As fotos do día a día de Ourense chegan ó Valcárcel

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA

A exposición “A Galicia inédita” recolle 73 fotografías de fotoxornalistas de toda Galicia

Fotoxornalistas, xornalistas e cargos institucionais, na inauguración da exposición.
Fotoxornalistas, xornalistas e cargos institucionais, na inauguración da exposición.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco, inauguraron onte, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

O titular da institución provincial afirmou que “estamos ante unha mostra sen precedentes en Galicia, xa que reúne a gran parte dos fotoxornalistas en activo de toda Galicia, e a outros tantos xornalistas, por suposto cun protagonismo destacado para aqueles que captan cos seus obxectivos o que pasa cada día en Ourense”.

Pola súa banda, Méndez subliñou que “esta exposición é a mellor mostra de que, cando a profesión, esta profesión, o propón, é capaz de xuntar o mellor da nosa tarefa creativa”. A proposta ten por obxectivo, sinalou, “dar a coñecer parte da obra dos autores desas pezas gráficas e literarias que ilustran a nosa vida cotiá a través dos medios de comunicación, que moitas veces se perde na rutina da actualidade; pero que hoxe, nestas límpidas paredes, queremos facer eterna”.

A presidenta da APG agradeceu ao presidente da Deputación que abrise as portas da súa institución e do Marcos Valcárcel a esta iniciativa, o que permitirá aos ourensáns viaxar polas paisaxes, personaxes e acontecementos das 73 instantáneas, “aderezadas polas achegas literarias dos xornalistas”.

O comisario da mostra, Fernando Blanco, salientou o esforzo realizado, tanto polo seu colectivo de fotoxornalistas, como pola APG, para levar a bo porto este proxecto que agora se achega ás principais cidades de Galicia. “Gracias á xenerosidade dos meus compañeiros”, afirmou Blanco, “acadouse o fito histórico de xuntar a 73 profesionais do fotoxornalismo, dos 100 que traballan neste momento en Galicia, co inestimable reforzo dos textos dos xornalistas que acompañan ás obras”.

Coincidindo coa apertura da exposición, presentouse a publicación “A Galicia inédita”, que reúne o conxunto das fotografías e lendas da mostra. Con introdución do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e prologado polo Premio Nacional de Literatura Alfredo Conde, foi promovida pola APG e o Colectivo de Fotoxornalistas, co patrocinio da Xunta.

Contenido patrocinado

stats