José Eduardo López: "O primeiro obxectivo como presidente vai ser o regulamento interno do padroado"

Cultura

José Eduardo López Pereira, Catedrático de Latín, é o novo presidente da Fundación Otero Pedrayo, relevando a Juan Luis Saco no cargo. Foi elixido por 24 votos a favor, frente aos 4 que recibiu o outro candidato (Afonso Vázquez-Monxardín, secretario saínte). A súa gran ilusión é que o escritor sexa Ben de Interese Cultural.

José Eduardo López Pereira é o novo presidente da Fundación Otero Pedrayo

Chega con afán renovador?

É unha fundación que leva 40 anos feita, volver a facer todo o 'cesto' cos vimbios non é fácil. Se falamos de modernización, é evidente que si.

Que importa no seu programa?

Unha cousa fundamental é conseguir o plan Ben de Interés Cultural do que supón Otero Pedrayo, desde a súa casa ata conseguir destacar a súa figura como senlleira de Galicia, que sería o primeiro caso que se da baseándonos na Lei de Patrimonio. Teño unha ilusión. Hai uns anos intentamos facer o mirador da ribeira de Otero Pedrayo, en Trasalba. Conseguir que o pobo poida desfrutar del. Outra das ilusións é achegar a Otero Pedrayo á xente nova. Pretendo crear un premio Otero Pedrayo que faga traballar aos xóvenes.

Deixouse de lado ás novas xeracións na fundación?

Quizais nos estamos dando conta os que estamos alí imos vellos. Son 25 institucións cun gran nivel que non alcanza ningunha das fundacións que hai en Galicia. Figuras eminentes do mundo da filoloxía, da filosofía, da historia, da arquitectura... Pero somos figuras que temos que ir pensando nun relevo e iso vai ser esencial para min nestes catro anos, renovar a estrutura da fundación e facer chegar Otero Pedrayo aos novos.

A renovación implica un cambio nos estatutos? Quedouse algo obsoleto?

Si. Unha das propostas estrela é que desde hoxe xa hai unha persoa encargada de traballar no regulamento interno. Hai cousas que regular. Como cal é a permanencia dos membros do padroado, porque hai quen practicamente se esqueceu da fundación. Hai que regular cando se perde esa condición. Tamén regular o proceso de elección de presidente, que agora se viu que estaba deficiente. O feito de que non estivese regulado motivou unha serie de inquedanzas, preocupacións... Non habia data límite para presentar candidato, podía presentarse un alí nun momento... Cando xa se podía delegar o voto hai 15 días nunha persoa determinada e non se sabía en quen. Todo iso ten que regularse, o primeiro obxectivo meu é o regulamento interno do padroado.

Foi un proceso de elección con discrepancias, entón.

Non, non houbo ningunha discrepancia porque ademais a outra candidatura non presentou un programa para ter unha opción de poder desenvolver e dirixir...

Non presentou programa?

Nin programa nin equipo. Os estatutos din que o presidente debe presentar tesoureiro, secretario e ata catro membros para formar parte da comisión de goberno. Eu presentei o meu equipo para empezar a traballar hoxe, porque é urxentísimo. Imos outorgar o Premio Tasalba 2021. A outra candidatura non presentou isto nin era unha candidatura para facer algo no futuro, era unha candidatura máis ben destrutiva no sentido de volver facer un cesto novo e desfacer o que se fixo hai 40 anos.

Candidatura destrutiva?

No sentido de que non presentaba nin equipo. A candidatura era destrutiva no sentido de facer un cesto que xa está feito hai 40 anos, hai que ter moito coidado.

De que equipo se vai rodear?

A tesoureira é Maribel Montaña, a secretaria Patricia Arias Chachero e no equipo teño a Susana Reboreda, Iago Seara e Pablo Sánchez Ferro. Deixo un oco aberto á posibilidade de incorporar xente nova.

Por que se presentou agora?

Para min era unha débeda con Otero Pedrayo. Nacín ao lado del.

Cal era a súa vinculación?

Cando era neno acompañaba a Don Ramón ás leiras e contábame cousas. Cando lle digo que vou facer Filoloxía Clásica cáusalle gran satisfacción. No 1971 faime unha dedicatoria no seu libro "Arredor de si". Nunha separa na que o menciono deume a noraboa como profesor e "ben logo catedrático". Certou. Cando miro atrás, a miña traxectoria vai coincidindo co que fixo Otero Pedrayo. Varios amigos do padroado, case ao final do meu currículo, animáronme a que tomara eu o relevo da presidencia.

Contenido patrocinado

stats