Manuel Baltar: "O proxecto estrela será o Hotel Balneario, e abrirá en outubro de 2027"
Entrevista
Entrevista en profundidade ao presidente da Deputación de Ourense e do Partido Popular de Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acudiu ao programa “Unha hora con” de Telemiño para facer balance do seu mandato e dos retos e plans de futuro que espera seguir desenvolvendo. Como dirixente do PP provincial, o gran reto son as eleccións locais do 28 de maio.
Acábase de celebrar en Ourense a asemblea da CEPLI. Cales foron as conclusións e que supón para a provincia unha visita destas características.
Era a primeira vez que se celebraba en España. Eu son vicepresidente da CEPLI, que a conforman todas as provincias de oito nacións europeas, en total 1.167. Rematou cunha Declaración de Ourense sobre a resposta áxil nas emerxencias e catástrofes naturais e tamén serviu para o intercambio de experiencias de goberno e escoitar de primeira man a responsables da UE e das altas institucións comunitarias. Estiveron en Ourense os máximos representantes das provincias de Francia, Italia, Romanía, Bélxica, Alemaña, Polonia… En definitiva, foi un encontro de alto nivel europeo que é consecuencia do traballo en rede que facemos en foros nacionais e internacionais. Non hai ningún goberno provincial en España que teña esa presenza e representatividade.
Dicía o secretario xeral da FEMP que as deputacións tiñan que dar un paso adiante e modernizarse. Iso ocorreu no caso de Ourense?
Por suposto, nós somos un referente e un modelo. Somos líderes en transparencia. Non hai ningunha institución en Europa que aprobe os orzamentos do ano seguinte antes ca nós. O 29 de setembro deste ano, ás 12,00 horas, aprobaremos os de 2024, e isto non o pode dicir ninguén. Temos débeda cero que nos permite cos remanentes de tesourería acometer proxectos tan importantes e transformadores do territorio como abrir as portas do Centro Galego de Innovación da FP, que sitúa Ourense como capital da investigación da FP; ou falar do gran proxecto estratéxico de converter o Pazo Provincial en gran hotel balneario. Son pasos que forman parte dun plan de mandato, que presentaremos estas eleccións. Seguiremos sendo a única forza política que se presente dicindo que queremos facer coa Deputación os próximos anos. As deputacións son elementos clave na arquitectura xurídica e institucional do Estado. Hai anos que non se cuestiona o seu papel. Quen o cuestionaba eran PSOE e BNG, e non trataban de acabar coas deputacións, senón de acabar cos presidentes populares das deputacións. Agora que gobernan en tres das catro en Galicia saben e coñecen perfectamente o papel político esencial que teñen. As provincias existen, non son só circunscricións electorais. Os gobernos provinciais están na Constitución. Existen os intereses provinciais.
Por que non se permite xa votar en urna ás deputacións?
Ten que facerse a reforma electoral. Acontecerá máis cedo que tarde. As deputacións existen no 90% das nacións europeas. En todas elas se elixen directamente por parte dos cidadáns. En España, Consejos e Cabildos si se elixen directamente, e faltan as deputacións de réxime común, que somos 38. Hai que operar esa reforma. Non vexo normal que veñan agora unhas eleccións nas que se elixen representantes dos concellos, e que desas urnas sae tamén a corporación provincial. Eu quero que a xente vote o seu candidato a presidir a Deputación, a unha forza política que presenta un plan de mandato. Neste caso, nós facémolo como se a reforma electoral xa estivese vixente. O voto ás candidaturas do PP ten un valor dobre, porque sabemos o que imos facer en cada concello e o que imos facer na Deputación.
Gustaríalle que os outros partidos tivesen candidatos para presidir a provincia?
As outras formacións non pensan en clave de provincia, só nun concello ou doutro por puro cálculo electoral. Non contan con proxectos de provincia. Máis cedo que tarde, farase a modificación electoral, e estas administracións provinciais contarán con forzas políticas que crean nelas. Imos encargar o próximo mandato desde a Deputación a redacción dun borrador de proposta de reforma electoral para que sirva de debate. Considero que un alcalde non pode ser presidente de Deputación. Se eu me presento a alcalde e lle digo aos veciños que necesito 24 horas do meu tempo para mellorar o concello, se son presidente de Deputación algunhas horas me quitará. Vemos que na Coruña o presidente é alcalde das Pontes, en Lugo é alcalde de Monforte, e que en Pontevedra a presidenta é tenente alcalde nin máis nin menos que da cidade máis poboada de Galicia, cando as deputacións focalizan a súa actividade nos concellos de menos de 20.000. Algo chirría aí.
Vén de propoñer unha posta en marcha da Mesa Nacional do Reto Demográfico. Por que?
