Félix Rubial: “Agora o importante son as buscas exhaustivas"

Coronavirus en Ourense

A cifra de positivos de covid-19 na área sanitaria de Ourense pasou, en apenas dúas semanas, de catro a máis de trinta.

Publicado: 08 ago 2020 - 05:44 Actualizado: 08 ago 2020 - 01:45

Félix Rubial, xerente do CHUO. (Foto: Xesús Fariñas)
Félix Rubial, xerente do CHUO. (Foto: Xesús Fariñas)

A cifra de positivos de covid-19 na área sanitaria de Ourense pasou, en apenas dúas semanas, de catro a máis de trinta. "Non é alarmante, pero permanecemos alerta", explica Félix Rubial, xerente do CHUO. O sistema prepárase para dar resposta ás necesidades futuras, e sobre todo, antepoñerse a elas.

Estamos xa na segunda vaga?

É un criterio que non me corresponde a min definir, pero de todos xeitos non creo que cambie moito a situación. É máis retórica ca outra cousa. Polo de agora, o importante é que en Ourense non temos contaxios comunitarios.

Preocupa o incremento de positivos?

Evidentemente, nós mantemos o mesmo nivel de alerta tanto en hospitais como en Atención Primaria, onde están facendo o principal labor de desbroce. Os profesionais están facendo as solicitudes pertinentes de probas, cando existe clínica de sospeita, e iso é o gran volume que estamos a ter nestes momentos.

O papel de Atención Primaria parece estar sempre na sombra.

Si, e merecen un gran recoñecemento. Pola nosa UCI covid pasaron 29 pacientes, pero os máis de 2.000 contaxiados recaeron en Atención Primaria. Agora o importante é discriminar, facer buscas exhaustivas, non deixar unha persoa sospeitosa sen proba diagnóstica e sen illamento, iso é moi importante.

Como é a situación nos hospitais? Por agora son poucas as persoas ingresadas por covid.

Temos dispoñibles todas as camas nos tres hospitais, cunha dobre finalidade, tanto ser prudentes como intentar neste periodo de transición recuperar a actividade. Estamos facendo un 30% de actividade cirúrxica da que estabamos facendo o ano pasado.

Está preparada a UCI covid?

O noso plan de continxencia marca que, dependendo do número de casos, empregaranse distintos espazos para a UCI covid, segundo o número de casos. En principio, non temos ningún caso, pero a idea é ir utilizando secuencial e paulatinamente os recursos. Se volvemos ter unha incidencia similar á que tivemos no seu momento, teriamos que recorrer aos mesmos sistemas de repregramento da actividade normal e despregamento da actividade excepcional.

Houbo problemas coas vacacións dos profesionais?

Non, neste caso a maior parte dos profesionais seguiron as instruccións de concentrar o seu periodo vacacional na época estival, promovidas polo Sergas. Loxicamente, houbo que recorrer a un maior nivel de substitución nestas datas, que se fixo nos tres hospitais da provincia. Sobre todo, tendo en conta que mantivemos activas todas as áreas de hospitalización, ademais do nivel de alerta.

Contenido patrocinado

stats