O poder da esmola

O AFIADOR

Publicado: 16 oct 2026 - 23:59
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

A convocatoria electoral para o 29 de novembro alborotou -máis- o galiñeiro político. Agora mesmo ferve o forno de elaboración de listas para concurrir por un posto no Congreso ou no Senado. A maioría dos veteranos no mundo parlamentario queren optar a seguir porque estiman que á marxe do tempo de permanencia no escano sempre lles queda unha tarefa, unha espiña ou unha ilusión pendentes de materializar; os aspirantes novatos teñen as mesmas eivas que os que xa se consideran da Casa no Congreso ou no Senado, de xeito que non quererán tampouco apearse de boa gana cando teñan cuatrienios sobre o traseiro.

Tan importante resulta a cousa que dende o anuncio de comicios semella que desapareceron -so transitoriamente- todos os movementos previos ao proceso de renovación dos concellos previstos para finais de maio do ano próximo. Agás no concello de Ourense, onde os responsables da sua gobernación siguen a folla de ruta trazada para chegar á cita cos cidadáns cos deberes feitos. A sua maneira, pero co norte claro.

Alguén que chegue de novo ou os veteranos despistados pensarán que ese traballo se fai apoiado nunha maioría absoluta, cando en realidade ao grupo de goberno lle faltan catro votos para a plena capacidade de decisión. O caso é que conta ata con orzamentos aprobados, despois de anos sen eles, e con partidas bendecidas polo pleno que lle darán ao alcalde para armar unha bolsa dun millón de euros repartidos como esmola entre a poboación e que esta llelos transfiran aos comerciantes para que queden “dinamizados” outros catro anos ao ritmo da Panorama, París de Noia e A Gramola. E aínda lle queda tempo para vaticinar os pronunciamentos favorables das suas señorías nos asuntos que lle afectan.

Algún día terán que explicar os responsables de tal dislate, por activa ou por pasiva, as razóns polas que lle regalaron a campaña ao seu teórico inimigo, co solvente argumento do “beneficio para a veciñanza”. Tan é así que o comercio “dinamizado” en 2023, despois de apuntalar ao papá Noel de primavera, non abriron a boca dende entón máis que para laiarse de que ese comercio local pretendidamente estimulado, sigue desaparecendo irremisiblemente das ruas. Todo, a cambio de fusilar a idea propia para A Molinera (icónico proxecto que en catro anos ía quedar convertida nun templo do saber liderando un exército de científicos cun milleiro de enxeñeiros nas suas filas, pero que se quedou na ruina, con moscas e ratos como únicos ocasionais inquilinos), os espazos verdes desnaturalizados ou fagocitar a cultura sen piedade co Auditorio valeiro como estandarte. Menos mal que nos queda Portugal… e Sarabela, os últimos mohicanos.

Contenido patrocinado

stats