Juan Taboada: “Resgardar a vida e a seguridade é o principal papel da meteoroloxía”

Juan Taboada é o coordinador de Meteogalicia

Publicado: 21 oct 2023 - 06:46 Actualizado: 21 oct 2023 - 08:17

La Entrevista de hoy: Juan Taboada

O coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada, visitou onte as instalacións de Telemiño para comentar asuntos de actualidade: dende a meteoroloxía destes días ata o cambio climático.

Mentres nós estamos aquí sentados, fóra está diluviando. Chegou o outono meteorolóxico.

Chegou con moita forza. Tivemos ata o día 13 deste mes unha barreira anticiclónica, altas presións moi potentes que estaban ó norte da Península Ibérica e impedían a chegada das borrascas, que xa se estaban formando no Atlántico e ademais achegaban aire cálido procedente do norte de África. Así que tivemos un arranque de outubro moi cálido, moi seco. O 13 chegou unha primeira borrasca, derrubou esa barreira anticiclónica e ensinoulle o camiño, digamos, para o resto.

Como funciona Meteogalicia?

Isto é importante. A meteoroloxía é unha ciencia. Insisto moito nese concepto, non somos persoas especiais que teñamos un don…

Doélle un xeonllo e…

Exacto, non se trata diso. É unha ciencia, baséase en tomar datos, monitorizar a atmosfera e saber o que está pasando en cada momento, e a partir de aí, resolver ecuacións. Tes unhas ecuacións que che din, a partir dunha condición inicial, como vai evolucionar o sistema. Todo se basea na toma de datos, con estacións meteorolóxicas, satélite, radares, e globos sonda, para saber como está a atmosfera e, a partir de aí, ver como vai evolucionar.

A pesar de ser unha ciencia, hai veces que nos xoga malas pasadas, non?

Primeiro, nunca temos todo perfectamente monitorizado. Manexamos máis de 150 estacións meteorolóxicas por toda Galicia, pero hai ocos bastante grandes entre elas. E as ecuacións que temos que resolver son, aparte de moi complexas, moi dependentes desa condición inicial. Os meteorólogos deberiamos sempre falar en probabilidades, nunca en certezas. É verdade que, a veces, para comunicar é difícil. Pero cando dicimos que dentro de catro días hai un 50% de probabilidades é porque a metade dos modelos nos están dando chuvia e a metade non.

Cando deixa de ser fiable en espazo de tempo?

Depende moito da situación, realmente. Hai veces. Por exemplo, os primeiros días de outubro era absolutamente fiable. Podiamos dar con total tranquilidade que ía seguir o sol e a calor a seis ou sete días porque ese anticiclón era moi pesado, non se ía mover. Agora, por exemplo, nesta situación… pois depende do que nos preguntemos. Se a pregunta é: “Vai seguir chovendo estes días…?” Si. Agora, se me preguntas: “Oe, Juan, que o sábado teño as dúas da tarde…”. Aí xa non, porque como digo, entran ventos de noroeste, vai haber precipitacións intermitentes, e a esa fiabilidade non podemos chegar.

Hai outra parte máis seria, como cando a meteoroloxía se converte nun problema.

A pesar de que agora facemos moitas máis cousas, o principal papel é resgardar a seguridade, as vidas e as propiedades das persoas. Cando vemos que algún parámetro vai pasar dun certo limiar temos que dar uns avisos para que Protección Civil, á súa vez, mobilice os medios. Aí non adoitamos xogar cunha hora determinada, senón que se dan períodos. A meteoroloxía, dentro das súas limitacións, é unha ciencia que mellorou moito nas últimas décadas. Agora é moi difícil que se escape un fenómeno meteorolóxico extremo.

Hai un sector da poboación que nega o cambio climático.

Procuramos facer pedagoxía. Por iso sempre digo que temos entre mans unha ciencia, non é unha cuestión de opinións. Sabemos cales son os promedios de temperatura, de chuvia e seguimos medindo e vemos que hai unhas derivas. O planeta ten unha temperatura porque temos o sol e temos a atmosfera no medio, e nos corresponde unha determinada temperatura. Se metemos máis gases de efecto invernadoiro, poñémoslle máis difícil á Terra que arrefríe. Polo tanto, as temperaturas van subir. A partir de aí, prodúcense outra serie de fenómenos. Non perdamos moito tempo en discutir isto, porque é unha realidade. O que si podemos discutir é de que xeito nos enfrontamos a esta situación, como mitigamos isto. Non discutamos a base, porque nos fai perder moito tempo.

A tecnoloxía tamén se puxo do lado da meteoroloxía.

Aí entra moito a parte informática, de cálculo… e non só de cálculo, senón de visualización, que é importantísima, tamén. Vemos todo o planeta, os ventos, as borrascas movéndose… Facilita moitísimo a previsión. Agora hai unha tecnoloxía que está entrando con moita forza que é a intelixencia artificial.

Contenido patrocinado

stats