Eustaquio Pérez: “Iamos buscar de todo á raia. Había sempre negocio nas fronteiras”

Publicado: 31 oct 2022 - 04:44 Actualizado: 31 oct 2022 - 12:25

Entrevista a Eustaquio Pérez vecino de Quintela de Leirado

O catro de setembro, Eustaquio Pérez cumpliu 101 anos. Seguramente ese día pasou parte do tempo nunha das súas aficións favoritas. Coller os prismáticos e observar o Leirado onde vive a súa Guillermina e o Quintela que o viu nacer no ano 1921. Dende aquela, moito ten pasado no mundo, acontecementos que Eustaquio observa con calma dende a súa vida tranquila. Unha vida que comezou, como ben sinala cos seus prismáticos, na raia con Portugal onde tantos tiveron que gañar o pan cando a única alternativa que lles deixaba a súa terra era a fame. A seguinte parada, como a de moitos en Quintela de Leirado, foi Guinea. </nav> </header> Estivo de cumpleanos hai pouco.

O día 4 de setembro. Cumplín 101. Van pasando os anos. Onde vai que me xubilei, xa non me acordo. Traballei ben. A miña vida foi sempre no campo. Saín pra fóra de aquí, a Fernando Po, na Guinea Española, alí botei tres campañas.

Alí que facía?

Traballei na construcción. Ó chegar collín un contrato, traballei cun madrileño. Facía casas e eso. Alí coloquei os primeiros ladrillos, bloques, que era o que se facía. E pasei a vida. O que era outro mundo alí era o “pichinglis”, que había que aprendelo para entenderse con aquela xente. Aquilo ó tempo era de España pero os obreros e todo eran de Nigeria e tiñas que aprender o “pichinglis” para entenderte co personal.

E acórdase de algo?

Acórdome de contar: one, two, three... E despois acórdome tamén dos nomes dos mesmos praceiros. Do resto, da cidade e todo era español e doutros países. Só de aquí, deste noso concello, fixeron un museo. Aí hei de estar eu.

De aquí da súa contorna, houbo moitos en Guinea.

Oh! Moitísimos. Un irmán meu, o Pepe, que era o máis novo, xa el viña dunha campaña de vacacións e cos cartiños tiven que marchar eu. Porque para ir para Fernando Pó pedían un depósito de 50.000 pesetas daqueles tempos. E quen xuntaba tanto diñeiro? Despois, esas 50.000 pesetas, ó chegar e colleres traballo, devolvíanchas. O depósito facíase na compañía Transmediterránea. Se non atopabas traballo, con eses cartos podías volver para aquí.

E o que ganaban alí, naquela época aquí era un capital...

Oh, carallo! Quitounos da fame. Co que ganamos alí fomos comprando terriñas e fíxenme con capital aquí. Eu tiña aqueles cartiños. Eu crieime en Quintela e sempre houbo moito contrabando da fronteira. Eu esa raia ata Castro Leboreiro coñézoa toda da época do contrabando. Íamos buscar de todo. Había sempre negocio nas fronteiras. Xa de rapaciño, a Quintela viña moito gando de Portugal a España e de aquí ían para Portugal outras cousas. O intercambio entre nacións. E aí ías gañando algo. Non hai metro desa terra polo que eu non pasara. Despois casei e puidemos comprar capital aquí. Ó tempo eu era para marchar para o Brasil. Con todo isto, o meu irmán viña de Fernando Pó e traía aquelas pesetiñas e díxome que mellor fora con el. Pero eu non tiña para o depósito, entón el deume parte e outro veciño, o Manolo, a outra parte. E aí empecei a loitar coa vida, ata que fun ganando, ganando e retirei de alí. Cando a Guinea ganou a autonomía volvín, porque me din conta de que aquilo xa non servía. Antes de que che chimpen o pescozo, dixen de volver. Había un veciño, o señor Ramón, que volvía e eu díxenlle que non o fixera tal como estaba aquilo. A cousa estaba propensa para perdelo todo, como así lles pasou a moitos, que tiveron que escapar como puideron.

E ó volver para aquí, xa nunca máis marchou?

Non, non. Despois púxenme a loitar aquí, fun comprando capital e fun facendo e avantando pouco a pouco. E aquí estamos.

