Javier Novoa, presidente da xunta de persoal do Concello de Ourense: “A liña de traballo de Jácome é buscar un inimigo para cubrir as súas miserias”

O presidente da xunta de persoal do Concello de Ourense asegura que "chegou o momento no que os traballadores dixemo ata aquí"

La Entrevista de Hoy. Javier Nóvoa

Javier Novoa, presidente da xunta de persoal do Concello de Ourense polo CSIF repasa a situación que viven os traballadores da administración e que desencadeou nunha folga de persoal.

Os traballadores do Concello dixeron basta. Como se chegou a esta situación?

Chegou o momento no que os traballadores dixemos ata aquí. A gota que colmou o vaso foi o proceso de estabilización, pero levamos con horas extra sen cobrar desde o mes de abril de 2023 e cos complementos de nocturnidade e festividade sen cobrar desde o mes de xaneiro. Ademais, a nova RPT vaille baixar o soldo a moitos compañeiros cunha mingua de 300 euros. Isto teríase que ter negociado coa administración, pero como se nega tivemos que dar este paso adiante.

Isto traduciuse nunha folga de persoal. En redes sociais circulou un bulo de que os cementerios iban a pechar durante o día de Todos os Santos.

Só o alcalde dixo que os cemiterios ían pechar. Os cemiterios vanse abrir cos servizos mínimos para cubrir un sepelio se é necesario. Nós somos de Ourense, temos familia e amigos aquí, no somos tan sinvergonzas como di o alcalde.

Iso é algo que se vén fomentando dende o comezo do mandato de Jácome. El carga continuamente contra os funcionarios e técnicos do Concello. Como levan esta situación?

Cando pasa calquera historia na administración, os traballadores vagos e incompetentes son para el os funcionarios desta casa. A liña deste alcalde é buscar un inimigo para cubrir as súas propias miserias. Cando non son os traballadores é a prensa, os praceiros ou a oposición.

Chama a atención que á hora de negociar os servizos mínimos foran os propios traballadores os que tiveran que pulir os detalles.

No caso do servizo de extinción de incendios tivemos que aumentar a cobertura que tiña prevista o alcalde e o mesmo pasou noutros servizos. Ao final é un cúmulo de circunstancias que ao alcalde se lle escapan das mans e que vai por libre. Nós tratamos de poñer sentido común.

O proceso de estabilización de persoal non é un capricho voso, senón que vén imposto por lei.

É unha medida que vén imposta desde o ano 2021 pola Comunidade Económica Europea e todas as administracións de ámbito estatal teñen que cumprila. Existe unha data límite que é o 31 de decembro deste ano e que vista a situación non sei vai cumprir o prazo con moitos traballadores do Concello de Ourense. O alcalde pretende modificar unhas bases que xa estaban aprobadas. A sensación que temos os traballadores é que nos están utilizando como moeda de cambio para conseguir outras cousas.

O número de baixas no Concello de Ourense triplicouse nos últimos anos.

Non manexo o dato, pero o que sí che podo dicir é que teño compañeiros de baixa polas constantes presións ás que foron sometidos. É moi triste que un traballador teña que pasar por iso.

Despois dos dous días de folga previstos. Cal é o plan previsto?

Volveremos reunirnos os representantes dos traballadores do Concello de Ourense e seguiremos o plan establecido que marquen os traballadores. Ese é o camiño ata que se resolven estas situacións.

O persoal laboral do Concello poderá facer folga mañá, tras recuar o Concello

Jácome recúa. Aínda que inicialmente o alcalde de Ourense indicara que só os funcionarios poderían adherirse á folga de persoal, finalmente retrocedeu na súa decisión. O pasado venres 25 de outubro, o goberno municipal decretaba que o persoal laboral do Concello non podería acudir á folga ao non ser presentada polos seus representantes sindicais, que é o comité de empresa. Finalmente, a medida quedou sen efecto tras o novo decreto feito público onte polo goberno municipal, que certificou que si convocou o comité de empresa.

Isto implica que, finalmente, todo o persoal do Concello de Ourense poderá acudir á folga convocada para mañá e para o próximo 4 de novembro, provocada pola situación laboral que atravesan, denunciando casos de acoso, atrasos no pago das nóminas e a falta dun plan de estabilización de persoal.

Este mércores, nova marcha

Con motivo do parón dos traballadores do Concello de Ourense, convocouse para mañá unha nova manifestación que partirá desde a Subdelegación, pasando por Curros Enríquez, avenida de La Habana, Xoán XXIII e Progreso para finalizar na Praza Maior.

Contenido patrocinado

stats