ACCIDENTE DE TRÁFICO
Noche accidentada en Ourense: un herido en una colisión y un atropello a un jabalí
ENTREVISTA
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, repasa as liñas mestras que seguirá a súa consellería nesta lexislatura. A reindustrialización de Galicia, a parálise que sufre o sector eólico e a Mina de Penouta e os problemas da industria automobilística sitúanse como os principais retos a abordar nos próximos meses.
Leva un ano á fronte da Consellería de Economía e Industria tras pasar pola de Emprego. Como está a adaptarse ao cambio?
Son dúas consellerías moi vinculadas ao diálogo con empresas e sindicatos, polo que isto facilitou a miña adaptación ao cambio. A Consellería de Economía e Industria ten retos moi importantes pero tamén moitas oportunidades. Estamos nun momento crucial dende o punto de vista do desenvolvemento económico e industrial de Galicia e polo tanto témolo que aproveitar.
A Consellería de Economía e Industria incorpora nesta lexislatura sectores estratéxicos como o forestal ou a xestión do solo empresarial.
O presidente Rueda intentou que todas as competencias que poidan facilitar o desenvolvemento industrial en Galicia estivesen nesta consellería. O tema do solo industrial é clave. A estratexia que estamos seguindo trata de acomodar as peculiaridades de cada sector, tendo en conta as necesidades que poidan ter para o seu desenvolvemento. Se ben é certo que a competitividade, o financiamento e a axilización dos proxectos son moi importantes, tamén o é dispor de solo suficiente e adecuado para o crecemento empresarial de Galicia e para atraer investimento estranxeiro. Polo tanto optamos por esta configuración da consellería que xunta todos os sectores clave.
Tanto o presidente, Alfonso Rueda, como os sindicatos están a pedir un gran pacto galego pola industria. En que momento se atopa ese proceso de reindustrialización en Galicia?
Dende o goberno ofertamos ese pacto porque cremos que isto é realmente unha cuestión de país. A reindustrialización de Galicia non a vemos como unha opción senón como unha responsabilidade. Iniciamos unha estratexia industrial moi clara na lei de medidas que acompaña os orzamentos deste ano, baseada nunha análise territorial de Galicia que estamos a piques de finalizar e de aí sairá unha planificación do solo empresarial e do desenvolvemento industrial moi territorializada. Esta planificación terá en conta as áreas que teñen pouca afección medioambiental e boa localización e infraestrutura, ademais de estar moi acomodado co desenvolvemento enerxético.
Un dos proxectos dos que máis se fala para esa reindustrialización é o da empresa portuguesa Altri. En que punto se atopa esa posible fábrica de Lyocell en Palas de Rei?
O proxecto está en tramitación ambiental. Trátase dun investimento de máis de mil millóns de euros dunha empresa estranxeira que quere apostar por un proxecto na nosa terra. Isto demostra as potencialidades que ten Galicia dende o punto de vista territorial. Altri poñerá sobre a mesa 500 empregos directos e máis de 2.000 indirectos, co cal se trata dun proxecto interesantísimo, neste sentido non hai dúbidas. As dúbidas xorden dende o punto de vista social se este tipo de fábrica é sostible medioambientalmente. Dende o goberno galego o que pedimos é que non se prexulgue o resultado da declaración de impacto ambiental. A cidadanía ten que estar tranquila porque se algún dos informes non é favorable ou resulta dubidoso, o proxecto non vai saír adiante. Estamos observando que hai determinadas asociacións que se din ecoloxistas e un partido político en concreto, que non están informando sobre a veracidade dos datos.
¿De que maneira potenciaría este proxecto as industrias téxtil e forestal de Galicia?
