Manuel Pardo, delegado da Xunta: "Debemos facelo ben na extinción de incendios en Ourense cando somos referente"
ENTREVISTA
O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, aborda diferentes cuestión vinculadas á provincia de Ourense
Manuel Pardo, verinense e licenciado en Dereiro pola UNED, é desde finais do pasado mes de abril delegado da Xunta na provincia de Ourense. Pardo, funcionario desde 1987 e xefe territorial de Presidencia desde 2015 ata asumir o cargo, coñece de primeira man como funciona a casa. Ve “emocionante” a súa aterraxe: “Para min é un reto bonito, conto cun gran equipo de directores territoriais, gabinete de prensa e secretaria territorial. Iso supón un elemento importante para desenvolver a miña función da mellor maneira posible”.
En que punto está a nova sede da Xunta?
Estamos a dar pasos á fronte para levar adiante o proxecto. Estase a redactar o proxecto básico e requírese dun convenio entre a Xunta, a xunta de compensación e o Concello. Procuramos telo todo listo para a execución a finais deste ano. O orzamento previsto é de 24 millóns.
A meirande parte dos investimentos estanse destinando á sanidade, cando vai rematara renovación do CHUO?
Estase traballando no novo módulo hospitalario, co cal séguese co plan director. Tamén se investiron oito millóns de euros na nova UCI e sacouse a licitación un proxecto para a nova unidade de hemodinámica. É dicir, seguimos avanzando. Estivemos hai uns días na Rúa para anunciar a licitación do centro de saúde e está tamén en elaboración o proxecto do centro de saúde de Boborás. Seguimos avanzando no ámbito sanitario.
Hai moitas protestas arredor da Atención Primaria.
Na atención primaria hai un plan de 12,5 millóns para ir atendendo estas continxencias. É evidente que temos un problema de falta de médicos de atención primaria e pediatras que afecta ao servizo nacional de saúde. Tendo en conta esa circunstancia, que non depende de nós, a nosa preocupación é garantir que todos os nenos teñan un pediatra e que a atención médica se presta axeitadamente. Iso podo dicir que está garantido. O que se está a facer, tendo en conta o período estival das vacacións, é un plan para empregar racionalmente os recursos humanos e prestar atención a toda a cidadanía. Ao ter que planificar a atención pediátrica pode que nalgúns casos téñase que optar a outro centro próximo, pero evidentemente está garantida a atención.
Cando se fará o Centro Integral de Saúde Nóvoa Santos?
Está pendente de recadar os informes sectoriais pertinentes para seguir adiante coa tramitación urbanística da lei 3/2016. O 10 de xullo foi informado favorablemente polo pleno da xunta consultiva en materia de ordenación e territorio de Galicia, como paso previo a súa elevación ao Consello da Xunta. Estamos a levar os pasos necesarios para seguir con este proxecto. Tendo en conta a situación urbanística de Ourense, require unha serie de actuacións necesarias para levalo a cabo.
Como vai a renovación da OU-540 e da OU-533, largamente demandadas?
En Valdeorras estase traballando, sobre todo, no tramo entre Viana e A Gudiña, está en proxecto de elaboración e esperamos que a final de ano poida saír para poñerse a traballar. Mellor iría se puidésemos contar con fondos NextGeneration para as vilas de menor poboación. Pero a Xunta é consciente desa necesidade de mellorar a comunicación co AVE na Gudiña e está a traballar no proxecto. Vai ser pronto. Na OU-540 tamén se está a traballar nunha primeira fase en Celanova con Bande, tamén está en proxecto e cremos que pronto se poderá actuar.
Un dos retos da provincia é o solo industrial, a Xunta ten anunciado que vai ampliar varios polígonos, cales son os plans?
