Manuel Baltar: “Somos o PP de Ourense, o partido desta provincia, queremos máis alcaldías”

Manuel Baltar, presidente do Partido Popular na provincia de Ourense, espera que o seu partido acade máis alcaldías nas eleccións municipais de 2023: "Gobernamos en dous de cada tres concellos da provincia e son referentes de xestión"

 

Quedan dous meses e medio paras as eleccións municipais. Di que o obxectivo é o récord de alcaldías, e a maioría absoluta na Deputación. Realmente é posible? 

Si, claro. Eu son optimista e realista por natureza. Vendo o que representamos nós e vendo tamén as dificultades que teñen as outras formacións para encontrar candidatos en concellos, mesmo para conformar listas electorais, e sobre todo coa experiencia dos nosos gobernos. Gobernamos en dous de cada tres concellos da provincia e son referentes de xestión. O partido tamén goberna a nivel provincial e autonómico e con Feijóo tamén gobernará a nivel nacional. A xente sabe o que son as convivencias entre outros partidos e o que representa contar cunha posición fiable e solvente como é o PP. Somos o partido da provincia de Ourense. Nesta provincia conseguíronse os mellores resultados de calquera forza política nas últimas eleccións xerais. E non foron uns resultados bos. Nós somos o PP e sempre queremos máis.  

Pódese recuperar o poder urbano? 

Por suposto. Levamos candidatos en todas esas vilas e o obxectivo é conquerir a maioría absoluta. Nós necesitamos a maioría absoluta, outras o que necesitan é que o PP non a teña  para pactar e evitar que goberne a formación máis votada. 

Por que non repite Senén Pousa (Beade), o alcalde máis veterano de Galicia? E non pode resultar polémico recuperar en Melón  ao exalcalde Alberto Pardellas, que volve tras estar inhabilitado?

Eu teño que garantir contar cos mellores resultados. E hai que ter aquelas pezas que mellor representen á veciñanza. Estou seguro de que nas apostas en Beade e Melón vai ser así. Melón viviu un mandato para esquecer, con nada de proxectos nin realidades, e cun enfrentamento permanente do seu alcalde socialista, inda que creo que non afiliado, co resto de concelleiros que si eran socialistas, pero aos que botaron do partido, unha cousa tremebunda. E volve alguén que foi alcalde con maioría absoluta e que lle vai pedir a confianza aos seus veciños, despois de ter cumprido as súas débedas coa Xustiza. Non teño dúbidas de que volverá ser alcalde. No caso de Beade apostamos por un tempo novo en política, unha dinámica diferente, con xente nova do concello. Agradezo por suposto o traballo de Senén Pousa nestas décadas, e a súa dedicación e compromiso. O comité electoral do partido, unanimemente, e do que eu non formo parte, tomou esa decisión. 

Na cidade, Manuel Cabezas sería favorable a chegar a grandes acordos de goberno co PSOE e mesmo co BNG. Comparte esta folla de ruta? 

O primeiro que falou con Cabezas para que fora candidato fun eu. Era o maior interesado en levar o mellor alcalde da historia de Ourense. E levámolo para gobernar e que sexa alcalde. O pacto que imos propoñer é coa veciñanza de Ourense. En Ourense fai falta transformar por segunda vez a cidade da man de quen fixo posible esa primeira transformación. Eu falo nesa clave. Imos gañar as eleccións, vai ser alcalde e o noso pacto é cos electores. Porque temos o aval da xestión xa feita, porque foi o único que conseguiu esas tres maiorías absolutas. As outras cuestións son política ficción, para despois do resultado electoral.  O pacto en política é a cuestión básica, por suposto. Pero o pacto antes das eleccións é cos veciños.  Nós presentámonos para gañar e gobernar.  Estou seguro de que o mellor candidato que existe é el. E tan seguro estou que “obrigamos” ao PSOE a colocar como candidato e rescatar a Francisco Rodríguez. Se non houbera Cabezas, non habería Francisco Rodríguez. Socarronamente, podemos dicir que eliximos ao número un do PP e tamén do PSOE.

Sobre a volta de Pepe Araújo, tamén rescatan nalgún concello a candidatos de Ciudadanos. Iso obedece a algunha estratexia?

Cs non existe, presentarán candidatura nalgún lado, e o que viron aqueles que foron en listas de Cs é un desengano do funcionamento desa organización política e volven ou están na nosa formación para ter os melllores resultados. Coñezo a Pepe Araújo perfectamente, paréceme unha persoa moi solvente, seria e froito desa solvencia e seriedade, pois decidiu integrar a candidatura do PP. Estamos plenamente satisfeitos. 

De que programa global provincial podemos falar no PP?

O noso plan de mandato chamarase 2127, porque son 2.127 metros os que ten o pico máis alto de Ourense e de Galicia, Pena Trevinca. E incluirá unha serie de medidas innovadoras, como nos anteriores plans de mandato. Presentarase en abril, para que a veciñanza vexa que hai unha formación política que se preocupa polo funcionamento da provincia e que considera que a Deputación é un elemento transformador da mesma. O proxecto estrela vai ser a conversión da propia sede da Deputación en gran hotel balneario, pero existen tamén medidas a nivel comarcal, froito de escoitar aos representantes dos concellos, entidades, fundacións e ao asociacionismo.

“A aposta polo audiovisual non ten fin, é  unha aposta de futuro”

Vén de celebrarse a gala dos Mestre Mateo, por segunda vez na cidade. É Ourense cada vez máis un plató de cine? Que se agarda en 2023?

A aposta polo audiovisual é algo innovador e unha aposta de futuro, non ten fin. Temos novidades que serán anunciadas no seu momento e que seguirán a senda das seis rodaxes de longametraxes de 2022. A celebración dos Mestre Mateo reflicte unha alianza co audiovisual galego, con ese convenio coa Academia. Tiveron un gran protagonismo os filmes rodados en Ourense, algo a destacar.

Estou orgulloso do retorno económico e, sobre todo, da visibilidade que están a dar as rodaxes e a capacidade que temos para cnvencer a equipos técnicos e artísticos, sobre todo coa chegada do AVE, do magnífico que resulta rodar en Ourense e calquera das súas paraxes. Outra novidade dos últimos meses é a constitución da Ourense Film Comission, que continúa a aposta por este sector, que empezou cando auxiliamos o festival de cine.

Te puede interesar