O proxecto dende o punto de vista tecnolóxico é único en toda Europa. Non só sería clave para a industrial téxtil e forestal, senón que sería clave para o posicionamento industrial e económico da nosa comunidade. Conseguiríamos pechar o ciclo da madeira dende o punto de vista industrial en Galicia. Logo hai unha segunda parte que é a téxtil. Queremos descarbonizar a economía e reducir o carbono no transporte. Se resulta que boa parte da fibra téxtil xa se fabrica na nosa comunidade, non terá que vir transportada dende outras países como se fai agora mesmo. Polo tanto dende o punto de vista da sostenibilidade sería moi importante para Galicia. Estamos ante unha oportunidade moi grande sexa Altri ou calquera outra empresa que incorpore esa tecnoloxía nun lugar onde somos ricos en recursos forestais.
Outro dos aspectos que levantou certa polémica é a financiación do proxecto. Altri reclama axuda tanto estatal como europea. A vostede que lle transmiten dende o Goberno central?
Eu estou moi preocupada co tema do financiamento. Hai uns fondos europeos que se están a repartir por todos os países e neste sentido España leva unha gran demora cos Pertes (Proyectos Estratégicos para la Recuperación y Transformación Económica), máis de metade dos 33.500 millóns de euros están aínda sen convocar. Altri dinos que hai seis meses que presentou toda a documentación para que se remita o expediente a Bruselas e poder conseguir esa axuda singular. Algo que se fixo noutras ocasións como no caso de ArcelorMittal en Asturias. O que me confirma a min o ministro de Industria a semana pasada é que aínda non está remitido ese expediente porque o ministerio está reflexionando sobre este proxecto. Aínda non sabemos cal é a postura do Partido Socialista porque en Moncloa non hai resposta e o PSdeG non se define. Pola mañá cando se desperta ofrece a man a ese pacto industrial e xa pola tarde di que ten dúbidas en varios proxectos industriais. É clave para Galicia que os socialistas galegos saiban que queren ser de maiores. Se queren estar co BNG nese negacionismo absoluto, sendo un partido arcaico que non quere a modernidade de Galicia ou quere asentarse no desenvolvemento industrial de Galicia. No Partido Popular cremos que Galicia pode ter unha oportunidade de desenvolvemento industrial compatible con soster o medio ambiente e que o rural galego merece unha de ter un sector industrial compatible co sector primario. Non podemos condenar as persoas que viven no rural a que non poidan optar a empregos de calidade.
Para pechar o tema, se a declaración de impacto ambiental é positiva, en que punto estaría o proxecto de Altri para desembarcar en Galicia?
No primeiro trimestre de 2025 a declaración impacto ambiental debería estar finalizada. Nese momento o Estado deberá tomar unha decisión. Altri polo que nos comenta xa ten un acordo polo 95% da propiedade. A fase de construción sería aproximadamente de tres anos pero xa se comezaría a xerar emprego con 4.000 postos de traballo previstos para as obras. Co cal a finais de 2025 o impacto económico xa se notaría na comarca de Ulloa.
En liña con isto está a tramitación da Lei de Recursos Naturais, cal é o seu obxectivo e que impacto pode ter na sociedade galega?
Parte da filosofía de que Galicia é rica en recursos naturais e polo tanto esa riqueza ten que converterse en riqueza social. É dicir, o aproveitamento dos nosos recursos ten que chegar aos galegos e a industria galega. A lei abrangue todos os aproveitamentos de recursos naturais. Isto implica dende enerxías renovables ata os aproveitamentos mineiros, pasando polas concesións hidráulicas. A lei é moi ampla porque permite ver as posibilidades económicas que poden dar todos os recursos naturais. O fundamental é que a lei non varía en absoluto a garantía medioambiental, o que se fai é engadir un informe onde a empresa que vai aproveitar o recurso natural ten que xustificar que unha parte dos beneficios que vai obter, ten que repercutilos na cidadanía. Poño un exemplo, no caso dun proxecto eólico deberase abaratar a enerxía para os cidadáns e industrias da zona. Aí aparece un elemento interesante como é Recursos de Galicia (RDG), que ten como obxectivo entrar en proxectos de aproveitamento de recursos para repercutir os beneficios na cidadanía. Somos o primeira comunidade autónoma de España e un dos primeiros territorios en Europa que está esixindo as empresas que unha parte da súa rendibilidade quédese no territorio no que se asenta.
