Gloria Nóvoa: "Nunca pensei en facer unha carreira de canto nin dedicarme a isto"

Entrevista a Gloria Nóvoa, cantante soprano

Publicado: 18 nov 2023 - 05:11 Actualizado: 18 nov 2023 - 07:31

La Entrevista de Hoy. Gloria Nóvoa

A soprano ourensá Gloria Nóvoa estivo no estudio de Telemiño para falar da presentación que fará hoxe no Teatro Principal de “Je veux vivre”, o seu novo traballo.

Este novo proxecto é un concerto monólogo.

Ao inicio presentáronme a idea de facer algo no Principal e dixemos “imos facer o típico recital piano-soprano”, que é ao que eu estou acostumada, pero quería facer algo máis. A min gústame a escena e o traballo de facer unha personaxe, entón chamei a unha amiga, a Claudia Lorenzo, que é guionista e ten experiencia. Ela montou unha historia e, nun mes, eu xa tiña a miña personaxe e fomos traballando sobre iso. Paseille a Claudia todo o meu repertorio, e fixo con el un quebracabezas para poder facer unha liña de historia.

Fálanos desa protagonista, de como comeza e como vai evolucionando.

Manuela é unha rapaza de provincia, non dicimos de cal para que cada un poida sentirse identificado, que por cuestión familiares non pode saír da súa provincia. Cando por fin se lle abre esa porta, marcha á capital e comeza unha vida por ela mesma, na que se ten que enfrontar a un traballo, a unha cidade nova e a non ter a familia preto. Ademais, cada vez que volve á casa ten que responder as típicas preguntas da súa familia sobre se ten mozo e aí dáse conta de que non precisa a ninguén ao seu lado.

Gloria tamén marchou un día, hai similitudes entre ti e a personaxe?

Eu síntome moi afortunada porque familiarmente sempre tiven apoio, pero Manuela neste caso non. Hai moitas similitudes no que é saír da casa, buscarse a vida e atoparse fóra. Claudia é unha rapaza de provincia e tamén viviu a mesma experiencia, polo que entendo que ela puido escribir isto pensando en min, pero tamén nela mesma. Ao final, escribimos o que somos e coñecemos.

O repertorio nesta ocasión é do máis heteroxéneo.

Como di o meu mestre Borja Quiza: “O tubo serve para todo”. Mentres o coides ben, podemos cantar todo o que nos guste, non metemos unha banda de rock porque non coincidiu (sorrí).

Naciches nunha familia na que se respiraba esa paixón pola música.

Levábaa dentro, fóra e en tódalas partes. Dende que eu nacín, na miña casa meu pai sempre andaba coa música, polo que para min era algo normal e ao longo da vida sempre tiven un entorno moi musical. Moitas das actividades que faciamos en familia e con amigos tamén tiñan relación coa música. Nunca pensei que faría unha carreira de canto nin dedicarme a isto, pero a vida vai xurdindo.

Ti marchas cunha idea que se vai transformando.

Marchei pensando en facer arte dramática polo descoñecemento do mundo musical, tampouco sabía que era posible facer uns estudos de canto e de escena, entón tirei polo que eu xa coñecía, o do canto tíñao máis ou menos, pero a escena chamábame moito. Fun facer arte dramático e coñecín no medio a unha mestre de canto que me dixo “tes que ir ao conservatorio que é o teu camiño”, entón comecei a carreira no conservatorio durante dez anos. Todo fixo o encaixe perfecto cando chegou a materia de escena xunto coa música.

A ambición dos que se adican a música é encher grandes estadios?

Non é esa a miña ambición. Eu estou encantada con todo o que fago, por suposto que me gustaría cantar máis, pero ás veces non é posible porque o mercado non é doado. Pese a iso, estou encantada coas dúas cousas que fago porque dar clase de canto tamén gústame moito e montar este tipo de proxectos é moi interesante.

Tes alumnos de tódalas idades?

Tiven alumnos dende os sete anos, nenas con paixón pola ópera a día de hoxe, xente con 50 anos que cantan “jotas”, outra que se descobre a si mesma no noso monólogo musical. Ao final estamos a falar neste proxecto de algo que ocorre todo o tempo.

Contenido patrocinado

stats