A foliada de Barbadás pon en valor o idioma do son tradicional

A terceira edición da Foliada das Letras Galegas, celebrada en Barbadás, contou con máis de 300 participantes que quixeron gozar das bandas, a comida e a troula cos seus seres queridos.

Publicado: 18 may 2024 - 08:00 Actualizado: 18 may 2024 - 16:36
Os asistentes da foliada, gozando da música que tocaban as bandas.
Os asistentes da foliada, gozando da música que tocaban as bandas.

"Un día de festa enxebre entre veciños”. Así é como describen os asistentes da Foliada das Letras Galegas de Barbadás o que aconteceu na carballeira do Parque dos Carrís onte. Unha celebración que, na súa terceira edición, presumiu de ser a máis numerosa con máis de 300 asistentes. A programación comezou a partir das 13,00 horas cun discurso de inauguración. Despois, unha decena de bandas de música amenizaron a hora do vermú na carballeira, onde tamén había dispoñibles postos de comida, bebida e de artesanía.

Para a concelleira de Cultura e Educación de Barbadás, Marga Pérez, esta foliada “é unha actividade que xurdiu dende a Escola de Música para pór en valor a música galega, nun día como o das Letras Galegas, a través das cantigas e as letras en galego que conteñen”. Pérez indica que esta edición “é a máis numerosa a pesar da chuvia. Para a comida somos máis de 300 persoas apuntadas. Aos veciños gústalles vir escoitar os concertos e compartir cos seus seres queridos este plan debaixo da carballeira”, expresa.

Compartir cos seres queridos era unha imaxe que se repetía en todo o espazo no que se celebraba esta foliada. Grupos de amigos, familias ou, incluso, todo mesturado. Este foi o caso de Elisa Ramos. “Veño achegada pola miña irmá e unhas amigas, e o que nos gusta desta festa é poder xuntarnos, a comida e convivir coa xente este día”, di. A súa irmá, Berta Ramos, recomenda esta programación, xa que “todo o mundo é ben recibido. Gústanos que veñan visitantes de fóra e que esta festa sexa cada vez máis recoñecida”, expresa. Ademais disto, ámbalas irmás indican que lles “gusta o ambiente que queda despois da queimada”, acto que se produciu arredor das 19,00 horas da tarde.

No caso de Lina Rodríguez, achegouse á foliada coas súas amigas “porque nos gusta a música e bailar. Nós vimos todos os anos polo ambiente”. Pola parte de Doly Garre e o seu fillo, Álex González, viñeron gozar da foliada por terceiro ano, xa que a súa filla e irmá toca nunha das bandas de música. “Gústanos apoiar estes eventos e este ano, pola chuvia, non se puideron facer os desfiles polas rúas, pero hai moito ambiente”, indica. Ademais, destaca que lle parece “un luxo” ter tan preto da cidade de Ourense lugares tan “naturais” para poder desfrutar “dun respiro nun día coma este”.

Comida e gozo

A programación desta xornada continuou ás 14,00 horas co canto do himno galego. Todos os asistentes contaban cun panfleto para “que ninguén tivera a escusa para non participar”.

A continuación foi o xantar e, pola tarde, houbo xogos para os máis cativos e o acompañamento musical das bandas tradicionais de Lambisqueiras e Zoadeira. A foliada rematou coa actuación da charanga BBB e unha gran queimada.

Contenido patrocinado

stats