Respecto a esos proxectos eólicos dos que fala, na actualidade Galicia ten cerca de medio centenar de parques eólicos paralizados pola xustiza galega. Cal é a postura do executivo galego e que medidas pensan tomar para desbloquear a situación?
Dende o punto de vista xudicial. a postura da Xunta é clara e así imos seguir. A xustiza española funciona e ten uns cauces que hai que seguir. De momento sabemos que o Tribunal Supremo non comparte a doutrina do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a corrixiu para dar a razón aos técnicos da Xunta. Nós imos defender a política que se está a seguir, en paralelo, temos que traballar dende o punto de vista da planificación e normativa. O fixemos xa na lei que acompañou os presupostos e que afonda no concepto de interese público superior que teñen os proxectos eólicos. Queremos que o mapa industrial de Galicia permita identificar ben zonas enerxéticas que estean ao servizo do desenvolvemento industrial. Esas zonas de potencial industrial terán as comunidades enerxéticas dentro da propia zona ou a poucos quilómetros, co claro requisito de que teñan poucas afeccións medioambientais. Se somos capaces nesta lexislatura de orientar moi ben as zonas industriais e de sincronizalas coas zonas enerxéticas, creo que nos achegaremos a ese paso que está pedindo Europa para a descarbonización e o autoabastecemento dos territorios. Dende o meu punto de vista creo que se está a xerar inseguridade xurídica coas medidas cautelares que se están impoñendo, cando existe unha declaración de impacto ambiental ao respecto. Todas estas paralizacións xeran desconcerto dende o punto de vista económico e empresarial para os inversores eólicos.
Se falamos de proxectos paralizados en Ourense, isto lévanos inevitablemente a falar da Mina da Penouta. É reversible esta situación?
Este proxecto preocúpame se cabe mais que outros porque ten traballadores en ERTE. A nosa postura é axilizar o antes posible a tramitación dese proxecto para que os traballadores poidan volver o antes posible ao traballo en activo. Traballaremos, se é posible, coa empresa para realizar unha nova declaración de impacto ambiental e continuaremos cos cauces legais. Hai que ser prácticos, a xustiza non vai tan rápido como nos gustaría tanto administración como empresarios. A empresa ten que estudar a maneira mais rápida de avanzar para que o proxecto poida volver a activarse. Aquí non estamos falando de que se paraliza un proxecto de emprego a futuro, senón de varias familias afectadas dende xa, polo que temos que buscar o mecanismo máis doado para reverter esta situación.
Non pola xustiza, pero si pola dura competencia chinesa e as ameazas de deslocalizar a industria por parte de Stellantis, outro sector e risco é o da automoción. Que prevé o plan director da Xunta para o sector?
O plan está traballado totalmente co sector da automoción. Deuse cabida ás aportacións empresariais que neste caso foron máis de 50. O plan recolle a internacionalización, as necesidades de innovación e de competitividade que ten agora mesmo o sector, ademais de cuestións clave como a dixitalización. A industria do automóbil ten sobre a mesa a electrificación do sector, polo que dende as institucións debemos apoiar as inversións que se teñen que facer neste eido para poder competir con industrias como a chinesa. Temos que intentar que os fondos que apoian a Stellantis obriguen a este tipo de empresas a que as compras que fan se realicen dentro de Galicia. Neste sentido son moi crítica cos Perte da automoción porque non están traballados co sector. Só falando cas empresas somos capaces de detectar as dificultades que están afrontando é podemos aportar unha solución.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Noche accidentada en Ourense: un herido en una colisión y un atropello a un jabalí
LA MÁS POBRE DE GALICIA
Cae la pobreza en Ourense, pero aún castiga a uno de cada cinco hogares
EN MÍNIMO HISTÓRICO
Solo una de cada tres familias ourensanas tira de la huerta para ahorrar
Lo último
SIMBOLISMO Y SOLIDARIDAD
Cristina Pedroche vuelve a ser el icono de las Campanadas con un vestido reciclado