Félix Rubial: “Se miramos ondas pasadas, vemos que estamos moi lonxe do que ocorreu"

Lucha contra el coronavirus

O Xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco valora as cifras da pandemia

Publicado: 31 dic 2021 - 02:57 Actualizado: 31 dic 2021 - 10:21

Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensana. Xesús Fariñas
Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensana. Xesús Fariñas

O segundo ano da pandemia remata cunha sexta onda que deixa datos nunca antes vistos. Con récords de contaxiados diarios e de casos activos, a provincia encara o 2022 cunha certa tranquilidade hospitalaria grazas ó efecto da vacinación. Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensana, valora estas cifras “inéditas” e recorda a importancia de manter a prudencia durante estas datas festivas.

Como chega provincia ao 2022 nesta pandemia?

Temos unha situación que non é para nada tranquila polo aumento de casos, pero se miramos ondas pasadas vemos que estamos moi lonxe do que ocorreu. A cepa que circula e o nivel de inmunidade que acadamos na poboación axudaron a conseguilo. De todos os casos que temos, só o 1,1% están hospitalizados e un 0,2% atópanse na UCI. Está claro que hai unha maior transmisibiliade, pero que non é virulenta.

A Atención Primaria é a que está a atender á maioría dos pacientes, como o afronta o servizo?

A situación actual está repercutindo na asistencia en Atención Primaria, que duplica esforzos para manter controlados aos casos menos graves. Este incremento de casos coincidiu nun momento no que hai moitos profesionais de permiso, polo que o peso da asistencia recae nun menor número deles. Tamén é certo que hai unha alta concentración de pacientes sans e máis do 30% son menores de 30 anos, polo que pasan a infección sen apenas sintomatoloxía. Pese a isto, rexistramos un 25% de casos máis que noutras ondas e iso sen dúbida vai lastrar á Primaria, que é quen atende a moita xente. Non se lle pode quitar valor ó esforzo que fan en controlar ós contaxios, o que axuda o que algúns non se descompensen.

As cifras inéditas tamén se trasladan aos números de probas diarias. Son fundamentais para controlar a onda?

Hai un gran esforzo diagnóstico, non só de probas clínicas en personas con sintomatoloxía, tamén en contactos estreitos e nos cribados poboacionais. Cada día fanse unhas 4.000 probas, algo que é unha barbaridade e que non ten precedente nesta pandemia. Con isto diagnosticamos rápido a moita xente e evitamos que asintomáticos diseminen o virus.

A vacinación, demostra agora a súa efectividade?

Seguimos co traballo de vacinar a toda a poboación que así o queira, pero centrámonos nas doses de reforzo maioritariamente. Estase a demostrar que esa vacina extra reduce aínda máis a capacidade de que as persoas que se infecten teñan consecuencias graves da enfermedidade. A vacinación cumpre un ano nestas datas e cambiou por completo o historial do virus. A baixa mortalidade é un exemplo, porque xa protexemos ós vulnerables coa dose de reforzo para que non se infecten, se descompensen menos na súa saúde e que haxa menos mortes.

Como está sendo o impacto na poboación non vacinada?

O 30% dos ingresados non se vacinaron e na UCI chegan a ser a metade. O que está claro é que as personas non inmunizadas por vía natural ou polas vacinas son moito máis sensibles a padecer a enfermidade. Apelamos constantemente á responsabilidade de recibir as doses e continuamos ofertándoa. Nunca é tarde para curarse e coidarse en saúde, os servizos están dispoñibles para iso. Como propósito de novo ano, nós pedímoslles que queiran inmunizarse por eles e polas persoas que os rodean.

A covid persistente, é unhas das consecuencias futuras?

Queda moito por coñecer desta enfermidade e non sabemos que determina unha infección máis grave ou non. Hoxe aínda hai persoas que sofren as consecuencias da covid, por iso hai que correr os mínimos riscos porque non sabemos as consecuencias que traerá para a saúde. Hai persoas que xa manifestan unha sintomatoloxía persitente e para iso contamos coas unidades poscovid con equipos multidisciplinares que os tratan. A veces escoitas que é necesario ter unha inmunidade natural, de que a xente se contaxie a propósito, e creo que iso sería unha temeridade por esta razón.

Que impacto se pode prever das festas do Nadal?

A previsión é que os casos sigan medrando nos próximos días. Nesta semana e na seguinte veremos o efecto da Noiteboa e comezaremos a apreciar o impacto do Fin de Ano. A este nivel de persoas afectadas, nunhas datas nas que nos xuntamos, o risco é maior. Aínda que a virulencia non sexa a doutras ondas, temos que facer un uso responsable das nosas liberdades.

Pode que tralo descenso dos contaxios ao comenzo do outro a xente se esquecese de que o virus seguía presente?

Non o creo, pero está claro que estamos fartos e iso pode levar a perder a concentración e a capacidade de autocontrol. Despois de tanto tempo, case dous anos así, pódese perder o rigor no mantemento das medidas. Todos agardamos que isto cambie e cremos que algo ocorrerá ao rematar esta onda. Debemos manter a esperanza de cara ao 2022, de que isto mellorará porque o precisamos a nivel psicolóxico.

Como se atopa o persoal sanitario nestes intres?

Estamos cansos, pero somos profesionais que lidiamos coa enfermidade das persoas. Vivimos vocacionalmente para coidar das persoas, sexa da enfermidade que sexa. Este virus ten o risco de que se poden contaxiar no seu lugar de traballo, pero co paso do tempo aprendimos a como facelo máis seguro e protexernos. Iso tranquilizou moito e non ten nada que ver co que vivimos no ano 20.

Contenido patrocinado

stats