PSOE, 59.388, e Vox, 80.017; co que se sitúan, respectivamente, o PP en 1.735.819 votos; o PSOE, 947.713, e Vox, 576.635) as distancias porcentuais entre eles á penas variaron. O PP, despois de dúas lexislatura gobernando en Andalucía, baixou en porcentaxe, só o 1,51 %; o PSOE, gobernando en España, baixou só o 1,38%, e Vox só subiu o 0,45%. Pola súa banda, a extrema esquerda (sumando Adelante Andalucía e a coalición dos de Podemos, Sumar, etc.) pasou de ter conxuntamente un 12,28 a un 15,93, ou sexa, un 3,6 máis. En total, 655.347 votos. Tampouco é para botar foguetes.
O caso é que a pesar da insistencia televisiva -antes do de Zapatero- en cuestións menores, non me parece que cambiase moito a cousa. É bo que non houbese debacle: o sistema é estable. O gañador evidentísimo é o que quedou de primeiro con 53 escanos, máxime cando a distancia co segundo é de 25 escanos (sobre un total de 109) e co terceiro, Vox, o seu proclamado competidor, de 38. E xa non digamos coa extrema esquerda que suma por xunto 13 deputados, 40 menos có gañador.
E preocupoume a distorsión da realidade coa alegría nalgunhas sedes. Si. O feito de que o gañador sumase dous deputados menos dos precisos para a maioría absoluta parecía encher de satisfacción a varios, sen ver as súas propias realidades no espello. Porque o feito de que houbese 145.000 votos máis ao partido do goberno, o PP, cando foi sometido a un ataque feroz por parte do Goberno central e do activismo das plataformas da esquerda e extrema esquerda na rúa, fala de que os andaluces “non compraron” para nada o discurso apocalíptico sobre a situación de Andalucía e dos seus servizo públicos.
E por outra banda, creo que para Vox obter 88.712 votos menos que extrema esquerda, só 1/3 dos votos conseguidos polo PP andaluz, e un pírrico ascenso porcentual do 0,45; non son, non, boas novas e coa enguedellada situación interna, o futuro non lles pinta ben. A xente, creo que neste mundo tan complicado, quere calma e moderación; non extorsións. Así, a estratexia de potenciación de Vox a través da súa hiperpresenza nos medios de comunicación públicos só complica as cousas, sen traer nada novo.
Se no PSOE alguén está feliz e pensa “que se abre un novo escenario” ao non ter a maioría absoluta Moreno Bonilla, está enganado. Os “muros” de contención son perigosos porque che poden caer enriba os cascallos dun lado e doutro. As eleccións gáñanse centro do campo como acabarán entendendo as futuras dirixencias do PSOE zapatero-sanchista; de aí que sexa bo que mantivesen 28 deputados -e que estes faciliten a gobernación de Moreno-, para teren unha boa sobre a que reedificar a socialdemocracia europea, tranquila e eficaz. Eu alegraríame de que aprendesen rápido; bo para a democracia e para eles. Que pensen en Grecia, Italia, Francia, onde os partidos socialistas desapareceron por ler mal as súas realidades, abríndolle paso aos populismos de babor e estribor.
Sorte a todos, e como dicían os anxos da Anunciación “... e paz na terra aos homes de boa vontade”. Aos de boa vontade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
La Región
El derecho al descanso merece ser respetado
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este martes, 14 de julio
La Región
Final de curso
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 14 de julio