Félix Rubial: "Se para atender aos pacientes temos que convertir despachos en habitacións, farémolo"

O xerente da área sanitaria analiza a situación sanitaria en Ourense

Publicado: 24 ene 2021 - 06:43 Actualizado: 24 ene 2021 - 12:30

Félix Rubial, xerente da área sanitaria. (Foto: Xesús Fariñas)
Félix Rubial, xerente da área sanitaria. (Foto: Xesús Fariñas)

A provincia alcanzou este sábado os 2.568 casos activos, un novo récord, por séptima xornada consecutiva. A terceira vaga amosa unha taxa de crecemento moi superior á segunda e o teito de contaxios parece non chegar. Félix Rubial, xerente da área sanitaria, non agocha a preocupación, pero mantén a calma. "Non podemos permitir esta situación nos venza", asegura.

A curva non deixa de subir na provincia. Serán precisas máis restricións para frear o avance do virus?

Estamos xusto na metade do período de 14 días dende as últimas restricións, parece que nalgúns sitios están dando resultados –a velocidade de crecemento está contida ou aplanada–, pero hai outras áreas nas que estou seguro de que hai que tomar máis medidas. Dende unha perspectiva netamente de datos, si será necesario. Xinzo está no nivel máximo, xunto con dous concellos de Galicia, e non é descartable que algún máis poida ter esas mesmas restricións. Verémolo na reunión do luns, aínda temos dous días por diante.

A cidade supera os 800 casos activos. No peor momento da segunda vaga non chegou aos 600...

E seguirá subindo. Hai moita trasmisión en líneas secundarias e terciarias derivadas do Nadal relacionadas con asintomáticos, por iso se cita a 8.000 persoas no cribado desta fin de semana, un dos máis grandes feitos en España. Nese sentido hai que facer un chamamento á participación, se continúa coma hoxe (por onte) saberemos o que pasa cun 66% dos citados, pero nos quedará por saber o que pasa co 35% que non acudiu, no que seguramente atopariamos máis asintomáticos.

Debemos autoconfinarnos?

Esa é a mensaxe que levamos trasladando dende a volta de Nadal, a limitación dos encontros sociais nun momento no que hai alta trasmisión pola permeabilidade que tivo mesturar persoas de distintos núcleos familiares. Hai que seguir dicíndoo, sobre todo porque as persoas asintomáticas manteñen a actividade laboral, social e familiar. Temos que tomar máis conciencia e máis precaucións que nunca dende o punto de vista individual, tanto para autoprotexernos como para protexer aos demais. Non sabes si podes estar conxiado.

Foi un erro que nos xuntásemos en Nadal?

Acostumo mirar para adiante, o que ocorreu ocorreu. E hai que dicir que a gran maioría da xente adoptou unha actitude responsable. O que temos é produto da nosa propia sociedade, da nosa realidade. Hai que mirar para diante e facer o que nos recomendan. Esta enfermedidade ten un altísimo compoñente individual, é o que nos ten que sacar desta situación.

A situación nos hospitais é agora peor ca na primeira vaga?

Non podes comparar ambas vagas, hai moitos elementos distintos, algúns máis tranquilizadores agora, outros antes. Daquela non faciamos tantas probas, non sabíamos como ían evolucionar os pacientes... Pero agora o resto de áreas do hospital están funcionando con práctica normalidade, hai unha alta presión en outras unidades de hospitalización, incluidas as de críticos. Con esta altísima incidencia, e con esta velocidade de crecemento hai que estar preparados para o peor.

É preciso xa trasladar pacientes a outras áreas?

Nestes momentos non se trasladou ningún, pero Galicia ten un protocolo de actuación que considera todos os recursos do Sergas como un hospital único. Se é preciso derivar a pacientes a outras áreas que poidan acollelos, en caso de ser preciso farase. Como en caso de ser preciso Ourense acollerá a pacientes doutras áreas. Onde estén os recursos alá irán os pacientes.

Estanse habilitando máis habitacións?

Nas unidades covid trasladamos fóra os vestiarios para habilitar o espazo como habitacións. Estamos intentando optimizar todas as nosas posibilidades de hospitalización, se hai que convertir antiguas habitacións que pasaron a despachos en habitacións outra vez, convertirémolas.

Xa se prepararon quirófanos como camas de críticos, como na segunda vaga?

Esta fin de semana estanse preparando eses quirófanos, son un total de nove camas, en previsión do que poida ocorrer tendo en conta que o impacto en hospitalización está sendo explosivo e non queremos que nos pille.

Na segunda vaga o ritmo era outro.

Foi moito máis paulatino, nos permitiu actuar con menor velocidade, neste caso estamos con 250 casos máis por día, por unha cuestión de probabilística, entre o 0.5 e o 1% ingresará na UCI. As cifras son as que son. O hospital está en calma pero hai tensión, preocupación, estamos moito máis alerta.

Falta persoal?

As listas de contratación están no límite de esgotarse sempre, temos 5 unidades de hospitalización abertas que normalmente están pechadas, cribados (tanto en covid auto como en poboacións), dispositivos de vacinación, os sanitarios tamén se poñen enfermos, hai sustituilos... Estamos nunha situación cun nivel de presión alta, pero non faltan profesionais. Se houbese máis os utilizaríamos, pero a poboación ten os recursos necesarios. Iso si, o persoal está dando o 120%, a xente está moi comprometida.

Vese a luz ao final do túnel?

Unha das cousas que ten esta epidemia é que se repiten os ciclos, polo de agora non vemos o teito do número de casos activos, pero temos a experiencia de que unha vez que se toman as medidas son efectivas. A curva empínase, ascende, chega a un determinado pico, estabilízase e decae. Estamos en fase ascendente, ogallá saber cando pode ser o pico, de momento esa data non chegou.

Contenido patrocinado

stats