O folclore da nosa provincia de Ourense conquista México con De Ruada
CORAL
A centenaria coral ourensá comezou a súa xira polo país azteca tocando para centos de galegos na homenaxe ao beato ourensán Sebastián de Aparicio e tamén nun xantar con 350 compatriotas
A coral De ruada chegou o pasado venres a México para iniciar a súa xira no país azteca. Fomos recibidos no aeroporto de México DF polo anfitrión, Manuel Domínguez Gabián, natural de Ribadavia. Leváronnos desde alí en autobús ata o hotel Plaza de Puebla, onde quedaremos aloxados nestes nove días.
A primeira actuación da coral De Ruada en Puebla, o sábado, non puido ter mellor marco: o Museo Internacional del Barroco. A pesar do seu nome, trátase dunha formidable construción moderna realizada polo arquitecto nipón Yoyoo Ito. Para que nos fagamos unha idea, unha especie de Gaiás pueblano. O escenario era unha enorme escaleira espiral situada no vestíbulo, onde se dispuxeron arredor de 150 cadeiras, que foron claramente insuficientes, tendo que permanecer moitos asistentes en pé. De Ruada foi recibida pola directora do Museo, Anel Nochebuena.
De Ruada ofreceu unha variada escolma de música popular e polifónica galegas, de Ourense fundamentalmente, que foi moi ben acollida polo público asistente. Ante a insistencia do mesmo, De Ruada tivo que ofrecer dúas cantigas a maiores. Ao remate do concerto, foron moitas as persoas do público que se achegaron a felicitar aos membros da coral e fotografarse con eles. Deste xeito puidemos saudar a galegos das catro provincias e mesmo a asturianos e cántabros, ademais de mexicanos aos que lles resultou unha grata sorpresa o noso folclore.
A presidenta da coral, Fátima María Malingre Grande, entregoulle á directora do Museo unha reprodución enmarcada do cartel que Camilo Díaz Baliño fixera para a primeira viaxe da coral a América en 1931. A actuación foi seguida por distintos medios audiovisuais de Puebla. En resumo, un primeiro concerto moi gratificante tanto polo resultado artístico como pola excelente acollida.
Xa no seu terceiro día de xira no país mexicano, a coral De Ruada participou o domingo nos actos de homenaxe ao beato ourensán Sebastián de Aparicio, moi venerado en Puebla. A coral entrou desfilando á igrexa de San Francisco, onde están os restos do beato ourensán da Gudiña, que ten monumento na praza da igrexa, coa Banda de Gaitas do Centro Galego de México interpretando o Himno do Antigo Reino de Galicia. Estiveron tamén presentes os grupos galegos do Centro Galego de México e o do Parque España de Puebla, ademais de grupos de mariachis mexicanos.
Celebrouse a misa na honra do beato ourensán situándose De Ruada no altar maior, detrás do celebrante. Durante o ofertorio, a mesma banda de gaitas interpretou a Marcha Real, Himno de España. Ao remate da misa, visitamos a Capela cos restos do beato. A banda de gaitas do Centro Galego de México interpretou o Himno Galego. A continuación, entrou De Ruada precedida do seu grupo instrumental e xa, ante o beato, interpretamos, na súa honra, a Foliada da Rabeda. Á saída, na praza, os grupos galegos de México e Puebla realizan varias actuacións de música e baile tradicionais.
Seguidamente, trasladámonos en bus ao Parque España, onde a súa Banda de Gaitas nos fixo un corredor de benvida mentres interpretaban o Himno Galego, momento moi emotivo para a expedición ruadista. A continuación, ofrecemos unha breve actuación de música popular galega previa a un xantar que reuniu a 350 españois, galegos na meirande parte. O presidente do Parque España agradeceu a presenza de De Ruada e entregoulle á nosa presidenta un agasallo conmemorativo e esta entregoulle unha reprodución enmarcada do cartel que Camilo Díaz Baliño fixo en 1931 para a primeira xira da coral De Ruada a América.
Despois do xantar, tivemos ocasión de falar con moitos paisanos de Avión, Beariz, Rubillón... para os que a presenza de De Ruada supuxo, dalgún xeito, un reencontro coa terra. En resumo, outra fermosa xornada chea de emocións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, miércoles, 28 de enero
SE DUPLICA EN ESPAÑA
Ourense esquiva, con cero casos, el repunte del sarampión
Lo último
PRODUCTOS CONTAMINANTES
El colapso de una antigua balsa de la mina de Monte Neme bloquea una carretera en Carballo
REFUERZO VERDE
Antonio Molina, segundo fichaje del Arenteiro