Luis Menor: "O despegue do termalismo ten que pasar pola cidade"

CAFÉ DE REDACCIÓN

O presidente da Deputación de Ourense e do PPdeOu, Luis Menor, analiza con La Región e Telemiño a situación política de Ourense

Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.
Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.

Como é a relación entre o presidente da Deputación e o alcalde de Ourense?

A miña relación co alcalde de Ourense é unha relación institucional, como debe ser entre o presidente da Deputación e o rexedor da capital, que ademais no caso da nosa provincia ten moito peso a nivel de poboación. E por tanto, todas as decisións que se adoptan na Deputación de cara ao Concello son decisións que afectan a un terzo dos ourensáns. Evidentemente, cando o alcalde fai unha proposición para a cidade que implica á Deputación, pois conversamos e temos a relación que temos que ter. Non podemos deixar sen resolver os problemas que ten a cidade.

Hai un par de semanas, viamos unha foto na que aparecía vostede brindando co grupo de Democracia Ourensana pola acendido das luces de Nadal, pero na imaxe non había ningún concelleiro do PP. Non cre que feitos como este poden dificultar que o grupo municipal faga unha oposición responsable na cidade?

Agradézolle que me faga esta pregunta porque convén aclarar esa foto. Nós acudimos ao acto público de acendido das luces porque creo que non pasa nada porque o representante da provincia estea presente na cidade para este tipo de actos, ademais había dous concelleiros do Partido Popular nese momento de acendido no palco. A foto prodúcese nun acto previo ao que fomos citados no Concello de Ourense coa Asociación de Persoas Xordas, que eran os encargados de acender as luces. Non era unha foto de brindis expreso, pero se me invitan a unha casa e deciden brindar polo Nadal ou son un maleducado ou teño que facelo, esa é a historia da foto, non se debe a ningún pacto político nin nada polo estilo.

No mes de xuño, a opción da moción de censura contra Jácome estivo sobre a mesa da oposición, porque non foron capaces de chegar a un acordo?

Creo que sacar adiante unha moción de censura depende de todos. É moi difícil cando unha formación, como neste caso foi o BNG, pon liñas vermellas e di que co Partido Popular nada e que non podemos formar parte do goberno, pero sen ter en conta que somos a segunda forza no Concello e os nosos votos son absolutamente necesarios. E por outro lado, a posición do PSOE foi un pouco errática. Se tes unha cabeza de lista que se presentou as eleccións e que segue aí como era Paco Rodríguez, eu entendo que tiña que ser o candidato, e non propoñer en metade das negociacións unha nova candidata, sen que teñamos nada contra Natalia. Creo que non foi unha negociación feita con visos de que a moción saíra adiante.

Non cre que este proceso de agora si, agora non, pode afectar a imaxe que a cidadanía ten da oposición?

Está claro que si. Ao Partido Popular dinnos que lle aprobamos moitas mocións a Democracia Ourensana, pero se facemos cálculos dos 70 millóns que foron aprobados, máis de 50 millóns foron aprobados polos outros grupos, incluso cando existe algún reparo como no caso das obras de Coto Canedo, os primeiros que se absteñen son outros partidos. Cando se di que é o PP o que facilita o goberno de Jácome, convén mirar os datos e ver cantas mocións e modificacións de crédito aprobáronlle os outros grupos.

O poder municipal do PP en Ourense é de sobra coñecido, porén non goberna en ningún dos cinco concellos máis poboados, que está fallando neste sentido?

Efectivamente, ademais é un dato que se arrastra dende hai anos. É algo que tamén lle pasa ao partido a nivel Galicia, onde tamén se nos resisten as grandes vilas e cidades. Son optimista de cara ao 2027, e penso que imos recuperar algunha destas alcaldías.

Na súa axenda o termalismo sempre ocupou un lugar imporante, pero desbotou o proxecto de converter o Pazo Provincial nun hotel balneario.

Non só na miña axenda, senón na axenda da provincia o termalismo ocupa un lugar prioritario e nese sentido levamos feitos un labor extraordinario de promoción dos novos programas e de consolidación do termalismo social que inxectou máis de 7 millóns de euros nos balnearios. Concretamente, neste proxecto atopámonos co problema do cambio de sede da Deputación, o cal é arriscado sen ter unha alternativa veraz e agora mesmo non a temos. Por outro lado, á hora de sacar a explotación o balneario as empresas do sector dinnos que o hotel balneario daría un número de habitacións insuficiente para ter viabilidade económica. Polo tanto, isto paralizou a idea. Con todo, somos conscientes de que o gran despegue do termalismo pasa pola cidade. Agora, existen varias iniciativas de carácter privado sobre a mesa que tanto Xunta como Deputación apoiamos e esperemos que se concreten. Gustaríame engadir que as termas da contorna do Miño deberían estar coidadas doutra maneira porque xa son un referente.

Fixemos balance deste ano, pero que hai dos proxectos para o vindeiro ano?

Manteremos esa cooperación cos concellos que é básica e fundamental. A lei establece que a función dunha Deputación é cooperar cos concellos que teñan menos de 20.000 habitantes para asegurar a prestación de servizos. No caso de Ourense son todos os municipios, menos a cidade, polo que a Deputación ten máis sentido que en outras provincias. Tamén manteremos a aposta por reforzar a rede de estradas provinciais para que os veciños poidan moverse con seguridade pola provincia. Outro aspecto importante é a creación e o mantemento de áreas industriais, por iso reclamamos con contundencia que a Xunta cumpra ese plan de desenvolvemento de chan industrial na nosa provincia e poidamos ampliar os polígonos da provincia e desenvolver novos. Ademais, reclamamos a estación de mercadorías para o Polígono de San Cibrao, algo que creo que é fundamental para que Ourense poida acoller empresas de loxística que xeneren emprego e fixen poboación.

Contenido patrocinado

stats