EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Cal é o primeiro obxectivo da rede de polos de emprendemento?
A idea é repartir a comunidade en comarcas, en zonas socioeconómicas, e crear alí unhas oficinas de asesoramento aos emprendedores, aos autónomos, ás microempresas e ás cooperativas de cada zona. Necesitamos un apoio específico para o emprendedor de cada zona xa que existe un tecido produtivo diferente. E logo aconsellar na rede de axudas, así como ter unha conexión entre os propios polos e as oficinas de emprego. Ademais, todos están coordinados dende unha dirección xeral de nova creación, traballan coa mesma metodoloxía, cunha ferramenta de intelixencia territorial, e dende xuño que comezamos, agora mesmo están abertos xa seis deles, o último deles en Carballiño. Máis de 200 proxectos xa teñen pasado por alí e agora mesmo hai 35 que xa son unha realidade.
Hai unha burbulla de emprendemento? Non estamos situando un escenario de que a propia administración lle xera unha etapa demasiado feliz a un proceso de emprendemento que ten moitísimas dificultades?
Eu diría o contrario. Para emprender non só fai falta unha idea. Ese é o erro máis común. Por suposto é esencial ter unha idea que aporte algo ao territorio, mais hai que acometela dende a seguridade, a viabilidade, cun plan de negocio serio que matice a idea inicial ou mesmo cambiala de territorio xa que nesa terra xa se presta ese servizo. Ofrecemos un asesoramento de primeiro nivel, incluso para dicir que non. Non só pensamos en potenciar o emprendemento sen máis, senón en regulalo, entendendo por isto que tamén hai que saber dicirlle a unha persoa que o seu proxecto non ten futuro. Tamén poden asesorarse as actividades empresariais que xa funcionan pero queren medrar e dar un cambio para potenciar o seu negocio.
Vostede asinou hai nada un convenio de colaboración con AJE. Onde está a clave dunha das súas denuncias habituais, que é a falta de cultura do emprendemento?
Creo que en Europa temos unha cultura de menor emprendemento que en Estados Unidos, por exemplo. Dende a propia educación estamos deseñados para traballar por conta allea. O emprendemento esixe dun risco e dunha valentía por parte da persoa, que non se pode suplir, pero tamén esixe que as administracións xeren un clima favorable para isto. Cremos que temos que dar unha coherencia e un apoio a todo o emprendemento, pero o territorio ten que estar ben comunicado, ten que haber un bo sistema loxístico.
Están rexistrados en Galicia algo máis de 140.000 desempregados. Como é posible que tendo semellante número de demandantes de emprego haxa tantas empresas que din que non atopan os perfís adecuados para incorporar aos seus equipos?
Estamos nunha situación anómala. É certo que as cifras de desemprego, para a situación de crise que vivimos, están bastante ben e temos uns datos mellores que a media nacional. Como se casa? Hai moitos factores, pero temos que mudar o sistema de emprego e adecualo ao tecido produtivo. Coa reforma do servizo de emprego traballamos coas empresas para coñecer esas vacantes, as cualificacións que se precisan, e reformular toda a formación para o emprego. A formación non está funcionando, xa que o mercado laboral cambia moito e precisa dunhas cualificacións moito máis rápidas e específicas. En Galicia o ano pasado, con estas novas colaboracións, logramos formar a 12.000 persoas nesas profesións específicas que os sectores estratéxicos nos demandan. Pero non só basta coas políticas de emprego autonómicas. As políticas pasivas que se están a desenvolver, refírome ao IMV, son políticas que agora mesmo non están dirixindo á poboación para que o vexan coma unha etapa de transición e busquen emprego. Dende o Goberno incitan ás persoas a non buscar emprego. E por outra banda, as empresas tamén teñen que cambiar o chip. Teñen que ofrecer bos salarios, iso é evidente, pero moitas máis cousas: os mozos buscan un benestar laboral, flexibilidade horaria, teletraballo…
Como son as novas oficinas de emprego?
O punto esencial do cambio é unha reforma tecnolóxica do sistema. É unha inversión de máis de 5 millóns de euros na ferramenta, que cos nosos datos e os do mercado, fai un cruce inmediato entre a oferta e a demanda de emprego que hai en Galicia. Isto vai acompañado de máis persoal, como 136 orientadores. O primeiro que supón é que existe un buscador competencial. Ata agora traballabamos con ocupacións ou titulacións. Agora o mercado non busca iso. Este sistema traballa en base á experiencia e ás titulacións de cada persoa, polo que che atribúe unhas competencias, e con iso, logra saber todo o abano de ocupacións que ti podes ocupar e todas as ocupacións que en Galicia existen con vacantes.
Plan Galicia Retorna. Como vai funcionar e como vai ser quen de atraer a persoas que volvan aquí cando o problema que temos é que os que están queren marchar?
Non estou de acordo. Galicia ten un saldo positivo, entra máis xente que sae.
Non no caso de Ourense.
Pero o programa está previsto para a comunidade. Hai moitos que marchan e moitos que volven. Hai quen marcha, e non é que sexa malo. Pode querer unha experiencia internacional, vital e ver o que hai fóra e despois volver. A clave é o eido laboral e o 40% do orzamento está orientado a iso. Agora mesmo temos medio millón de galegos no exterior, aos que lle ofrecemos, primeiro, un extraordinario estado de benestar e con moitas posibilidades. Tamén ofrecemos traballo. Quen veña aquí, viría con traballo indefinido, cun colexio para os seus fillos, cun sistema de saúde pública, cun sistema público de servizos sociais… Como funciona? O empresario con vacantes pode trasladalas ao servizo de emprego. Primeiro búscase en Galicia o perfil que demanda, e, se non consegue un traballador, entón é cando imos buscar ao estranxeiro. Alí as persoas teñen unha información e se queren participar entregan os seus currículos e o que fan as entidades colaboradoras é facer unha preselección para o empresario galego, quen ten a última palabra e fai a última entrevista. Ademais, imos financiar ata 100 horas de formación para adaptarse ao posto, financiamos a viaxe de avión, unha bolsa de 1.300 euros para gastos de alugueiro; coa contrapartida de que o empresario ten que contratalo de xeito indefinido e mantelo un ano polo menos.