A área metropolitana de Ourense pasará de 3,9 millóns de metros cadrados, incrementándose máis dun 40% a súa capacidade. Estanse a cumprir os expedientes de ampliación do solo empresarial de San Cibrao e o de Pereiro de Aguiar. Estamos a punto de terminar, co cal son actuacións que van comezar pronto. Estase a traballar tamén na ampliación do polígono de Xinzo, cunha superficie de 120.000 metros cadrados e en Paderne de Allariz un parque industrial de máis de 1.000 metros cuadrados está sometido a información pública e seguen cos trámites sectoriais pertinentes para poder poñelo en marcha.
Están en licitación as vivendas sociais na Cuña, levamos anos nos que a vivenda social parecía atascada, será agora unha prioridade?
Hai una aposta, pública e notoria, da Xunta por paliar o problema da vivenda mediante a dotación de vivenda social. Un exemplo disto é a próxima licitación da construción de 64 vivendas de promoción pública en Cambedo da Raia en Ourense. Tamén estamos rehabilitando edificios en Manuel Sueiro, na rúa Pelayo e en Ribadavia con cinco vivendas de protección. Estamos en contacto co Concello de Ourense para, dentro do plan de vivenda social, coñecer a dispoñibilidade de solo para levalas a cabo.
Falando do Concello de Ourense, como é a relación co goberno local?
Hubo un acordo co presidente hai oito meses cunha serie de proxectos nos que se está a traballar. Ao mesmo tempo, o presidente e os conselleiros están atentos ás necesidades da veciñanza da cidade. Tanto os concelleiros como o alcalde teñen coñecemento e contacto, a través da delegación ou con conselleiros, para notificar as distintas problemáticas que poidan xurdir.
“Xa están pagadas as taxas ao Concello para conseguir a licenza para a residencia de maiores do Pino, que está próxima”.
A residencia de Maiores do Pino, que vai construír a Fundación Amancio Ortega, acabará sendo unha realidade pese aos problemas?
Xa están pagadas as taxas ao Concello para conseguir a licenza municipal que está en trámite, está próxima. Unha vez que se teña xa se comezará co movemento de terras.
Hai un déficit destas infraestruturas nunha provincia cada vez máis avellentada, cal é o plan da Xunta?
Hai 18,5 millóns de euros destinados a dotación de residencias no ámbito municipal dos cales 11 millóns quedarán aquí na provincia, con 16 residencias: A Teixeira, Ramirás, Vilamarín… Algunhas serán novas e outras reformaranse.
Hai moitos pais que levan anos reclamando un centro para persoas con discapacidade, o edificio está en obra desde hai anos, e inda non remata.
Xa se está instalando a cociña, os electrodomésticos, o material informático o material sociosanitario e o mobiliario. Estamos xa nos últimos episodios desta actuación tan importante que, como sabemos, tivo problema cos materiais, deixación da construtora e que houbo que volver a licitar. Contamos con que despois do verán xa estea en marcha.
En Ourense algo debemos estar facendo ben cando somos un referente na extinción de incendios”
Estamos listos para combater este verán os incendios forestais?
Estamos traballando, tivemos unha reunión de coordinación na delegación sobre o que son as situacións dúas, que son as perigosas, porque afectan ás vivendas e á poboación. Hai unha coordinación marabillosa entre as forzas de seguridade, os bombeiros, protección civil, emerxencias e Medio Rural. Todos imos como un equipo coordinado para evitar que se produza algún dano nas persoas ou nas súas casas. O luns (por mañá) faremos o comité policial, co cal toda a maquinaria está a punto. Confiemos en que poidamos ter unha temporada tranquila.
Cal cre que debe ser o rumbo do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén?
O centro é un referente na formación. Veñen da UME e de Estonia a formarse, polo que penso que en Ourense e en Galicia algo debemos estar facendo ben cando somos un referente no sistema de extinción.
Que novos proxectos espera anunciar proximamente?
Estamos traballando no centro de ciberseguridade, como xa anunciamos, e temos tamén un plan de actuación no ámbito educativo con 22 millóns de euros para a ampliación e rehabilitación de centros educativos. Cómpre mencionar o Ben Cho Shey, que será un novo instituto en Pereiro de Aguiar. Hai moitos proxectos para seguir adiante. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último