E tamén acorda os tempos da sega en Castilla?

Ai! Fun dous anos, aínda de solteiro. No ano 39 terminou a Guerra e fun a Castilla, a Madrid. Chegamos alí á rompenta do día, á calle Cascorro, á estación do Norte. Alí comemos e de tarde, alí polas 5 ou 6 da tarde, arrancamos a pé ata... onde estiveron as bases esas americanas, home!... Torrejón de Ardoz! Nós íamos para un pobo que se chama Ajalvir, abaixo, na vaguada. Íamos traballar para a casa dunha farmacéutica. Alí botamos 42 ou 44 días na sega. Eran cuadrillas de 12 e, cando acabamos, nunha adesa baixando para Alcalá de Henares precisaban obreiros para segar, entón parte da cuadrilla marchou para alí. Eu non fun. A metade viñémonos.

Era un traballo duro?

Buf! Dios me libre! A sega sempre foi dura. Despois estiven noutro pobo, cunha cuadrilla de veciños de aquí. Dúas fouciñas e unha ferramenta de segar. Alí botamos a campaña aquela e volvimos. Así foi, traballando e loitando sempre.

Eran tempos complicados.

Eu aquí empecei a vida traballando na madeira. Comprei dous bois, naqueles tempos, e empecei a vida de carreteiro. Cargaba aquí e levábaos ó aserradeiro a Cerdal. Eran catro socios que viñeran de Cuba. Un tiña unha molinera, outro andaba nos pobos comprando lotes de madeira e outro estaba no aserradeiro. Empecei a comprar pola miña conta e fun gañando a vida. Sempre gañando a vida. Como se loitaba, filliña! E fun comprando terriñas, agora dá pena velo, pero bueno... un vive tranquilo. Aínda agora de vez en cando vou ver todo iso e gozo de velo. Pero a vida é así. E aquí estamos, sempre con gana de vivir. Cumprir anos, agora que estou no cabo da vida, pero con ganas de vivir. Levántome, vou á cociña, fago o meu almorzo, un cazo de café con leite, tomo aquilo, veño ver a televisión un pouco e, coa mesma, arranco por aí. Teño aí unhas vinte e pico ovellas. Vou sempre cunha fouciña ou unha gadaña e paso o tempo. Boto tres ou catro horas e veño.

Agora manda vostede no reloxo.

Si. Aquí temos a filla, a Guillermina, que é a que nos sostén. Comer e beber e durmir. Traballar xa traballei, pero parado non estou nunca. Vou para un souto que teño aí, unha plantación de castañas, pero este ano hai moi poucas. Chego, comemos, vexo a televisión, cando teño vontade e ganas, marcho co meu bastón. Cánsome, séntome, veño e gozo. É unha vida tranquila.

E que lle gusta ver na televisión?

Películas. Agora estaba mirando unha. Pero só vexo as que me agradan e, se non me gustan, cambio para a segunda para ver selva, animais... Eu a vida pásoa tranquilo, á miña idea e ó meu gusto. Fomos pasando a vida, fixemos a nosa familia, tivemos dous fillos, a Guillermina e un rapaz que vive en Australia. Eu tiven as miñas operacións. Pasei polo quirófano tres veces, dúas pola hernia e unha pola próstata. Da primeira hernia fun operado en Guinea. Pero enfermo non estiven nunca. A miña enfermedade é unha pastilla da tensión. Tráema a Guillermina tódolos meses, tómoa e xa estou novo. E do resto, a traballar.

Que temos que facer os novos para vivir ben?

A xente nova leva a vida ben porque a leva cada un á súa idea. O importante é entenderse e buscar a felicidade de cada un.

E vostede como cre que temos que vivir para ser felices?

Vivir tranquilos, cada un ten que adaptarse á norma doutro. Se queres vivir, busca un ser que se adapte á túa idea e tamén tes que adaptarte ti á desa persona. Sabemos que todos temos as nosas faltas. Todos temos días bos e días menos bos e días malos e días menos malos. E iso é o que temos que facer, conxeniarnos uns cos outros.

E aquí nos tes, esa foi a nosa historia. Loitar e loitar.

Contenido patrocinado

stats