Hai unha problema coa oferta educativa, que non concorda coa oferta laboral?
No caso da formación para o emprego, a oferta formativa non pensaba no que quería o mercado laboral. Ese é o cambio que estamos dando, xa que moita da cal está inadaptada. Esa información é a que hai que ir deixando a un lado pouco a pouco, polo menos a nivel de financiamento, pasando a financiar unha parte na que o tecido produtivo demanda. Os certificados de profesionalidade que agora mesmo non responden ás necesidades das empresas.
Que valoración fai do primeiro ano da reforma laboral do Goberno?
Fago case a mesma lectura que fixen cando xurdiu, ten elementos bos. Iso si, o que se prometeu nada ten que ver co que se fixo. O que se fixo coa reforma é cambiarlle o nome aos contratos. Agora mesmo quen traballaba con contrato temporal, ese nome pasou a ser un fixo descontinuo, que non é un indefinido de toda a vida. O que hai que lograr é maior calidade do emprego, modificar as políticas activas de emprego, achegándose máis á empresa.
Como se contemplan novas modalidades como o teletraballo ou as xornadas de catro días?
Ese é o presente, xa non o futuro. Canto máis grande é unha empresa máis fácil é incorporar estas ferramentas, mentres que para un pequeno autónomo é moitísimo máis complexo. Iso si, todos teñen que conseguir aplicalas. Hai que ir e cara a flexibilidade.
Aproban ou suspenden as empresas galegas en materia de igualdade?
Eu penso que van dentro da liña xeral, pero avanzan ben en igualdade. Dende 2017 estamos incrementando o salario feminino en moitos máis puntos ca o masculino, estreitando a fenda salarial entre homes e mulleres. Iso si, hai determinados sectores onde estamos subrepresentadas porque xa dende a educación non acceden tantas mulleres, pero logo tamén porque son profesións que non resultan atractivas e hai que dar a coñecer.
Mencionou varias veces o cambio de chip dos empresarios. O primeiro que deben realizar é o que ten que ver ca igualdade. Está previsto que en abril chegue ao Parlamento a lei galega de igualdade.
É unha lei moderna que inclúe as últimas tendencias a nivel internacional, con conceptos como a intercepcionalidade, a discriminación múltiple… Trata de adaptarse ao caso galego, contemplando un estatuto da muller rural e do mar, algo moi demandado. Dálle unha importancia moi grande á parte laboral e a estas medidas de benestar, a conciliación, a corresponsabilidade. E tamén é moi necesaria a formación en materia de igualdade nas empresas, porque se non de nada valen as leis que fagamos.
Ourense segue perdendo autónomos. Como se detén esa sangría?
Galicia ten a porcentaxe máis elevada de afiliacións de traballadores por conta propia. O dato de Ourense é notorio porque en Galicia temos máis de 200.000 autónomos e en Ourense só hai 23.000. Temos que pór sobre o territorio as posibilidades para que os que queiran, poidan emprender. Non só con axudas, tamén con ese asesoramento que damos focalizados en tres polos: Verín, Carballiño e O Barco. Ás veces observamos que hai persoas que queren emprender e non teñen nin idea das liñas de axudas que hai. Aí os polos ofrecen moita información, non só da Xunta, senón tamén da Deputación ou algún financiamento específico.
En Ourense estrañamos os obradoiros de emprego.
Os obradoiros son un programa marabilloso e dende logo todos os concellos que o ano pasado entraban nos requisitos. Eu sempre animo aos concellos que cumpren os requisitos a solicitalo porque as persoas que se forman, fórmanse traballando e obteñen o certificado de profesionalidade e isto é idóneo para atopar un emprego posteriormente.
Ganomagoga está nun proceso de despidos masivos e un ERE extintivo para poñer fin á súa actividade. Que papel pode xogar a administración nestes casos?
Creo que é importante. Vivimos esta situación con Vestas, con Barreras e agora con esta empresa e algunha outra. Son claves as advertencias para que non haxa mala fe no ERE. Tamén apoiamos aos traballadores asesorándoos e temos un papel mediador. Pero temos unha segunda función, a través do Igape, na que lle dicimos a todas esas persoas que quedan sen emprego que empregos hai dispoñibles para elas. A día de hoxe, o natural é que estas persoas acaben atopando outro traballo.
Hai data para Ourense para implantar o centro de atención 24 horas a vítimas de maltrato?
Xa está pensada a localización e en novembro debería estar aberto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Los ingenieros agrícolas de Ourense renuevan su cúpula
Pepe Paz, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas: “Temos que facer un novo rural con mais industrias agroalimentarias”
UNO MENOS QUE EN 2022
Ourense se acerca a su récord de colisiones provocadas por animales
CULTURA EN EL RURAL
La Red Provincial de Auditorios de Ourense alcanza los 7.500 espectadores
Lo último
LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo esquiva Ourense, que jugó como nunca y perdió como siempre
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Agradecemento pola Operación Quilo
VUELTA EL 29 DE DICIEMBRE
El fútbol ourensano se va de vacaciones de Navidad con los deberes hechos