Rubial: "Revolucionaremos as estruturas para unha atención en óptimas condicións"

Lucha contra el coronavirus

O xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras analiza a situación da pandemia na provincia e o futuro da sanidade

Publicado: 20 jun 2021 - 06:00 Actualizado: 21 jun 2021 - 09:23

Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensá. Foto: Xesús Fariñas
Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensá. Foto: Xesús Fariñas

A pandemia parece estar dando os seus últimos coletazos grazas ao control da transmisión do virus e a vacinación, que avanza imparable. Félix Rubial, xerente da área sanitaria ouresá, destaca que neste último ano non frearon no avance cara o futuro, con proxectos que xa se atopaban en marcha co obxectivo de modernizar as estruturas e as ferramentas para facer atractiva a formación nos seus hospitais e centros de saúde, pero tamén para ofrecer a mellor calidade posible na atención ós doentes.

Rubial dirixe unha área sanitaria que, nun ano “normal”, pode chegar a ter 36.000 hospitalizados, 24.000 cirurxías, 600.000 consultas hospitalarias e 3,5 millón en Atención Primaria, ou atender máis de 300.000 urxencias nos hospitais e nos PAC. O obxectivo para o futuro é apostar pola “calidade e a calidez”.

Pese aos incrementos nos casos activos, atopámonos nunha situación estable na pandemia?

A situación é de estabilidade. Hai pequenos rebrotes vencellados á cidade vinculados a xente nova, que son persoas máis saudables, e por iso temos poucos ingresos. Seguiremos atentos e manteremos unha vixiancia estrita, como ata o de agora. Sempre o fixemos e, aínda que estes contaxios non nos levarían a unha descompensación nos hospitais, seguiremos cunha procura activa porque hai xente vulnerable sen vacinar.

A vacinación tamén avanza imparable, acadando a cifra de 300.000 doses administradas…

A vacinación está acadando cifras que nos dan unha enorme tranquilidade. Puxemos xa 300.000 doses e tradúcese en case 130.000 persoas con pauta completa, entrando cada vez en idades máis mozas. Mantemos o nivel de participación porque a poboación veo como un salvoconduto para volver á normalidade. Todos temos ganas de acadar esa inmunidade de rabaño que nos permita esquecer socialmente esta situación traumática.

A finais de ano comenzará a ampliación do CHUO, que supón este proxecto?

Esta primeira gran obra, que non será a única para avanzar na configuración do novo CHUO, é unha magnífica noticia. No medio dunha pandemia todos os profesionais fomos quen de seguir traballando en mellorar a nosa estrutura. Nestes intres temos unha situación paradóxica porque temos a hospitalización máis recente do Sergas, pero tamén mantemos outra estrutura de finais dos 60 que non está nas condicións de habitabilidade actuais. Conseguiremos co novo edifício e coa reforma do Materno rematar a hospitalización. Teremos un periodo constante e imparable de melloras estruturais e tecnolóxicas en equipamentos. Isto vai en paralelo con obras nos hospitais comarcais. En Valdeorras estamos xa con obras adxudicadas e en Verín temos o proxecto da reforma das urxencias hospitalarias e do PAC. Todo súmase ás aperturas dos centros de saúde de Pereiro e Paderne, ou próximas construcións como o de A Rúa. Podemos falar dunha revolución estrutural para ofrecer unhas condicións óptimas de atención.

A ampliación da UCI é outra das melloras previstas.

Imos facer unha UCI con espazos individualizados e chegaremos a 30 camas. Mellóranse aspectos como a climatización, a individualización e a humanización deste lugar para pacientes máis complexos, unha necesidade que quedou patente coa pandemia. Vai ser unha gran transformación.

Os cambios, tamén afectarán ao servizo de Medicina Nuclear?

Dentro das renovación tecnolóxica, a Xunta anunciou para Ourense a dotación dun equipo PET (tomografía por emisión de positróns). Esta tecnoloxía está só nos hospitais de Vigo, Coruña e Santiago, e nós incorporarémola. Isto vai facer que o servizo de Medicina Nuclear, que se atopa no Santa María Nai, se mova ao novo edificio cos espazos necesarios. Isto evitará ter que trasladar os pacientes nunha ambulancia ou levalos a Vigo para facer unha PET. Está en fase de licitación de proxecto e farase en paralelo co resto de melloras. Máis que un hospital en obras, teremos un en renovación.

O robot cirúrxico Da Vinci está a piques de chegar. É a tecnoloxía do futuro?

Pode que o teñamos antes de setembro para Uroloxía, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Otorrino e Xinecoloxía. Iremos formando as persoas para esta tecnoloxía menos invasiva, que é o futuro. A ciruxía robótica vaise desenvolver nos próximos anos e temos que preparnos, non só para os profesionais actuais, tamén para os do futuro. O poder de atracción sobre especialistas xóvenes con estas ferramentas vainos permitir competir mellor fronte a outros hospitais que non contan con estas tecnoloxías, que son a maioría en España. Os profesionais están entusiasmados con esta oportunidade.

A atención ambulatoria, centralizarase nun novo edificio?

A actividade ambulatoria vaise concentrar no edificio ambulatorio. A súa planificiación estívose facendo durante a pandemia e participaron moitos profesionais na concreción de como vai ser. Nos próximos meses informarase deste edificio. O que está claro é que non nos detemos e este proxecto sería o que nos quedase para aunar nun mesmo espazo as consultas que temos no CHUO, no Santa María Nai e no Centro de Especialidades.

Que se fará cos pacientes do Materno mentres se esté reformando?

As actuacións serán consecutivas e non simultáneas. Primeiro rematarase o edificio de hosptialización, a onde se trasladarán provisionalmente os servizos de Pediatría e Obstetricia mentres se acomete a reforma do Materno.

En definitiva, a área sanitaria adaptarase completamente aos tempos que corren…

As persoas que traballamos na sanidade temos que conseguir a mellor estrutura e dotación tecnolóxica posible. Apostaremos pola estabilización no emprego, pola calidade e a calidez, con especial atención a esta última. Insistimos moito en humanizar espazos e a asistencia.

Reducir as listas de espera, que medraron pola paralización da actividade na pandemia, é un dos retos inmediatos?

Trala terceira onda pandémica iniciamos un proceso de recuperación de actividade cirúrxica, ambulatoria e de probas, o que nos está permitindo, paulatinamente, volver á traballar con normalidade. Estamos practicamente ao 100%, case igual que antes da pandemia. No vindeiro semestre intensificaremos todo para poder conseguir de novo as cifras que foron a tónica na nosa área sanitaria, cunhas demoras moi controladas e actuando sempre prioritariamente. Vai haber actividade e financiamento extraordinario para reconducir a actividade pola senda da normalidade.

Contenido patrocinado

stats