Sería aplicar a todas as políticas do Estado a lectura do reto demográfico, un papel esencial das deputacións, porque son as que mellor coñecen o territorio. A nivel europeo, o reto demográfico está instalado na axenda política. É un problema que teñen todas as nacións. No 80% do territorio vive só o 20% da poboación. Na Deputación estamos con programas e plans que incorporan a perspectiva demográfica desde hai anos, plans innovadores e que non operan noutros ámbitos, como axudas á natalidade (Chegou), ou o plan Emprendou de apoio ao emprendemento para que os novos fiquen nos seus concellos e desenvolvan os seus proxectos empresariais e de vida.
Acaban de incorporar un terzo do remanente. Unha parte é para ampliar o Campus. Cre que a Xunta e o Concello deben dar ese apoio?
Creo que é obrigado. Lembremos que a Deputación tamén foi esencial na posta en marcha do Campus, coa cesión de terreos, cos cartos que se aportaron para as novas edificacións. O reitor formulou unha solicitude para o Campus, que é a mellor fábrica de talento do territorio e está moi ben considerado cualitativamente, e nós destinamos 1,5 millóns. Pero pode ampliarse a axuda. O remanente resultado da liquidación superou os 60 millóns, o máis alto da historia, e fixemos unha modificación de 20 millóns. Por suposto que Concello e Xunta teñen que implicarse. O Campus é cousa de todos, é unha cuestión provincial.
Considera que un remanente tan alto é porque non se investiu o suficiente?
Non. Os orzamentos execútanse correctamente. Ese remanente é resultado da boa xestión. Estamos en disposición de executar e conseguir plans e programas europeos de relevancia, nalgún caso únicos en España, como o Programa de Destino Turístico Intelixente. Coa nosa capacidade e o noso traballo en rede somos capaces de procurar e conseguir proxectos novos que retornen directamente no territorio. Partimos dunha situación mala e alcanzamos a débeda cero. Iso habilítanos para facer calquera tipo de investimento e colaborar coa Xunta, como no complexo de Monterrei, ou co Club Náutico de Castrelo, cunhas instalacións que serán a envexa de todos, nunha aposta polo turismo deportivo. Xa somos un dos tres lugares preferidos en España para preparar competicións.
A Xustiza confirmou a multa ao Concello de San Cibrao das Viñas polos vertidos ao Barbaña. Que solución prevé a Deputación?
O problema principal é que o Goberno non foi quen de facer realidade esa nova depuradora, existindo un proxecto e un organismo de conca. Contra ese problema, temos que aportar solucións. Hai dous concellos implicados, pero fundamentalmente o de San Cibrao, porque é nese municipio onde as empresas, porque esta é unha cuestión público-privada, están facendo ese tipo de vertidos, e hai que adoptar unha solución. E pasa por constituír unha comunidade de usuarios que delimite as responsabilidades para que cando haxa unha problemática desta índole, que esperamos non se volva producir, haxa unha resposta planificada, previsible e que a seguridade xurídica impere.
Sobre o gran hotel balneario, en que punto está?
Cada día hai máis interesados, sobre todo trala chegada do AVE. Sacamos agora a licitación a redacción do proxecto. Estamos na fase de solicitar a titularidade do aproveitamento termal para poñer nesta segunda metade de 2023 a maquinaria en marcha. Para que no 24, 25, 26 e principios do 27 se leve a cabo a obra e o equipamento do que vai ser o Gran Hotel Balneario de referencia en Europa, para que en outubro/novembro de 2027 abra as súas portas. É un proxecto tractor, non só para a cidade, senón para a provincia. A nova sede provincial? Barallamos varias alternativas con carácter provisorio, mesmo con edificios e instalacións propias da Deputación. E tamén temos capacidade económica para construír unha nova sede con tempo suficiente.
Custa entender que non se aposte por esta provincia, como no caso da sede da Aesia.
Quizais esa sorte de vitimismo teña que cambiar. Non hai que ver as cousas sempre do lado negativo. Aquí había unha resolución para unha cuestión que había un organismo técnico que valorou obxectivamente unha serie de indicadores. Pero aquí fomos quen de implementar e poñer en marcha cuestións novas, que non existen, como a Cátedra de Reto Demográfico, e no seu día chegou o Parque Tecnolóxico. Temos que ser reivindicativos. Sabemos que esta provincia ten por diante unha serie de obxectivos, algúns deles figurarán no noso plan de mandato, pero dependemos tamén da alianza ou xenerosidade doutras administracións. Falamos do atraso da depuradora de San Cibrao ou da estación de mercadorías. E agora que teremos a oportunidade de que un ourensán presida o Goberno, imos ver un tempo novo, como se viu no pasado, cando Núñez Feijoó presidiu a Xunta, e como estamos vendo na presidencia de Alfonso Rueda.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Dos nuevos canónigos catedralicios
El Obispado renueva siete cargos de la Diócesis de Ourense
INCLUSIÓN DE LAS AUTONOMÍAS
El PP promete a Atave mejorar la prevención de riesgos laborales
Lo último
VISIBILIZACIÓN Y ATENCIÓN
25 años de la gran familia inclusiva del centro ocupacional de Verín
CARRETERA EN MAL ESTADO
Malestar vecinal en O Castro por los socavones